ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

06/03/16

Matriarcas

Comentario de David González Sampayo


Matriarcas
Montse Fajardo


Hai unha hora rematei este libro de Montse Fajardo, titulado "Matriarcas". Este é o segundo libro que leo desta escritora e pareceume realmente duro, triste e bonito. Co calificativo bonito refírome a que  me pareceu moi interesante e me enganchou dende o principio ata o final. Esta obra consta de varias historias, nas cales se contan todas as adversidades que tiveron que superar varias mulleres para sobrevivir durante o réxime franquista. Esta obra posúe un gran realismo e, a autora consegue que o lector se meta de cheo na historia desde a primeira páxina. Un feito que me chamou moito a atención deste libro é que todas as historias están protagonizadas por mulleres, porque ata agora todos os libros que lera sobre a Guerra Civil, tiñan como protagonistas a homes. Na miña opinión este libro é bastante sinxelo de ler e entender, é emotivo e, sen dúbida, recoméndollo a todo o mundo. Tras lelo estás dez ou quince minutos reflexionando sobre a gran loita que realizaron as nosas antecesoras por saír adiante, por sobrevivir e por coidar dos demais nunhas condicións tan pésimas.

Unha das historias que máis me conmoveu e gustou, foi a de Delia Núñez Crestar. Un dos feitos que fixo que esta historia fose a miña favorita, foi que está ambientada na zona do Deza e nos seus arredores. Neste relato cóntase a historia de Delia, a cal vai sempre á feira a Lalín e para chegar ata alí ten que cruzar un camiño polo medio dun bosque, se mal non recordo. Un día cando volta da feira polo camiño atopa un home que lle di que a vai violar. Delia escapa e decide que a partir dese momento sempre irá á feira coa escopeta do seu pai. O que máis me gustou da muller que protagoniza esta magnífica historia é que é moi valente, xa que calquera outra muller deixaría de ir á feira por medo pero ela énchese de valor e, aínda que coa escopeta do seu pai, segue indo á feira a Lalín.

Pola contra o relato que menos me agradou foi o de Carmen Meaños Abuín. Debo dicir que a acción desta historia me enganchou bastante pero foi o relato que menos me gustou porque, sen dúbida, foi, para min o máis triste. Neste relato cóntase como o pai de Carmen foi capturado e matado polos fascistas a comezos da Guerra Civil. Tras este suceso Carmen emigra e traballa como mariscadora. O que máis me sorprendeu desta historia foi que Carmen lle chamaba asasino á cara ao seu veciño, xa que fora el o que matara ao seu pai. Un dos aspectos máis duros desta historia foi como conta Carmen que emigrou e como tivo que saír adiante tras a morte do seu pai.

Admiro moito este libro e encántame que, en lugar de ser historias contadas dun xeito idealizado, sexan narracións biográficas nas que se reflexe a verdadeira e crúa realidade da época da Guerra Civil e da posguerra. Tras ler o outro libro desta autora, titulado "Un cesto de mazás", cría que  era difícil de superar pero, na miña opinión, este libro conseguiuno. Tamén debo dicir que o nivel de tristura e dor desta novela está un chanzo por riba respecto ao libro "Un cesto de mazás". Tamén creo que Montse Fajardo ten un gran mérito, xa que para escribir un libro coma este hai que realizar un gran traballo de investigación, algo que leva moito tempo.

Sen comentarios