ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

20/03/17

A maldición de Dunwich

Comentario de Roberto Agra


O horror de Dunwich
Lovecraft
Urco


"O horror de Dunwich" ten un grandísimo argumento e unha moi boa ambientación.

Esas referencias a uns seres superiores e incriblemente poderosos, sempre envoltos nunha escuridade de misterio, fan que necesites seguir lendo para saber se conseguirán someter á humanidade ou se pola contra serán derrotados por uns valentes homes que lles tentarán facer fronte.

Todos os enigmas imperantes no relato fan que pouco a pouco unha inquientante sensación se vaia apoderando de ti porque o libro mergúllate de tal maneira na historia que parece que a esteas a vivir nas túas propias carnes.

Por último, creo que é obrigado dicir que Lovecraft creou un novo subxénero dentro do terror e que "O horror de Dunwich" é un dos máximos representantes deste subxénero.Tamén, debo dicir que agora entendo porque este relato se considera parte do núcleo duro dos Mitos de Cthulhu, é un dos que conserva máis intacta a ensencia do terror materialista no que se basean a maioría de relatos de Lovecraft.

16/03/17

Aire Negro

Comentario de Roberto Agra


Aire Negro
Agustín Fernández Paz
Xerais





Como me sorprendeu atoparme cun libro de Agustín Fernández Paz que non utilice os microrrelatos durante o transcurso da novela! De todos modos, o libro encantoume, e a maneira en que mantén os misterios cos que inicia o libro ata o final mentres que se van añadindo novos enigmas ao argumento, pareceume sublime.

Ao principio o libro pareceume algo lento, e o pouco cariño que lle tiña ao protagonista tampouco axudou moito a engancharme a poñerme a ler, non me pareceu que un doutor dunha clínica psiquiátrica fose o protagonista máis atractivo para un libro de misterio. Pero segundo transcorría a novela, empeceille a engancharme e ata me decepcionou un pouco o cambio de protagonista pero dúas páxinas despois de ese cambio, xa estaba a gusto coa nova protagonista.

Se ben, creo que o groso da novela está no que conta Laura Novo, o final no que toma parte o doutor Moldes, pareceume moi bo e ata certo punto inquietante. Sen destapar o final, só direi que é un final bastante inesperado e que a min me gustou moito, todos os enigmas se resolven con claridade pero o final segue sendo, como era costume nos libros de Agustín, aberto.

En definitiva, "Aire negro" é un libro excepcional, con ese aire de terror e misterio clásico dos libros de Agustín Fernández Paz. O perigo sobrenatural ao que os protagonistas se enfrontan é, sobre todo, impresionante e misterioso, o cal fai que acabes por sentir certa curiosidade con respecto a el. Neste libro todo está moi ben ordenado e relatado, conseguindo envolverte nunha atmosfera de escuridade e misterio sen igual.

15/03/17

Marta ante o espello

Comentario de Laura Soto

 
 
Marta ante o espello
Teresa Calo
Xerais
 
 
 
A seguinte obra de teatro da autora Teresa Calo Fontán, trata sobre o complicado tema da anorexia. 
Dunha forma sinxela narrada en forma de monólogo cóntase a historia dunha rapaza chamada Marta que padece esta enfermidade. Como é a vida, e como empeza a xirar a contorna dos seus pais arredor da súa filla, o seu agresivo adelgazamento, o sentimento de culpa da súa nai, que é o que pensa Marta para ter que cambiar tan bruscamente o seu corpo, debilitándose de tal maneira que sexa capaz de chegar a tales extremos. 
Este libro fainos plantexar o porqué da situación, a influencia dunha sociedade chea de complexos e de prexuízos sobre todo en torno ás mulleres, facéndonos pensar que o máis importante para as rapazas dende pequenas é conseguir ser gustadas polos homes mediante a beleza, e deixándonos dominar por estes pensamentos, chegamos a estos puntos.
Este libro aborda con crueza e ironía esta difícil situación.
Recomendaríavos lelo para reflexionar sobre o que é importante para vós e se antes de coñecer a unha persoa preferides xulgalo polo seu aspecto, peso, ou beleza antes que esperar a coñecelo interiormente, e pensar o moito que poden afectarlle ás outras persoas os comentarios dunha sociedade así.
 

14/03/17

Makinaria



Comentario de Noa Presas González


Makinaria
Carlos Negro

Xerais
 
 
Este libro de Carlos Negro, a quen tiven a sorte de coñecer o ano pasado nun obradoiro, ten dunha chea de versos con moita gasolina, testosterona e alcohol que sinala unha ruta suicida, un libro de versos sen final feliz, porque a euforia convértese neste caso en morte.
Ensínanos como a mocidade tan inconsciente só pensa na velocidade, sen reflexionar a onde vai a parar e onde os consellos dos máis maiores caen en sacos rotos e como a vida pode acabar nunha estrada por un mozo inconsciente dos perigos da irresponsabilidade ao volante.
Persoalmente pareceume unha boa maneira aínda que algo forte de concienciar ás novas xeracións de que non todo se basea nun momento de adrenalina, que moitas veces a valentía sálenos cara de máis e a escoitar as recomendacións, sempre polo noso ben, aínda que a veces nos soen pesadas e repetitivas. E en como un momento de euforia pode acabar en dor e desgraza non só para nós mesmos senón para todas as persoas importantes na nosa vida.
 

13/03/17

Camiños na auga

Cometario de Ana Santalla Garrido


Camiños na auga
Manuel Núñez Singala
Galaxia





Este é un libro cunha temática moi realista e trata dun tema moi actual.
Encantoume!!! Fíxoseme moi levadeiro; encantoume a súa temática: introdúcenos nos problemas de África ademais de informarnos dun dos problemas máis salientables hoxe en día, as viaxes ilegais ás que se ven sometidas moitas persoas de África tan só para fuxir e atopar unha vida mellor e máis digna.
Neste caso Syzmo é unha persoa albina que aínda ten as cousas máis complicadas no país.
Este libro vainos explicando todo o que ten que sufrir e pasar, todas as persoas que se fan imprescindibles para el durante a viaxe ( Malaïka, Jean-Paul…), as súas pesadumes cando a xente o insulta e  desprecian por tan só a súa cor da pel (cando non lle dan hospedaxe no hostal por ser albino…), todas as malas condicións polas cales ten que pasar para alcanzar o seu gran destino, Europa, todo o que ten que deixar atrás por loitar por unha igualdade, que ao final logo de tanto sufrimento chegará a alcanzar?.
Eu recomendaría este libro sen dúbida, para min foi unha gran aventura percorrer con Syzmo toda a súa viaxe e poder entender mellor o sufrimento de todas estas persoas que todos os días arriscan a súa vida por tan só ter unha vida mellor.
 

12/03/17

A neve interminable

Comentario de Roberto Agra Buján


A neve interminable
Agustín Fernández Paz
Xerais


Había tempo que non lía un libro de Agustín Fernández Paz, obviando iso si, o que tiven que ler na primeira avaliación por mor dun traballo. Pero volvendo ao tema, este libro encantoume, non só por ese estilo que tiña Agustín de englobar nunha gran historia historias máis pequenas pero que enganchaban de igual modo. A novela xira en torno a un grupo de guionistas que viaxan a unha casa de turismo rural illada en Fonsagrada para conseguir inspirarse; logo de levar un tempo alí, a neve empeza a caer sen pausa, os guionistas seguen co seu labor e cada un escribe un relato, ditos relatos chegarán a nós e poderemos ver como cada guionista busca o terror á súa maneira.

Todos os relatos son pequenas xoias que amenizan unha, xa de por si, interesante historia. Todos os relatos tratan diversos argumentos típicos do xénero que ten por premisa causar medo, dende un monstro do que case non se dan detalles, ata unhas nenas que se converten en pantasmas, pasando por unha vinganza dende o máis alá e os xa clásicos vampiros. Aínda que é unha decisión complicada, se tivese que dicir o relato que máis me gustou, escollería "Herdanza de sangue", un máis que estremecedor relato sobre os vampiros.

A historia principal na que se basea o libro bebe de directamente da reunión que varios nobres e escritores mantiveron no 1816, entre eles están a escritora de Frankestein, Mary Shelley, o instaurador na literatura europea da figura do vampiro, John Polidori, e o creador do poema postapocalíptico Darkness, o nobre inglés Lord Byron.

"A neve interminable" é un relato que xoga coas apariencias e tenta sorprender en cada capítulo, cousa que consigue sen dúbida, que se centra na historia principal. Este é,  na miña humilde opinión, un dos mellores libros de Agustín Fernández Paz.

11/03/17

Penúltimas tendencias

Comentario de   MArcos Quintana Cuñarro
 

Penúltimas tendencias
Carlos Negro
Xerais
 

Carlos Negro non para de sorprenderme, primeiro fíxoo co libro Makinaria e agora quedei abraiado con Penúltimas tendencias. Carlos Negro non se anda con rodeos no libro, narra ao pé da letra como é a sociedade de hoxe en día. Unha sociedade na que as mulleres están infravaloradas xa que mediante a televisión, os carteis publicitarios e moitas máis cousas están sacándolles valor . 
No libro unha adolescente non fai caso aos prexuízos, ela non se ten que maquillar para sentirse máis muller, ela o que quere é ser unha muller libre. Carlos Negro intentou cambiar o punto de vista de moitos lectores, intentou abrirlle os ollos a miles e miles de persoas, abrirlle os ollos para que se dean cuenta que viven nunha sociedade chea de prexuízos e chea de veleno cara ás mulleres.

Na miña opinión, gustaríame que máis escritores escribiran libros do estilo que o fixo Carlos Negro, que entre un gran número de escritores escribiran libros así para ver se así, se cada un aportando o seu gran de area, deramos cambiado esta sociedade, para conseguir unha sociedade máis igualitaria na que tod@s teñamos os mesmos dereitos.
Recoméndovos ler este libro se queredes abrir os ollos.

10/03/17

Febre

Comentario de Lara Soto


Febre
Héctor Carré
Xerais
 
 
Esta novela do escritor Hector Carré, baseada no tráfico ilegal de wolfram durante a segunda guerra mundial, pareceume unha historia moi moralizante xa que o feito de que o papel protagonista dunha muller loitadora como é o caso de Carmucha sexa tan importante. 
Esta muller loita seguindo os pasos da súa difunta nai, para demostrar así que as mulleres non somos un ser inferior condenado á tutela masculina. Loita pola súa liberdade, para elixir o seu propio camiño independentemente das alternativas que o momento e a condición social lle ofrecen ; o que probablemente non soubese este personaxe é que ela mesma abriu paso xunto coa súa liberdade á liberdade de moitas máis mulleres no futuro, xunto coa evolución social, alcanzada tamén grazas a escritores coma Carré.
 
O principal motivo que me sorprendeu deste libro foi o feito da defensa da muller, a loita pola igualdade, por iso penso que este escritor aportou moitos coñecementos a unha sociedade tan chea de prexuízos como a de hoxe en día, se moitos escritores basearan tamén un mínimo da súa escritura hacia a igualdade o cambio sería enorme, tanto de ollos abertos da sociedade como de igualdade de papeis.
 
Recomendaríavos ler este libro para achegarse á historia e aos moitos de cambios producidos nesta, grazas ao papel máis que imprescindible das mulleres.
 

07/03/17

Amor é unha palabra coma outra calquera

Comentario de Alba Roqueiro Galego


Amor é unha palabra coma outra calquera
Francisco Castro
Galaxia



O libro ¨ Amor é unha palabra coma outra calquera ¨ é unha novela na que se fala acerca do amor que se nos vende xa dende pequenos, todos os convencionalismos e a falta de ensino do control das nosas emocións; do que sentimos, do irracional e o sentido común.
Carla, que é a protagonista, é unha muller máis que foi educada co típico amor romántico e pintado de rosa de conto de princesa que non existe, é todo unha ficción que dende pequenos se lle intenta inculcar aos nenos e nenas. Durante o transcurso da novela vai mudando a súa forma de ser, dándose conta que é unha persoa moi fermosa e que o amor só hai que sentilo e deixar un pouco a un lado todos os covencionalismos, porque aínda que non o creamos racional e sentido común son dúas palabras que en canto ó significado nada teñen que ver. A educación que recibiu nunca lle permitiu actuar como unha adulta libre na sua relación con Xabier,  ela sempre remexendo entre revistas parvas para saber como facer para que o seu home a quixese de novo. Iso simplemente é imposible porque o amor hai que sentilo e para iso é necesaria unha base de confianza e respecto, cousa que na parella non existía e levounos a rematar quince anos de matrimonio e de engano para Carla.
Como consecuencia, Carla aprendeu a ser ela por si mesma. A vida, aínda que nesta historia a morte, ensina tamén que podemos ser felices con calquera persoa mentres non saibamos quen é realmente tal e como lle pasou a Carla con César, o amigo que coñeceu grazas á morte da sía asistenta que tamén garda algún que outro segredo.
Para min este libro significou unha gran aprendizaxe acerca do que é realmente o amor e o que máis me gustou foi o final. Foi realmente inesperado e sorprendente aínda que ao principio se me fixo algo pesado, ademais este libro non conta coas raias de inicio e fin de diálogo dun personaxe e nalgunhas partes da historia era difícil seguir a o narrado. Aínda así gustaríame que moita xente o lese  polo contido xa que é realmente interesante e faite reflexionar.

06/03/17

Nubes de evolución

Comentario de Laura Nóvoa Fraiz


Nubes de evolución
Andrea Maceiras
Xerais
 
 
Nubes de evolución é unha novela de tipo social e en certa parte tamén de amor.
Este libro cóntanos tres historias:  a dunha nai solteira que traballa de limpadora na estación de autobuses, a dun rapaz que lamenta a ruptura coa súa moza e a separación dos seus pais, e a dun vello profesor que ten que agardar todos os días polo seu autobús. As tres acábanse convertendo nunha, grazas ao frío da estación.

Este libro gustoume moito, porque as tres historias fixeron que reflexionara; a cantidade de nais novas que teñen que traballar todo o día para manter os seus fillos porque están soas; ou rapaces que sofren os divorcios dos seus pais. 
Aínda que é o típico final feliz gustoume como tres persoas que se vían case todos os días se coñeceran por unha simple sensación, o frío, acabasen tan unidos. Unha das cousas que máis me chamou a atención foi a frase “ ¿ Cando desaparecerán todas as nubes? “ 

Recomendo lelo, xa que me gustou moito.