ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

29/05/17

Penúltimas tendencias

Comentario de Noa Villar Gallego


Penúltimas tendencias
Carlos Negro
Xerais
 
 
Para moita xente da miña idade, a poesía non é máis ca algo aburrido que che obrigan a ler no colexio, algo que foi escrito moitos anos atrás e que non es capaz de entender porque case sempre utiliza unha linguaxe moi anticuada; para moita xente os poemas son esa cousa que che obrigan a analizar e memorizar sen nin sequera saber o que significan ou sen entender tampouco o que eses versos tratan de expresar.
Pero no libro do que vos vou falar, Carlos Negro trata de rematar con todos eses prexuízos que existen en canto á poesía, e para iso preséntanos uns asombrosos poemas que nos farán cuestionarnos moitas cousas e nos cales tamén se tratará de darlle a volta á terrible realidade que observa todos os días. Mediante estes sinxelos versos tamén intentará achegarse aos máis novos e metelos nun mundo tan bonito como é o da poesía.
Penúltimas tendencias preséntanos unha moza que non está disposta a facer o que a sociedade quere que faga, unha moza con afouteza, unha moza que quere ser ela mesma e que sabe que ninguén llo pode impedir, unha moza que aspira a moito máis ca a estar fermosa para o rapaz que lle gusta, unha moza disposta a darlle a volta a todo aquilo que lle dixeron que estaba ben cando era pequena, unha moza que non asinte e cala cando se atopa con algo que non lle gusta.
En definitiva, comecei este libro sen saber moi ben que esperar del, pero resulta que me atopei cunha moi grata sorpresa, un libro cuns versos moi sinxelos de entender pero cunha reflexión moi profunda detrás deles. Claro está que Negro non puido ter escollido un tema mellor ao que dedicar estes versos, e máis ca finalidade de chegar aos novos lectores que este libro tiña. Unha lectura moi inspiradora á vez que necesaria hoxe en día.

Sen comentarios