
A evolución de Calpurnia Tate é unha historia dunha rapaza aventureira de
case doce anos que é a menor de outros seis irmáns. Durante o verán de
1899, Calpurnia comeza a facerse preguntas sobre a súa contorna, a súa
familia, sobre si mesma e sobre o medio natural que a rodea. Curiosa, perspicaz e
cun afiado sentido da observación, comprende que as súas inquedanzas
científicas e persoais non van atopar resposta en ningún dos seus irmáns e
moito menos na súa nai, obsesionada en facer dela unha futura señorita que
soubese coser, cociñar ou tocar o piano. Cando consegue o valor suficiente coma
para entrar no laboratorio do seu avó, descobre que el é o único interesado nas
súas andanzas e grazas a el aprende a observar e investigar a natureza.
Teño que recoñecer que os temas deste libro non os podería encadrar
neses que eu considero como preferidos, pero de todos modos, resultoume
bastante interesante. A pesar de que en ocasións facía referencia a sucesos un
tanto tristes ou morriñentos, tamén contiña certos elementos de comedia, que
baixo o meu punto de vista, o facían máis apetecible. En ningún momento pensei
que o titulo e a portada tan chamativa deste libro, se ía corresponder con este
argumento tan peculiar, no que ademais de contar unha historia, ensina moitas
cousas acerca de certos descubrimentos ou dos segredos da natureza. A
pesar de que a súa lectura me resultou bastante sinxela, había certos momentos
nos que a historia se volvía un tanto monótona. O feito de ler cousas acerca da
orixe das especies ou sobre a natureza non e algo que me chame demasiado a
atención pero este libro consegue que temas coma estes resulten interesantes.
Sen dúbida, o que máis me gustou do libro foi a actitude da protagonista. Ese
afán por descubrir cada día algo novo e querer estar continuamente dun lado
para outro sen perder un segundo fai que, ademais de resultar
entretido, configure unha maneira de ver a vida que en certo modo se identifica
comigo. Penso que é un libro que pode, a simple vista, tomarse como un relato
dirixido a un ámbito xuvenil pero, baixo o meu punto de vista, tamén pode
conectar perfectamente cos adultos. Baixo a apariencia dun relato sinxelo que
xira en torno á aventura da ciencia e os métodos científicos, descríbense
reaccións humanas moi interesantes que invitan ao pensamento. Ademais, encántame
a idea que transmite o relato na que se reflexa a gran importancia dos
avós, dotados de grandes coñecementos e sabedoría.
Para rematar, debo dicir que en verdade recomendo este libro a todos aqueles
amantes da lectura e non tan amantes que desexen pasar un tempo entretido
mergullándose no mundo da ciencia e da natureza.
Sen comentarios
Publicar un comentario