Comentario de Noa Villar Gallego
ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.
31/10/16
Normal, diferente
Normal, diferente
Kristina
Dunker
Dei con este
libro por pura casualidade; no medio dunha longa lista de títulos, autores e
editoriais, os meus ollos repararon en dúas palabras que chamaron a miña
atención: “Normal, diferente”. Pode
parecer un título sinxelo ou pouco pensado para un libro, pero algo tiña que me
fixo buscar a ficha do libro en Internet. Despois de descubrir un pouco de que
ía, decidinme a lelo, e que ben fixen!
Normal, diferente cóntanos unha historia de amor que
sae do común, unha historia nada convencional que te encadea ao libro e que non
te deixa ata que o rematas. Vera (máis coñecida como Speedy) está namorada de
Jan, un rapaz un tanto diferente. Ela faríao todo por chamar a atención do seu
amor, pero non é tan doado. Cando unha noite quedan os dous para ir a un
concerto, Vera fai un descubrimento que a perturba e lle dá que pensar.
Nesta novela
trátanse temas moi interesantes como o rexeitamento social cara á
homosexualidade, a comprensión cara a unha persoa que che revela algo do que non
se sente moi cómodo falando ou incluso o amor que reside dentro dunha gran
amizade. Non pode haber mellor título para a obra, e soamente caes niso unha
vez que a les. As palabras “normal” e “diferente” reflicten o xeito no que a
sociedade actual ve a un heterosexual fronte a un homosexual e tamén o xeito no
que Vera vía a Jan: coma unha persoa normal mentres que os seus compañeiros o
vían coma se fora diferente a eles.
Foi unha
lectura moi interesante, xa que hoxe por hoxe, costa atopar unha novela que
trate o tema do amor dun xeito que non sexa: mozo namórase de moza. Unha obra
que fai pensar, que trata un tema fóra do común noutras novelas, que está ben
escrita e que ten un bo final. Que máis se lle pode pedir?
Atoparalo en Amor, Galaxia, Sexualidade, Sociedade, Tradución
28/10/16
Enderezo descoñecido

Enderezo descoñecido
Kressman Taylor
Xerais
Este é un libro que che fai sentir unha inmensa pena e dor ao ver como os
seres humanos podemos volvernos tan crueis, amósanos a peor cara do ser humano,
e como se pode pasar do amor ao odio dun día para outro.
Tamén nos impulsa para non deixarnos lavar a cabeza por ninguén e que os
erros que sucederon no pasado queden aí e non deixemos que se volvan repetir,
tamén nos serve para dar máis valor ás amizades verdadeiras.
Por outra parte vese reflectido o machismo da época, xa que se ve como a
muller queda nun segundo plano, sen poder ter as súas propias ideoloxías
políticas e seguindo o que o seu marido lle ordene sen saber nin sequera o que
iso supón, e este acontecemento ponme os pelos de punta, e por iso mesmo lle recomendo
este libro a calquera persoa.
27/10/16
Marta ante o espello
Comentario de Noa Villar Gallego
Marta ante o espello
Teresa
Calo Fontán
Xerais
Marta
ante o espello preséntanos un monólogo dunha adolescente duns dezaseis anos que
sufriu unha enfermidade tan complexa como é a anorexia. Xa dende que reparas na
imaxe e no título que nos amosa a cuberta, comezas a notar a dureza desta
lectura. Unha lectura sinxela pero que non deixa de tratar un tema tan
complicado e tabú na nosa sociedade como é a anorexia.
O
libro conta a vida de Marta, unha adolescente xa morta que recorda os seus
últimos meses de vida, antes de morrer a causa de anorexia. Mentres ela vai
avanzando no seu monólogo, aparecen personaxes que dialogan con ela, tal coma o
seu propio esqueleto ou unha báscula. É un texto que ten certa crueldade posto
que en determinados momentos, a enfermidade é tratada de xeito un pouco
humorístico. Conta a loita de súa nai para que ela superase a enfermidade, as
causas polas que comezou a entrar nese mundo e ata as consecuencias que iso lle
trouxo.
Como
opinión propia direi que é un bo libro para iniciarse na lectura dos textos
teatrais e, pouco acostumada a ler
escritos deste tipo, pareceume interesante e moi sinxelo de ler. Tamén foi un
libro que che fai cavilar ao mesmo tempo que o fai a protagonista. En definitiva,
unha lectura perfecta para atacar nun día de reflexión.
26/10/16
Enderezo descoñecido
Comentario de Lara Verde Iglesias
Enderezo descoñecido
Kressman Taylor
Xerais
Así
definiría eu este libro, un libro que paga a pena, de misivas entre
un xudeu e un alemán.
Ademais de interesante, o que máis me chamou a atención foi descubrir que non é
o típico libro no que se relatan as barbaridades que cometían os
alemáns cos xudeus nos campos de concentración. Fala do
sorprendente poder que pode ter unha persoa, neste caso Hitler, nas
mentes dunha sociedade, e de como afectou toda esta calvarie ás
persoas.
Nesta historia, amósase claramente como se pode partir da amizade ao odio en pouco tempo, dous anos de estadía na Alemaña nazi.
Paréceme
inaudito como un só home conseguiu convecer a toda unha nación
(ou a gran maioría) de que a solución para alcanzar, un cambio, o
avance, a mellora dun país, que fora asolado polas guerras, era a exterminación dos xudeus. Este libro encantoume
porque me fixo reflexionar e como xa dixen antes sorprendeume o
control que unha persoa exerce sobre a mente dunha sociedade, ansiosa
dun cambio.
25/10/16
A Viaxe de Gagarin
Comentario de Silvia Souto Froján
A Viaxe de Gagarin
Agustín Fernández Paz
Xerais
A Viaxe de Gagarín do escritor Agustín Fernández Paz é unha novela
ambientada na época de Franco. Nela ,Miguel, cando xa terminara a dictadura,
comeza a escribir a súa infancia, pasando por toda clase de recordos. Este
libro dá a sensación de querer pasar ó protagonista por todo tipo de
situacións: dende que se namora por primeira vez, dende que un profesor a toma
con el polas súas ideas ou cando seu pai foxe por un longo período e súa nai
pasa dous longos días nos calabozos. Quizais esa parte na que o pai foxe pola
ditadura é unha das miñas partes favoritas, aínda que non é agradable, Miguel
comeza a ver o mundo tal e como é, e á súa vez, a facerse máis maduro. Tamén é
aí cando se desvelan moitos dos segredos que o rodean e que el só sospeitaba.
Non foi un libro que me encantara e penso que a razón foi que apenas
tiña unha importante historia detrás de todo. Trata moitos temas pero ningún a
fondo, salvo quizais cando se namorou. Gustaríame que houbese varios feitos que
me chegaran a sorprender, ou que na súa vida pasase algo que a volvera distinta
á dun rapaz normal na época na que vivía. Destacou pola súa fascinación polo
espazo, aínda que non tratou moito o tema.
O libro iníciase e termina con dúas datas espaciais moi importantes:
primeiro co cosmonauta Gagarin e despois coa chegada do home á lúa para
rematar.
Atoparalo en Agustín Fernández Paz, Ditaduras, Xerais
24/10/16
Tres pasos polo misterio
Comentario de Noa Villar Gallego
Tres
pasos polo misterio
Agustín Fernández Paz
Xerais
Comecei o
libro cunhas espectativas bastante altas, anteriormente xa tiña lido un par de
libros de Agustín e parecéranme moi entretidos. En canto a este, teño que dicir
que me decepcionou un pouco. O libro conta tres historias diferentes que tratan
de temas moi variados, todos eles cun suposto fondo de “misterio”. O primeiro
fala dunha maldición agochada durante miles de anos nun monumento megalítico; o
segundo conta unha historia de amor adolescente que surxe debaixo dun ceo
estrelado e a terceira, do misterio que rodea un faro maldito dende a Guerra
Civil.
O argumento
das tres historia desenvólvese de forma que eu considero un pouco aburrida,
exceptuando quizais a historia do faro. Na miña opinión podería ter sido unha
lectura moito máis interesante do que foi xa que me faltou un pouco máis do
factor misterio tan característico do escritor. Penso que non está mal de todo
pois Fernández Paz mantense (dentro do que cabe) na súa liña pero vindo del,
esperaba atoparme con algo moito máis intrigante que me fixera non poder deixar
de pensar en que pasará. Desenrolándose o libro nunhas terras como son as
galegas, tan cargadas de contos populares, de maxia, de bruxas e curuxas, da
Santa Compaña... poderíalle ter sacado moito máis partido a determinados temas.
Como
conclusión direi que pese a todo o anteriormente dito, non foi unha lectura
extremadamente complicada e recomendaríallo a quen queira comezar a entrar no
mundo literario do misterio.
Atoparalo en Agustín Fernández Paz, Misterio, Xerais
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)