ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

12/11/15

Erros e Tánatos

Comentario de David González Sampayo


Erros e Tánatos
Gonzalo Navaza
Xerais
  


Este foi o primeiro libro que lin de Gonzalo Navaza e en xeral non me defraudou, gustoume bastante. Este é un libro de relatos que me fixeron rir, nos que o tema principal de cada un destes contos son a casualidade, os erros do ser humano e o engano. Por outra parte, cada unha das obras que forman este libro están cheas de intriga e emoción, xa que en cada unha delas estás agardando a coñecer cal é o desenlace do relato e saber cal foi a coincidencia na que se centrou Gonzalo. Outro feito que me gustou moito foi que algúns dos relatos están ambientados en Lalín, e este pareceume un dato bastante curioso. Outro aspecto que quero destacar, é que, na miña opinión, o autor posúe un gran dominio da técnica literaria, a cal lle permite entrelazar moi ben todas as coincidencias que dominan cada relato. Houbo dous relatos no libro que me fixeron rir e que me gustaron moito; en cambio, outros dous relatos que eu non os incluiría neste libro. Positivamente quero destacar "Bull e Mignonne" e "Vinte pesos de prata". As dúas obras que menos me gustaron foron "Decoración e interiorismo" e "O home do saco".

"Bull e Mignonne" é unha historia que me fixo rir bastante, a pesar de ter un tráxico final para Emiliano Zingarelli. Este relato conta unha historia protagonizada por Moreiras e Emiliano Zingarelli. Nesta obra Moreiras coñece, en Suíza, a Zingarelli nunha estación de tren. Os dous collen o mesmo tren, no que entra unha guapísima muller. Cando o italiano ve que un home se acerca a muller e fai boas migas con ela, el dille que ela está tola e o home, asustado, escapa. Agora Zingarelli ten vía libre; fala coa muller un pouco e marcha con ela, mentres lle chisca un ollo a Moreiras. Uns días despois, este último, de volta á casa ve nun periódico de Zúrich que os cans da esvelta muller, mataron a Emiliano. Sen dúbida esta foi a historia que máis me gustou e, facíaseme familiar porque lera unha adaptación desta obra no libro de lingua de 3º da ESO. Outro aspecto que me gustou foi o ben que están descritos a ambientación e os personaxes.

Outra obra que foi do meu agrado, foi "Vinte pesos de prata", na que o tema principais son o engano e o reencontro entre dous irmáns, separados polo Océano Atlántico. Este foi o relato que máis graza me fixo. Nel, un home, que se disfraza de varias persoas, engana a un taberneiro. Este engano consiste en cambiar moedas de 100 pesetas, por moedas de 200; pero o taberneiro do Arnego cre que está pagando 200 pesetas por moedas de prata, pero non é así. Un día un garda civil chega a taberna e faille entender ao taberneiro, que está sendo vítima dun intelixente engano, e tamén lle di que deteron á persoa que realizaba esta acción. Cando chega á comisaría, entérase de que quen o estaba enganando era o seu irmán, ao que levaba moito tempo sen ver.

Negativamente, quero facer referencia a "Decoración e interiorismo" e a "O home do saco", xa que me pareceron dúas historias sen intriga ningunha, sen emoción e foron, quizais, as únicas obras que non me fixeron rir nada. En "Decoración e interiorismo", o único que entendín foi que un home se vai mudar a un piso e o seu deseñador invita a comer a unha veciña do edificio. Deste relato tamén quero dicir, que a pesar da súa brevidade, fíxoseme moi pesado. En "O home do saco", o único elemento que me provocou algo de interese foi que a obra se desenvolve no centro de Lalín, e na miña cabeza, ía representando e imaxinándome os lugares polos que camiñaba o protagonista; como o comercio de Mato ou o campo da feira. Polo resto, esta obra, non espertou en min ningún tipo de interese.

Sen comentarios