Que ocorre cando
se mestura unha vella rica e vingativa, dous sobriños ansiosos de cartos, unha
rapaza fiel a Deus, dous cuñados moi compenetrados, un neno mimado e un
detective de televisión? O resultado é Unha
rosa é unha rosa, unha comedia de medo, ironía e moitas sorpresas.
Ao ser a primeira
obra dramática que lía, non estaba moi seguro de que me fose gustar. Pero ollando
soamente as tres primeiras páxinas, e coñecendo como eran Pololo, Adela e as
demais personaxes, souben que este libro estaba feito para min.
Pareceume moi
enxeñosa a trama da obra: unha familia busca apoderarse da herdanza da súa tía
Rosa acabando coa vida dos seus opoñentes, pero a pesar da súa desconfianza
entre eles, acaban traizoados pola persoa que menos esperaban. Ademais, está
escrita con moito coidado, procurando a sorpresa e, sobre todo, a risa do
lector. Podo afirmar sen medo a equivocarme que Unha rosa é unha rosa é unha gran obra dramática, chea de picardía,
retranca, comedia, fantasía, acción… e traxedia como guinda do pastel. A partir
de agora, buscarei máis tempo libre para disfrutar deste xénero e de toda a
maxia que nel se garda.
Quero recomendarlle
este libro especialmente a todas as persoas que precisen esquecerse por un
momento do mundo real e botar unhas cantas gargalladas pois, sen dúbida ningunha, atoparán neste libro o compañeiro perfecto.

1 comentario:
Este libro trata a traxedia e o humor por igual, por iso me gustou tanto a pesar de que sexa teatro.
Publicar un comentario