ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

19/06/14

O mundo secreto de Basilius Hoffman



Comentario de David Cabaleiro


O mundo secreto de Basilius Hoffman                                                                               O ladrón de soños                                                                                                      
Fernando M. Cimadevila
Urko


O mundo secreto de Basilius Hoffman comprende un ambicioso proxecto de fantasía que nos amosa o seu primeiro título: O ladrón de soños.

Dende esta primeira novela mergullámonos nunha dimensión estraña e complexa, un universo paralelo onde o profesor Basilius Hoffman, ademais de científico, lingüista, arqueólogo e historiador desenmascara a súa faceta máis aventureira como explorador de mundos ocultos, e guía ao seu sobriño Peter, abandonado por uns pais demasiado ocupados, nunha viaxe na que os mitos e as lendas de moitas culturas diferentes conducen cara a unha asombrosa e única revelación que marcará o destino da humanidade. Un gato que camiña a dúas patas, e que quere apoderarse dos soños de todo o noso planeta!? Unha obra que pretende chegar tanto a un público adulto coma ao xuvenil cunha lectura de dobre profundidade, na que os máis novos gozan da clásica aventura e os maiores poden recuperar aquela maxia das súas primeiras lecturas no xénero da fantasía sempre, e como a tradición indica, cun pano de fondo que reivindica o poder da creatividade e da imaxinación.

O tamaño non importa. Esa foi a principal conclusión que saquei desta marabillosa novela que, malia o seu aspecto case de devorador de lectores, se funde coa personalidade de practicamente calquera dende o primeiro momento. Cada paso dos protagonistas constituía un camiño envelenado que esixía moito valor e un gran temperamento. Por iso, este libro tamén é un claro exemplo de superación, xa que fronte aos perigos que se presenten, o mellor é arrincar o temor do fracaso. Novos inventos, dende máquinas voadoras ata a máis sobrenatural das máscaras, e o mestizaxe de seres nunca vistos con voz de seu mestúranse nunha sopa de letras engaiolante e certamente máxica. Ademais, unhas belas e representativas imaxes por partes de Iván Valladares, contribúen a destapar unha obra dobremente perfecta, unha aliaxe de materiais de gran devoción. En fin, non teño palabras, simplemente moverei o tempo coas miñas propias mans para poder comezar coa segunda parte dos proxectos de Basilius Hoffman.

Se ti tamén es do club dos fanáticos fantásticos, e buscas algo innovador e cativador, imaxinativo e improbable, mítico e lendario, clásico e moderno, fílmico e literario, tradición e suposición, ciencia e historiaesta recomendación vai para ti.

Sen comentarios