ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

18/01/14

O club da calceta

Comentario de Martina Domínguez


O club da calceta
María Reimóndez
Xerais




Se digo que este é un dos mellores libros que lin na miña vida é quedarme corta.
Esta obra narra a vida de seis mulleres moi distintas entre si. Como ben di no resumo dános unha visión da sociedade machista na que vivimos pero en seis historias. A verdade, nalgúns momentos estalo lendo púxome de malas, porque me enfada que esas cousas sexan verdade e haxa tan pouca igualdade na sociedade pero tamén me chegou ao corazón. Este libro creo que nos dá un empuxón a todas para erguernos a dicir: "Xa basta!" porque non sei como seguimos tolerando estas situacións. 
Obviamente recomendo "O club da calceta" porque penso que a todo o mundo lle viría ben abrir algo máis os ollos. A día de hoxe todo está tan camuflado baixo unha aparencia hipócrita de igualdade que é menos doado velo que antes pero segue pasando, seguen estando os homes por riba das mulleres, séguesenos tratando coma obxectos, nós mesmas caemos nun comportamento que vai en contra de todas as mulleres.
Un dos feitos que máis me abraian a día de hoxe é como as rapazas da miña idade teñen comportamentos totalmente machistas, e, como se dicía no libro non é imposible que as mulleres sexamos amigas, porque se agora temos dereitos é grazas á unión de moitas mulleres.
Unha das cousas que máis me irritou do libro foi cando unha delas, Rebeca, foi facer entrevistas de traballo porque segundo ela estaba farta de traballar para dous ineptos que a tomaban por estúpida só por ser loira e ter unhas medidas "perfectas"e que odiaba ter que ser a súa secretaria cando sabía que estaba capacitada para os postos deles, ademais de que ela mesma se daba conta de que moitas veces a mandaban pasearse por aí para vela. Entón chegou ao sitio da entrevista e o home díxolle que só chegaría ao posto de secretaria dun home porque unha muller se poñería celosa da súa beleza. Eu quedei abraiada e só puiden pensar: por que temos que pasar por estas cousas? E por que pensan que unha muller se poñería celosa diso? Porén, é o que ocorre nos despachos das empresas, manexadas por homes nas que ademais as mulleres teñen inferior soldo nun mesmo posto e moitas veces non as ascenden só polo feito de ser muller.
O libro tamén relata a vida doutra rapaza que é puta e dá unha visión horripilante de como pode chegar a ser a vida de cruel. A min a verdade velo desde ese punto cambioume a opinión que tiña sobre ese traballo. Dáme vergoña ter pensado que ser prostituta é un traballo digno, pero non, non o é. Pode que moita xente teña a visión dunha muller que quere facelo e cobra por servizos sexuais e fin, pero non, na prostitución a maioría son mulleres obrigadas a facelo, o chamada "tráfico de brancas", ademais de mulleres que se meten en clubs dos que despois non poden saír, porque acaban coaccionadas, por ameazas ou maltratos psicolóxicos, necesidade de cartos para drogas... Respecto a este tema pode que tamén se teña o ideal xeral de que o cliente vai e se nalgún momento a muller se nega a algo a respeta e lle fai caso, ben, pois eso non sempre é así, e quen as protexe se as violan ou lles pegan? No libro contan como moitas se fan drogodependientas para poder acabar as noites.
Na obra tamén se trata o machismo no ámbito relixioso a través de Elvira, unha muller vella pero bastante aberta de mente que se negou no seu tempo a ser sometida por un home casando e pola familia que a quería meter a monxa, e fíxoo loitando xa que traballaba todo o posible para ter que comer ao acabar o mes e así poder ser libre.
Eu creo que este libro se debería pór obrigatorio no instituto, porque non só é importante ler os clásicos da literatura, tamén se debería ter en conta libros como este que intentan que todos reflexionemos e combatamos con esta sociedade que pretende facernos invisibles e anularnos ás mulleres en moitos aspectos!
Unha obra feminista espectacular que relata siuacións e vidas que ocorren en todos os sitios, e de feito seguramente coñezamos máis dun caso que sexa semellante aos que se contan.
E por todos estes motivos que lle dou a miña noraboa á escritora, e recomendo que o leades!

Sen comentarios