ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

24/05/16

A piragua

Comentario de Telmo García

A piragua
Cándido Pazó
Laiovento








Esta pequena obra teatral gustoume moito. Aínda que pequena, pois non ten  máis que 130 follas, é unha lectura densa xa que mezcla tempos, cruza historias e emprega escenas de teatro (o teatrillo da carpintaría de Lucía , Brandán e Suso)  dentro da propia obra de teatro. Ler este drama esixe un lector que sepa montar as historias e encaixar piezas e pistas,  pero iso gustoume e mantivo a miña atención. Así que a obra é breve, pero intensa.  

O libro de Cándido Pazó desenvolve o tema da violencia de xénero dunha maneira serea, pero contundente e tamén diferente.  Gustoume que non houbera una asasinato dunha muller. A asoballada Rosa supoñemos que empeza unha nova vida, lonxe de Delio, un prototipo de marido controlador e  agresivo. Ela  avanza na súa vida e non acaba morta.  El, en cambio afúndase no seu propio desastre e acaba sendo vítima da súa propia violencia.

Outros libros que lin neste curso e no anterior sobre este tema tiñan sempre un final violento para as mulleres, pero nesta obra non é así. Aquí ábrese a porta á esperanza. A vítima di adeus  aos malos tratos verbais e físicos, e é o maltratador quen acabará no cárcere. O final da obra coa motosierra do principio soando encantoume porque crea un efecto de historia redonda e tamén de peche rechamante.

Para min,  a  mensaxe que intenta trasmitir esta obra teatral é que o ser violento sempre acaba móstrandose. As persoas violentas son tóxicas e evitalas é o mellor que un pode facer. Con elas non hai lugar ao dialógo e están moitas veces agochadas tras falsas amabilidades, tras iso que chaman un “carácter forte”. Delio era un mal home, un acomplexado e manipulador emocional e algo tan rídiculo como unha piragua dun veciño nun garaxe valeulle de escusa para estoupar e amosar ao verdadeiro Delio.  

Sen comentarios