ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

02/12/12

A metamorfose

Comentario de Paula Gamallo Carballude


A metamorfose
Franz Kafka
Sotelo Blanco




A metamorfose é un relato profundamente psicóloxico e realista ao mesmo tempo. A súa lectura causou en min gran interese. A pesar de ser unha novela de pouca extensión garda no seu interior conceptos moi importantes sobre a realidade mesma. 

Na miña opinión, preténdese facer unha enxeñosa crítica da actividade humana a través dunha metáfora que engloba varios conceptos fundamentais.
A metamorfose comeza no momento que Gregor Samsa esperta transformado nun insecto, pero realmente as semellanzas da vida do protagonista coas dun insecto xa eran evidentes anteriormente. Gregor estaba sumido nunha profunda rutina da que estaba verdadeiramente farto. Non lle gustaba o seu traballo e soamente o realizaba por sacar adiante a súa familia. Aquí temos unha clara comparación na metáfora da metamorfose, a maioría dos insectos traballan para ao resto do grupo, dunha forma rutinaria e sen variacións destacables. Polo xeral, a sociedade sométese a actividades ou oficios que non lle proporcionan benestar ningún, porén, vense na obriga de “cumprir”.  A hipocresía do ser humano, respecto a este tema, é o resultado de diversas causas, as máis comúns son a necesidade de subsistencia ou o propio medo a loitar polo que verdadeiramente nos aporta satisfacción.
Outra ensinanza que sacamos é a referente a comunicación familiar ou apoio mutuo. Mentres as cousas transcorren con normalidade  dentro da familia, establécese un vínculo de unión forte. Pero cando Gregor sofre o cambio, as cousas na casa cambian totalmente, todos deciden dar a espalda ao asunto. Grete é a única  que dalgunha forma entende a súa situación. Esta comunicación cesa debido a que ambas partes se dan conta de que Gregor só desempeñaba un papel de traballador dentro do fogar. Día a día, milleiros de persoas sofren enfermidades ou atrancos graves nas súas vidas e vense automaticamente afundidos na submisión e incluso, na fustración absoluta. Son poucas as que mostran unha actitude positiva ante este tipo de dificultades, resulta máis sinxelo esquecerse do problema que acadar unha solución a este. Moitas veces os nosos seres queridos precisan que lle botemos unha man, ou simplemente que lle mostremos o noso cariño e aprecio; aferrámonos a comodidade, abandoando todo tipo de actitude solidaria cara aos demais, esquecémonos de que, quizais algún día, sexamos nós mesmos os que nos atopamos nunha situación de imposibilidade ou soidade.

Para rematar, creo que a principal idea deste libro provén do momento en que alguén se esperta unha mañá calquera e descubre o ser no que se “tranformou”. A metáfora da metamorfose non é repentina, senón que deriva dun proceso lento que todo ser humano sofre. O verdadeiro Gregor morreu no momento en que se converteu nunha marioneta do traballo e do diñeiro, a transformación sérvelle para darse conta do tempo que levaba perdido durante toda a súa vida. A miúdo, esquecémonos de valorar os detalles que están presentes a redor de nós, non lle damos a importancia necesaria. Quizais, cando nos damos conta, non sexa tarde; ou pola contra, xa non exista a oportunidade de disfrutar deses pequenos praceres. 

É moi duro vivir aferrados á soidade cando padecemos algunha eiva que nos impide empatizar cos demais pero máis duro é verse completamente sós a pesar de estar rodeados de xente.  


Creo que captei bastante ben o argumento do libro. Teño que dicir que quedei abraiada coa ensinanza que se pode percibir a través da sinxeleza da metamorfose dun insecto. Non me esperaba que me fose gustar tanto, que me aportara tanto coñecemento acerca da vida mesma. Espertou en min un elevado sentido da sensibilidade, plasmaba totalmente o tremendamente ignorantes que podemos ser en ocasións e o pouco que valoramos o que temos.  Recomendo este libro, en especial, a aquelas persoas que se espertan cada día e cren que a vida non ten sentido e non hai motivo polo que ser felices. En nós mesmos está atopar a nosa propia felicidade, pero para iso debemos optar polo que realmente nos agrada e nos aporta satisfacción e non unicamente pola rutina.
 

 
 
 

Sen comentarios