ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

12/03/17

A neve interminable

Comentario de Roberto Agra Buján


A neve interminable
Agustín Fernández Paz
Xerais


Había tempo que non lía un libro de Agustín Fernández Paz, obviando iso si, o que tiven que ler na primeira avaliación por mor dun traballo. Pero volvendo ao tema, este libro encantoume, non só por ese estilo que tiña Agustín de englobar nunha gran historia historias máis pequenas pero que enganchaban de igual modo. A novela xira en torno a un grupo de guionistas que viaxan a unha casa de turismo rural illada en Fonsagrada para conseguir inspirarse; logo de levar un tempo alí, a neve empeza a caer sen pausa, os guionistas seguen co seu labor e cada un escribe un relato, ditos relatos chegarán a nós e poderemos ver como cada guionista busca o terror á súa maneira.

Todos os relatos son pequenas xoias que amenizan unha, xa de por si, interesante historia. Todos os relatos tratan diversos argumentos típicos do xénero que ten por premisa causar medo, dende un monstro do que case non se dan detalles, ata unhas nenas que se converten en pantasmas, pasando por unha vinganza dende o máis alá e os xa clásicos vampiros. Aínda que é unha decisión complicada, se tivese que dicir o relato que máis me gustou, escollería "Herdanza de sangue", un máis que estremecedor relato sobre os vampiros.

A historia principal na que se basea o libro bebe de directamente da reunión que varios nobres e escritores mantiveron no 1816, entre eles están a escritora de Frankestein, Mary Shelley, o instaurador na literatura europea da figura do vampiro, John Polidori, e o creador do poema postapocalíptico Darkness, o nobre inglés Lord Byron.

"A neve interminable" é un relato que xoga coas apariencias e tenta sorprender en cada capítulo, cousa que consigue sen dúbida, que se centra na historia principal. Este é,  na miña humilde opinión, un dos mellores libros de Agustín Fernández Paz.

Sen comentarios