ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

01/03/16

Un cesto de mazás

Comentario de David González Sampayo


Un cesto de mazás
Montse Fajardo


Hoxe rematei de ler este marabilloso libro de Montse Fajardo, cuxo título é "Un cesto de mazás". Tras ler esta novela case que me podo confirmar como un gran admirador desta autora, xa que me encanta a súa forma de escribir e sobre todo a gran capacidade que posúe para enganchar ao lector coa trama que envolve a cada unha das historias. Todas elas están ambientadas na época da Guerra Civil e no réxime franquista. De todos os personaxes que protagonizan cada unha destas historias, despréndese un sentimento de tristura, un sentimento de medo e, incluso, impotencia. Este libro é moi duro, xa que as cousas que tiña que facer a xente que viviu no réxime fascista por sobrevivir, eran moi duras. É un dos libros máis tristes que lin ata agora, sen dúbida, e nel abundan os temas como o exilio, a represión e a morte.

Por outra parte, un dos aspectos que máis me gustou desta obra de Montse Fajardo foi, que conta a vida das persoas que viviron na época da Guerra Civil, cun enfoque biográfico, o que lle outorga unha maior emoción e realismo á obra.

Debo dicir que esta foi unha das obras máis realistas que lin por dous motivos principalmente. O primeiro, o que dixen antes, que ao estar contada dun xeito biográfico, a obra adquire realismo; e o outro motivo polo que esta obra me pareceu moi realista, foi porque a novela está cargada dun gran sentimento e conmoción que se introducen no interior do corpo do lector e conseguen que este se meta de cheo na historia e se poña no lugar dos personaxes.

Todas as persoas que me recomendaron este libro dixéronme que a historia que máis me ía gustar sería, "Levaron o fiscornio", e a verdade é que levaban toda a razón do mundo. Sen dúbida para min foi a historia máis dura e emocionante. Este relato está protagonizado por un home chamado Manolo, o cal tivo que estar agochado nunha corte situada ao lado da súa casa durante tres anos para que non o capturasen os gardas civís do réxime de Franco. Para evitar problemas, a súa muller non lle deixaba saír da casa ao seu fillo, Suso, porque ten medo de que este conte por aí que teñen escondido ao seu pai para que non sexa capturado polos fascistas. Cando les unha historia coma esta pónselle a un a pel de galiña, xa que ter que estar agochado durante tres anos nun cortello para que non te capturen uns tipos, os cales te queren matar tan só por ter ideas contrarias a eles, ten que ser máis que duro. Fixen referencia a este relato, pero todos os do libro son magníficos, como por exemplo "O bico afogado", outra historia que me encantou, xa que é duro que catro rapaces se teñan que criar coa súa avoa debido a que os franquistas capturaran aos seus pais. Pero o fragmento máis duro deste relato foi cando a nai se salva de ser matada polos falanxistas e cando regresa á súa casa a súa filla lle di que non a coñecía de nada, que ela nunca tivera nai. Desta historia o que máis me sorprendeu foi o final, xa que nel se descobre que a avoa lles dicía aos seus netos que os seus pais foran capturados por culpa da súa nai.

Este libro tamén me serviu para aprender moitas cousas sobre a Guerra Civil, que ata agora eran descoñecidas para min e creo que esta obra nos pode axudar algo, aos alumnos de 4º da ESO, na elaboración do traballo sobre a Guerra Civil. E o seguinte libro que vou ler vai ser "Matriarcas", tamén de esta autora, da cal me falaron moi ben.

1 comentario:

Carla González Silva dixo...

Un cesto de mazás é o libro que máis me gustou ata o de agora. Nesta ocasión tiven a gran oportunidade
de coñecer e pasar un rato agradable coa autora desta magnífica obra e comentar o libro xunto con outros

clubes de lectura. Anteriormente xa lera outro libro desta autora ( Matriarcas ) e tamén debo recoñecer que

me encantou.

Montse Fajardo nesta obra reflicte as biografías de moitas testemuñas que nos mostran como se vivía aquela

época das guerras e todo o que se pode chegar a facer para salvarse da morte.

A historia que máis me gustou deste libro foi 21 días nela, contase o sufrimento vivido de Antonio durante

vinte e un días do seu fusilamento. Antonio escribe unha carta a mago de despedida para a súa familia e iso

é algo que realmente me conmocionou moito, ao igual que o sufrimento que posteriormente o pai de Antonio

nos mostra neste relato.

Recomendaríalle ler este libro xunto co de matriarcas a todo o mundo que mostre interese polo momento vivido

durante a Guerra Civil e o sufrimento que se pasaba naquela época, porque penso que moita das persoas da actualidade

non teñen coñecemento de todo isto que se conta nos libros de Montse Fajardo.