ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

11/01/14

Un millón de vacas

Comentario de Sonia Troitiño Loureiro


Un millón de vacas
Manuel Rivas
Xerais




Un millón de vacas foi, para min, un dos mellores libros que lin. Está conformado por un total de dezaoito relatos curtos que relatan historias cotiás sucedidas en Galicia, contadas dunha maneira moi enxeñosa. O que máis me sorprendeu, nun primeiro momento, foi a súa sorprendente portada que pode resultar un tanto divertida ou estraña pero ao fin, orixinal. Outra das cousas que me chamaron a atención foi a gran aparencia de realidade que presentan cada unha das narracións e os seus argumentos tan pouco comúns e á vez, interesantes. En cada unha delas reflíctese unha pequena parte de Galicia, sobre todo da súa parte máis rural dunha forma moi entretida e singular. A súa lectura é realmente sinxela. Baixo o meu punto de vista, todos os relatos presentan algo que os fan únicos e moi interesantes pero, aínda así, debo destacar certos deles que eu atopei como os máis interesantes. Eses son: Primeiro amor, que narra a historia dun rapaz que se atopa co seu primeiro amor anos despois; O navegante solitario, no que se fala dun bar con un dono que presenta un carácter un tanto peculiar; Un deses tipos que vén de lonxe, que conta a historia dunha moza que lle presenta o seu mozo aos amigos, os cales non resultan agradalo demasiado; Que non quede nada, que comprende a historia dun pai que non quería armas de xoguete para o seu fillo e presenta un final espectacular; Un millón de vacas, que narra a historia dunha vella que busca a alguén que a leve a ver ao seu amor coa escusa de que vai ao médico e Madonna, unha carta escrita por unha nena na que fala do nacemento dun becerro o día de Noiteboa.
Resultoume realmente entretida a lectura deste libro e penso que de cada un dos relatos se pode aprender algo. É, para min, un deses libros que nunca vén mal telo a man e non me importaría lelo e relelo en varias ocasións. O que máis me chama a atención con respecto ao autor é a súa maneira de escribir. Emprega elementos claros, e a diferenza de outros, fai unhas descricións pouco detalladas pero á mesma vez suficientes para percibir todos os elementos necesarios da descrición. Encántanme os seus finais tan concisos e impactantes que, baixo a miña opinión, din moito máis así, ca se fosen máis extensos e detallados. Para rematar recomendo este libro a todos e todas sen excepción porque é un libro que de seguro será recordado nun futuro e é unha moi boa maneira para pasar un tempo divertido.

Sen comentarios