ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

01/03/17

As palabras feridas

Comentario de Noa Villar Gallego


 As palabras feridas
Jordi Sierra i Fabra
Editorial Galaxia



Nun remoto país asiático con réxime ditatorial, Li Huan é chamado para cumprir o servizo militar obrigatorio nun campo de reclusión para prisioneiros políticos. O noso protagonista era soamente un rapaz cando estalou a Revolución e o Partido tomou o poder. Agora, o país está gobernado por un único líder que non deixa pensar, un líder que anula a personalidade, un líder que fai que todos os seus seguidores sexan incapaces de pensar por si mesmos e un líder no cal Li Huan cre con firmeza.  
Unha vez no campo de reclusión, Li Huan pasa a ser o responsable da vixilancia de Wang Zhu, un vello profesor e poeta que é detido por “disidente”. Entre estes dous establécese un pulso tremendo entre o deber de un, e a resistencia do outro.  O profesor esperta unha admiración en Li Huan que fai que comece a replantexarse algunhas cousas e tamén que descubra a forza indestrutible que pode ser o amor.
Unha historia sobre a liberdade e a opresión, unha historia sobre o moito poder das palabras e o pouco poder da forza, unha historia que demostra que non todo é branco ou negro, unha historia que che ensina a tentar ver as cousas dende outro punto de vista.
Pareceume unha lectura da que se poden sacar moitas aprendizaxes, unha lectura interesante e sinxela, pero tamén teño que recoñecer que hai moitas novelas deste mesmo escritor que chamaron moito máis a miña atención do que o fixo esta.

Sen comentarios