ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

11/06/11

Os vellos non deben de namorarse


Comentario de Eduardo Villaverde Iglesias


Os vellos non deben de namorarse
Castelao
Galaxia



Este libro gustoume pero tiven que volver a ler o primeiro lance porque non entendín moi ben o papel da morte.
En xeral, gustoume, pero non me parecen ben as mentiras que as mozas lles contan aos pobres vellos para engaiolalos e quedar coas súas pertenzas. Os vellos acaban morrendo pola dor que lles causa o amor non correspondido.
Pero o peor de todo é que cando xa están mortos e chega o señor Fuco danse de conta das mentiras que creron, causándolles unha gran tritura.

10/06/11

Memorias dun neno labrego


Comentario de Santiago Villaverde Fernández

Memorias dun neno labrego
Neira Vilas
Ediciós do Castro


Foi un libro que me gustou porque conta a historia de Balbino, un rapaz de aldea, "un ninguén" como el dicía, que era pobre como o resto da xente daquela época. El estaba rodeado de desgrazas e de tristuras polo que non tivo unha infancia demasiado feliz.
Esta historia lémbranos as historias que nos contan os nosos avós da súa traballada e difícil infancia. Tamén nos contan que naquela época os rapaces non se tiñan en conta, pero aínda así non tiñan case infancia porque pronto tiñan que traballar e defenderse. Neste libro tamén aparece outro tema moi importante da sociedade galega que era a emigración, que algúns a consideraban como solució e outros crían que non o era.

09/06/11

Xogo sucio


Comentario de Eduardo Villaverde Iglesias

Xogo sucio
Manuel de Pedrolo
Galaxia


Esta obra ao primeiro non a entendín moi ben, penso que foi porque no libro hai unha chea de castelanismos e palabras mal escritas, ademais de explicar cousas mal ou explicalas pouco e sen aclaralo ben.
Pero canto máis ía lendo máis me foi gustando e fun capaz de entendelo. Non me gustou o que lle fixeron ao pobre protagonista. No enredo no que o meteron e o que lle fixeron tras enganalo e facerlle crer que ao matar ao pobre vello ía quedar coa moza.
O peor de todo foi ver como o pobre quedaba abraiado ao descubrir o engano.

08/06/11

A cabeza de Medusa

Comentario de Estefanía Rey Campos

A cabeza de Medusa
Marilar Aleixandre
Xerais


Neste libro o que máis me sorprendeu foi o desenvolvemento da historia. A protagonista, Sofía, foi moi desgrazada e os sucesos que lle aconteceron son dignos de respecto cara á vítima que os padece. Síntome reflectida coa forma de pensar da muller amiga de Sofía, Lupe, que cara ao comezo da obra dixo "Que cantidade de hormonas crías! Algunha destas en canto lle dean solta vaise tirar á xulgar dos mozos" e creo que ten moita razón porque hai persoas que aínda sabendo o novos que son fan tales cousas como as que dixo Lupe.
As violacións que sofren as dúas rapazas son terribles e elas sofren as consecuencias de tal acto. O feito de ter denunciado implica e demostra a valentía das rapazas, sobre todo de Lupe que, aínda cos pais en contra, denuncia aos agresores e dá un dato relevante para a súa identificaicón, a matrícula do coche, aínda que foi Sofía quen se lembrou do dato diante da policía.
O relato é triste porque sentes o sufrimento das dúas rapazas pero á vez é entretido porque estás pendente do que pasará na investigación e o que pasará entre os rapaces ao cruzarse coas afectadas.
Gustoume, en definitiva, o relato, pporque presenta un problema da sociedade na que calquera pode estar afectado, aprendeume a reflexionar sobre o valor que ten denunciar por calquera infracción que máis tarde pode axudar a outros a intentar denunciar tamén e aprendín, ademais, que non se debe ir no coche cuns descoñecidos a altas horas da mañá, polo que poida pasar.
Foi un libro que me gustou moito e co que me entretín moito.

07/06/11

Os vellos non deben de namorarse


Comentario de Santiago Villaverde Fernández


Os vellos non deben de namorarse
Castelao
Galaxia


Este libro gustoume porque nos conta a historia de tres vellos que se namoran de mozas moito máis novas ca eles. O libro está dividido en tres lances nos que se conta a historia dun vello boticario, de don Ramón (un vello verde e borracho), e de Fuco (un vello rico). Estes tres vellos acaban morrendo e reuníndose no ceo e falando da vida que levan agora as súas mulleres, e déronse conta de que morreran por namorar de xente nova.
O libro conclúe que cando un é vello non se debe namorar da mocidade, porque a diferenza de idade implica outra moitas diferenzas.

06/06/11

O último traballo do señor Luna

Comentario de Bruno Rivas Fernández


O último traballo do señor Luna
César Mallorquí
Rodeira



Encantoume este libro, especialmente pola maneira en que o escritor crea o misterio e cada páxina invitar a ler a seguinte. Tamén me gustou moito a historia que conta e como se cruzan as vidas de tres persoas tan diferentes, como son Flor, Paulo e o señor Luna. Igualmente me gustou o referente de Paulo e a súa vida, tamén os seus intentos por lle gustar a Patricia. Impresionáronme os esforzos de dona Flor por axudar a Paulo a superar os seus problemas, tanto na súa casa coma no seu instituto, e tamén como foi capaz de converter un asasino a soldo nunha mellor persoa, que axuda aos demais.

05/06/11

O principiño


Comentario de Carmen Campos García


O principiño
Saint-Exupery
Galaxia


Foi un libro que me gustou moito e aconséllolle a todo o mundo que o lea. O que máis me gustou foi como ao principio ensinaba os seus reloxos e o que a xente maior pensaba deles. Encantoume o que ía contando de cada planeta

31/05/11

Látego de algas

Comentario de Aroa Espiño


Antón Reixa
Látego de algas

Espiral Maior.

Un libro que coa súa poesía fai que te olvides de todo o que te rodea, unha poesía fácil de sentir, unha poesía que te evade.

Lin moi pouca poesía e nesta encontro algo que me desconcerta: palabras aparentemente perdidas entre os versos e que, para min, non teñen sentido ningún. Pero máis me desconcerta ver que me gustan, inda que non entenda ben os poemas, lévanme a outras realidades e sorpréndeme, despois de gozar o poema quedo cavilando na habilidade dos poetas para chegar ao máis fondo.
Algúns termos que repite moito son: "látego de algas, ansiedade opaca, látegos sonoros de algas opacas, cabeza de vento".
Non sei se é así con todo o mundo, pero a min pásame que sempre que me sinto identificada coa lectura, cos sentimentos que plasma o que escribe, gústame. Gústame porque hai veces que parece que ten a chave do que penso xa que manifesta os meus pensamentos mellor do que eu o faría, e deste libro en moitos dos poemas vinme reflectida, de feito, ata un deles coincide con algo que eu escribira anteriormente. O poema é "Cabezas de vento". Fala dunha parella que está na praia xogando, están namorados, ao comezo moi namorados pero por unha parvada comezan a discutir, a discusión aumenta, lévano todo máis alá das palabras, e todo cambia, o estado de ánimo destas dúas persoas e seguramente as vidas, nuns minutos.
E fai unha reflexión, ou a min parécemo, sobre os axentes externos a eles dous, o clima, a paisaxe, todo o que lles rodeaba non cambiara.
Non sei; nunha ocasión cando todo me parecía que ía mal, despois duns días metida na habitación, saín pasear polo monte, cheguei a uns penedos e mirando para a miña casa e as veciñas soprendeume, inda que non debería, sorprendeume que aínda que a min me cambiara a vida, o exterior non se percataba de nada, todo seguía igual, as mesmas casas, o mesmo ceo e as mesmas árbores de había un ano e de había quince.
Un poema que me encantou foi "Respirada nos meus salaios". Pareceume precioso o xeito no que expresa todo o que é para el, o moi dentro de si que a ten.
É un libro que xa lin varias veces e que quero volver reler de cando en vez.

15/05/11

A praia dos afogados


Comentario de Aroa Espiño


A praia dos afogados
Domingo Villar
Galaxia

Este libro non me gustou, fíxoseme moi longo e paréceme que lle dá demasiadas voltas a todo. O detective investiga por todas as partes, mesmo en lugares dos que non tira ningunha pista. Leo Caldas é un tipo que me gusta e nalgunha parte do libro ata rin con algunha das contestacións que lle manda ao seu axudante.
Paréceme interesante o toque misterioso que lle deu o autor á historia poñendo o afundimento do Xurelo como posible desencadeante da morte do Rubio.
Outro aspecto que me gustou foi o feito de que estea ambientada no noso tempo e nun lugar tan próximo a nós, síntese máis achegado todo.

13/05/11

A praia dos afogados


Comentario de Bruno Rivas Fernández


A praia dos afogados
Domingo Villar
Galaxia


Este libro gustoume moito. Ao principio pensei que me ía ser difícil de ler, xa que é moi groso, e porque nunca lera ningunha novela negra. Tamén me impresionou a capacidade que ten o escritor de entreter e ao mesmo tempo que cada páxina invite a ler a seguinte. Gustoume máis a partir da páxina 50, cando comeza de verdade a investigación. O personaxe que máis me gustou foi Estévez que lle dá un toque de humor á historia.
Gústame que o autor consiga terme en vilo e que tente pensar quen é o asasino. Gústame esa dúbida constante que consegue crear e que leva a buscar outros asasinos diferentes, sempre pensando no que non é. O mellor é o final, cando se descobre quen é.