ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

16/03/14

Conta Saldada

Comentario de David Cabaleiro


Conta Saldada
Suso de Toro
Alfaguara



Conta saldada xira en torno a unha adolescente de 17 anos chamada Catuxa. O seu pai, xestor de profesión, acaba de suicidarse, ou polo menos iso é o que se intúe das estrañas circunstancias da súa morte. Pero a súa fantasma aparéceselle á rapaza, con toda a naturalidade do mundo, e rebélalle a verdade do ocorrido, así como a existencia dunha gran cantidade de diñeiro escondido. A partir deste momento, Catuxa sinte a necesidade de ir máis alá e vingar a súa morte.
Xa o ñoño prólogo me deu malos presaxios en canto á obra, pero as miñas sospeitas confirmáronse ao longo das seguintes páxinas. O pensamentos de Catuxa estaban cheos de tópicos e estereotipos triviais sobre o trauma que supón ser adolescente: rebeldía, drogas ou o desesperante feito de que todo o mundo se dirixa a ti como neniño/a. Non deixaba de ter a sensación de que se trataba dunha novela oca, plana e predecible non só na protagonista, se non no resto de personaxes: a nai, tremendamente afectada pola morte do seu marido; Manolo Castiñeiras, obviamente o malo da historia dende a súa primeira aparición; e Xermán, o clásico inadaptado de barrio, rebelde e ignorante. Na recta final da historia, todo ten un ritmo trepidante e demasiado apresurado, chegando a atropelar todos os sucesos. Todo isto, sumado á súa sinxela linguaxe, eran motivos suficientes para abandonar a lectura.
De todos modos, cando un escritor ten talento, sempre hai algúns trazos de calidade por absurda que sexa a historia, sendo un deles a introdución, dalgunha maneira, do Hamlet de Shakespeare no propio relato.
Cos meus respectos ao autor, Conta saldada é unha obra nula e pouco produtiva, polo que non é obxecto da miña recomendación.

Sen comentarios