ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

13/01/15

O club da calceta

Comentario de Cristina Costela

 
O club da calceta
María Reimóndez
Xerais
 
 
 
Este libro é unha obra feminista espectacular que relata situacións que ocorren en moitos sitios e, de feito, seguramente coñezamos algún caso semellante aos que se narra.
 Penso que o deberían ler todas as persoas, para así decatarse do que sucede na actualidade con moitas mulleres. Que non se valoran por como son e polos seus coñecementos, senón polo seu físico. Así, por ser coxa ou ter un físico bastante voluminoso, míranas de forma diferente e búrlanse delas.
Cando a profesora mo deu e vin o título e a súa portada, pensei que non me ía gustar moito, pero é un libro que te fai reflexionar sobre a situación que pasan moitas mulleres hoxe en día. Son infravaloradas e por iso, as primeiras que se teñen que valorar e querer son elas mesmas, e así despois, demostrarlle á xente que non confiaba nelas, que loitando e perseguindo os seus obxectivos, poden triunfar.
Os relatos destas seis mulleres fixeron que me decatara da desigualdade que existe na sociedade e de que hai que saber actuar fronte a esa desigualdade. Estes relatos son diferentes pero moi parecidos á vez, xa que grazas á amizade que entablaron no club, sacaron forzas para loitar a un presente que as nega ou minusvalora.
Todas as historias fanche reflexionar e todas son situacións que podes ver hoxe en día ao saír á rúa.
As historias que máis me gustaron foron a de Rebeca, Fernanda e Luz.
Porque no caso de Rebeca todos a consideraban unha loira tonta por ser guapa e ter as medidas perfectas. Ela mesma decatábase de que moitas veces a facían pasear para podela observar, e só lle daban o posto de secretaria, sen tan sequera saber os coñecementos dela, pero grazas á axuda das mulleres que formaban parte do club da calceta conseguiu montar unha empresa para axudar as mulleres, da que tamén formaban parte Luz e Anxos.
Fernanda pareceume un exemplo de superación e de esforzo; onde aprendín que ninguén ten barreiras e que se se propón algo pódese conseguir.
Por outra parte gustoume moito a actitude do seu marido, Xan, que tiña nela unha confianza cega e sempre estaba dándollle ánimos, ata tal punto de botar unha semana cunha perna atada para demostrarlle que non lle importaba que fora coxa e saber como se vivía ao ter unha soa perna.
E grazas a historia de Luz comprendín que aínda que haxa xente que sexa prostituta, a maioría non é que se dediquen a iso porque queiran, senón porque as obrigan. E non por iso debemos miralas coma se fosen xente rara, xa que hai moitas que non poden saír deses clubes e métenas no mundo das drogas e a saber que fan con elas. Pero Luz conseguiu saír de alí, e a pesar de ser case analfabeta comezou a escribir todo o que ela imaxinaba ao cerrar os seus ollos, grazas ás do club da claceta.
Por iso, como no final do libro: Un brindis polo club da claceta !

Deste libro quédome con que nunca debemos darnos por vencidos e que sempre debemos loitar e traballar en equipo, xa que así podemos conseguir os obxectivos de forma máis sinxela. Como di o refrán: “A unión fai a forza”, por iso,  se nos axudamos entre nós, podemos conseguir os nosos propósitos.
 Recoméndoo sen dúbida, xa que me parece un libro moi interesante e que debería ler todo o mundo, para desfacer esta sociedade machista.

1 comentario:

Noelia Blanco. dixo...

O club da calceta é un libro que nos ensina á perfección o machismo que houbo e hai aínda hoxe en día.
Pareceume moi orixinal por parte de María Reimóndez o feito de que os títulos de cada capítulo fosen pezas que, ó fin, non só formasen un xersei, se non que formasen tamén unha gran amizade entre as nosas protagonistas.
As dúas historias que máis me conmoveron foron a de Luz, xa que foi obrigada a prostituírse dende os 14 anos, e levou unha vida dura, con malleiras, etc.
A outra historia é a de Fernanda, que sen unha perna tivo que loitar e vivir. Cómpre dicir tamén a sorte que tivo co marido que encontrou.
A novela deixa unha envidia sana desa boa amizade destas seis mulleres, que de verdade, calquera persoa precisa.