ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

29/01/13

A neta do señor Linh

Comentario de Paula Gamallo


A neta do señor Linh
Philippe Claudel
Rinoceronte




" A neta do señor Linh" é unha historia moi breve de estilo sinxelo con un ritmo que fai que sexa imposible soltar o libro. Eu lino dun tirón, e o seu contido quedou chantado na miña mente de xeito irreversible. Fai unha combinación entre o sentimento puro e a problemática á que se enfrontaban milleiros de persoas no pasado.
 Nárrase como un vello asiático sofre as consecuencias da guerra no seu país e vese obrigado a emigrar e a permanecer no exilio. A  única compañía é a da súa querida  neta e posteriormente a do señor Bark, un home que, ao igual ca el, perdeu hai pouco a un ser querido.
Un dos temas que abarca a obra é a soidade e o desarraigo ao que se enfrontan todos os inmigrantes ó chegar a un novo país: por un lado, a lingua,  adoita ser un problema á hora de comunicarse, sobre todo ao principio; moitos dos inmigrantes non son realmente ben acollidos, algúns sofren discriminacións ou indiferenza por parte da sociedade,  móstrase moito desinterese e despreocupación cara a eles no que as axudas son mínimas ou nulas, nalgúns casos son incluso motivo de mofa e burla; ademais as persoas que se ven obrigadas adoitan sentir añoranza da súa terra, o que aquí se lle chama morriña, realmente  coma na casa non se está en ningures e os elementos máis significativos como a paisaxe, o cheiro, os costumes... son pezas fundamentais na orixe de cada un que se non se poden disfrutar, bótanse moito en falta.
Referente a parte máis emotiva deste libro quería resaltar  o amor que sente o señor Linh cara a súa neta, tenta darlle unha vida digna  e ocúpase de que non lle falte de nada, convértese en algo máis que un avó para ela e non permitirá que ninguén poida facerlle dano. Por outra banda, tamén é importante falar do vínculo de amizade que se crea entre estes dous homes solitarios, ás veces os problemas de comunicación son máis culpa nosa que dos problemas reais. Eles falan linguas diferentes e viviron experiencias diferentes nas súas vidas pero, aínda así, logran entenderse.  A pesar de non utilizar demasiadas palabras o realmente importante é que chegan a escoitarse e a comunicarse, dándose compañía o un ao outro e demostrando a súa amizade con pequenos detalles ou xestos. Crean un cariño necesario para os dous e unha complicidade mutua. A comunicación é un arte que se pode expresar de moitas maneiras e nós temos o privilexio de poder utilizala, a pena é que a maioría das veces non sabemos como.
O final foi un golpe duro na miña lectura pero tamén moi emotivo e cargado de sensibilidade. Precisamente así, é como resumiría o libro: sensible e emocionante.
 

Sen comentarios