ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

26/05/17

Makinaria



Comentario de Noa Villar Gallego


Makinaria
Carlos Negro

Xerais
 
 
 
Desta volta Carlos Negro preséntanos un libro cheo de adrenalina, velocidade e enerxía; un libro dirixido especialmente a todas aquelas persoas ás que lles gusta acelerar, queimar roda e sentir a velocidade na estrada; un libro de bos comezos pero  tristes e sanguinolentos finais.

Makinaria móstranos unha nova forma de escribir poesía, onde non todos os versos teñen que ter exactamente o mesmo número de sílabas e rimar entre si, como o fan case todos os demais poemas que nos ensinan no colexio.  Senón que nos mostra uns versos cunha métrica libre, moitos deles sen división de estrofas e cun vocabulario propio da xerga xuvenil.

Con estes versos tan peculiares, Carlos Negro trata de advertir a todas esas persoas que cren ter a situación baixo control cando se soben a un coche cun condutor borracho, cando queren sentir a adrenalina provocada pola velocidade e se lanzan á aventura ou cando pensan que son as únicas persoas na estrada e que non lles vai a pasar nada aínda que vaian un pouco máis rápido do permitido.

 E que mellor forma pode haber para advertir a alguén ca mostrándolle a pura realidade? Pois iso é xusto o que se fai neste libro, os finais poden parecer un pouco duros e crueis pero simplemente son finais reais. 

Para rematar direi que Makinaria é un libro moi pero que moi necesario, e máis para o tipo de público ao que está dedicado. Espero que todo aquel que se atreva a mergullarse nesta marabillosa lectura a saiba aproveitar e decida non poñer en perigo a súa vida na estrada.
 

Sen comentarios