ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

25/10/07

Silencio no corazón

Libreta e comentarios de Icíar Rodríguez Nóvoa


Silencio no corazón
Jaume Cela
Galaxia



Capítulo 1

A historia é contada por un rapaz que debe ter uns trece anos. Vive nunha vila, e gústalle xogar cos amigos. Pensei "un libro máis" pero non: un home baixa dun coche, armado dunha pistola, co que sentín un pouco de medo xa que pensei que lle ía facer algo a un dos nenos. Pero non: tiña ordes de levar ao párroco, don Miguel, a Palacio.
O neno conta que este, antes de subir ao coche con tres homes armados, "paseou a mirada por toda a vila cunha expresión tan triste que tiven a certeza de que nunca máis volvería vela". Creo que este non vai ser un libro de aventuras de nenos, senón de sensacións reais, tristes, de xente que teñen que medrar rodeados de maldade.



Capítulo 2

Cada vez gústame máis o libro. O neno que conta a historia chámase Xoán chega á súa casa e alí só se fala da guerra. Aqueles homes que levaran ao párroco tamén lles fixeran unha visita á monxiñas do convento, e botáranas fóra. Xoán non sabe que pensar, nunca se tivo que enfrontar a este tipo de historias, só recorda o suicidio dun veciño hai anos.
Xoán descríbese como un rapaz sentimental. Preocupado pola súa irmá porque está cun home que non lle convén, un dos homes armados. Porén, eu creo que ese home (Paco) sinceramente quere á súa irmá María.


Capítulo 3

Domingo sen misa e de xogos. Un día Xoán preguntáralle a don Miguel que é a eternidade e este respondeu: "imaxina unha praia inmensa chea de area, de grans de ouro máis pequenos que cabezas de alfinetes. Logo imaxina un home que cada ano collía un deses grans e o comía. Cando xa non quedase alí ningún gran, cando aquela praia máis grande que a cordilleira fose un deserto chairo como a palma da man, aínda non tería comezado a eternidade".


Capítulos 4 e 5

Xoán e o seu amigo Xurxo soñan con ser arqueólogos e dedícanse a buscar e enterrar ósos de animais, xunto cun papel cos seus nomes e a data na que enterran os ósos. De maiores queren viaxar a Exipto e descubrir unha pirámide chea de momias. Gústalles soñar espertos, pois comparten os mesmos soños.
"O que era importante de verdade era ter un amigo coma Xurxo. Un amigo que non me fallaría nunca": que bonito é pensar que sempre vas ter unha persoa ao teu carón!!!


Capítulo 6

Xoán admira a seu pai: con el séntese protexido. Pouco a pouco vai sabendo máis da guerra.
Apareceu o párroco: non lle fixeron mal ningún. Está en Francia, máis seguro.
Temo polo protagonista do libro.


Capítulos 7 e 8

Xoán e Xurxo van perseguir ras e topan un morto. Xoán queda profundamente impresionado e cae enfermo. Porén, Xurxo, tan campante. Que raro!
A guerra parece estar cada vez máis preto. E eu voulle collendo máis cariño aos personaxes do libro segunda avanzo na lectura. Que non lles pase nada!


Capítulo 10

Este é o mellor capítulo. Encantoume! Pensei comezar outra novela, e non un libro que fala da guerra.
Xurxo confesoulle a Xoán que está namorado, e este teme pola amizade que comparten. Aquí hai moitas frases sobre o valor da amizade que me gustaron moito, ao igual que frases sobre o amor: "sinto unha especie de mareo, coma se me faltase o aire...." Estou de acordo co que falan: a amizade está por riba de todo, e un amigo non se debería perder nunca.


Capítulos 11, 12, 13, 14

Os dous amigos falan de que non queren facerse maiores porque "unha persoa maior esquece os seus soños". O tío Bernardo marcha loitar e todos están moi tristes porque temen pola súa vida.


Capítulos finais (15-19)

Pasaron tres meses antes da volta do tío Bernardo. E volveu por mor dunha situación ben triste: o funeral de María, a quen lle caeu unha parede enriba. A partir de aí todo foi máis triste e amargo para todos. Pouco a pouco Franco ía gañando a guerra. O importante é manter vivos os soños.

Sen comentarios