ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

20/04/17

Drácula

Comentario de Roberto Agra Buján


Drácula
Bram Stoker
Xerais


Que podo dicir desta novela de Bram Stoker? Unha vez lido o libro só me queda rendirme á evidencia e explicar que "Drácula" é unha obra mestra, unha novela que estableceu uns piares no xénero do terror que perduran ata os nosos días. Antes de entrar en materia gustaríarme facer unha mención a que "Drácula" tamén se entende como a maior novela erótica victoriana, ao principio tiña os meus receos con respecto a este tema pero logo de rematalo libro, só podo dicir que é absolutamente certo.

Por onde empezar a gabar esta novela? Reloce en todos os aspectos; narrativa, personaxes, ambientación... E o final, que final! Non direi moito sobre el, pero podo asegurar que me fixo conter a respiración ata o último intre, todo podía pasar e a incerteza por non saber como acabaría todo estivo a piques de estresarme ata tal punto que estiven tentado a mirar directamente a última páxina para saber como remataba todo. Por fortuna non o fixen e grazas a iso, levei unha enorme sorpresa.

Os personaxes son, nunha palabra, perfectos. Cada un ten os seus propios puntos fortes e gustoume sobre todo que Drácula non fose un deus, refírome a que Drácula ten os seus propios temores e non é todopoderoso. Os protagonistas teñen os seus propios medos mais aínda así enfróntanse ao medo e traballan conxuntamente por un obxetivo común, acabar con Drácula.

A novela vaise relatando a través dos diarios dos protagonistas e algún que outro recorte de periódico, todo isto ao principio non me acabou de convencer pero acabou por encantarme, grazas a este simple sistema, os enigmas multlipícanse e iso engánchate de maneira máis forte se cabe a seguir coa lectura.

Coido que logo de todo o que escribín, a miña opinión sobre "Drácula" está máis que clara, estamos ante unha obra mestra do terror e que sen dúbida fai que moitas das novelas deste xénero parezan simples relatos cotiáns un pouco inquietantes. Aínda que eu teño certa indiferencia frente ao medo (moitas novelas deste tipo levo xa lidas), "Drácula" fixo que tremese de medo en certos puntos pola impresión que me causaban certos feitos que ocorrían e esta impresión víase incrementada por estar lendo a novela de noite. En resumo, a min "Drácula" encantoume.

Sen comentarios