ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

07/03/16

Os fillos do mar

 

Comentario de Vanesa Lalín Pousa



Os fillos do mar
Pedro Feijoo
Xerais 


Cando vin este libro, que gordo era…!, aínda que tiña un título que me resultou interesante “Os fillos do mar”, pero coma sempre , eu cando leo un título dun libro penso en algo, pero que o poñerme a ler normalmente distanciase do primeiro que amin me veu a cabeza, aquí pasoume o mesmo, aínda que cando rematei o libro deime de conta que o que pasara non estaba tan lexos, xa que puden comprender que en certo modo nesta historia en realidade si había moitas persoas que de certa maneira tiveran que ver moito co mar e todo o que se esconde nos nosos océanos e mares, que moitas veces son historias ou lendas, pero que no fondo eu penso que teñen algo sempre máxico aquí en Galicia, que a min me fan pensar de como serían as cousas na realidade.
Esta novela aínda así a pesar do seu tamaño resultoume moi doada de ler, enganchándome fácil, xa que estaba chea de intriga con moita aventura, co cal asua lectura resultabame moi agradable e entretida, por un lado falaba de cousas como podería ser a batalla de Rande, os nazis…, que dito doutra maneira resultarían aburridas ou como unha clase de historia, pero a maneira que ten o autor de contalas resulta doada e con certo humor, para min, en moitos momentos.
No libro falasenos de moitas cousas diferentes, tan ben nos conta cousas da cidade de Vigo, que para min e unha protagonista da novela, hoxe en día como de un momento a outro nos atopamos ala polo ano 1700, coa batalla de Rande na sua ría, ou na guerra Civil Española ou mesmo no tempo dos nazis, para min este viaxar no tempo foi algo que me gustou moito, xa que nunca sabía onde podería continuar a historia.
Outra cousa que a min o ler me entusiasmaba era que a intriga se manteña ata o final e aquí Pedro Feijoo conseguiuno, xa que por exemplo no caso da morte de Dona Isabel deixabate pensando, ata que por fin podes darte de conta do que pasaba.
Por outro lado esta novela leva envolta en si unha grande historia de amor como foi a de Simón e Mariña, que no medio de tantas cousas quere pasar coma desapercibida, onde non é o importante do libro pero que cando eu estaba lendo decateime que esto tamén me facia ler mais apresa, as veces, para saber o que pasaba con eles, xa que de repente cambioulles a vida dun momento a outro, e sobre todo a Simón que era como calquera de nos pero de repente a sua vida cambiou.
Fixome ver asi que calquera cousa que aínda que non pareza importante pode facer cambiar o rumbo da nosa vida, e que certas situacións ou vivencias nos van deixar marcados .
Como resumo podo dicir que amin este libro me gustou, xa que conta unha historia realista, que lle podería pasar a calquera, e por outro lado a maneira de nos contar como eran os sitios de Vigo, fai achegarte a eles, como se os coñecera, aínda que alguns non os coñezo, pero pensó que cando volva ir a Vigo que me vou fixar nos nomes deses lugares, rúas… xa que deixaron en min moita curiosidade.

06/03/16

Matriarcas

Comentario de David González Sampayo


Matriarcas
Montse Fajardo


Hai unha hora rematei este libro de Montse Fajardo, titulado "Matriarcas". Este é o segundo libro que leo desta escritora e pareceume realmente duro, triste e bonito. Co calificativo bonito refírome a que  me pareceu moi interesante e me enganchou dende o principio ata o final. Esta obra consta de varias historias, nas cales se contan todas as adversidades que tiveron que superar varias mulleres para sobrevivir durante o réxime franquista. Esta obra posúe un gran realismo e, a autora consegue que o lector se meta de cheo na historia desde a primeira páxina. Un feito que me chamou moito a atención deste libro é que todas as historias están protagonizadas por mulleres, porque ata agora todos os libros que lera sobre a Guerra Civil, tiñan como protagonistas a homes. Na miña opinión este libro é bastante sinxelo de ler e entender, é emotivo e, sen dúbida, recoméndollo a todo o mundo. Tras lelo estás dez ou quince minutos reflexionando sobre a gran loita que realizaron as nosas antecesoras por saír adiante, por sobrevivir e por coidar dos demais nunhas condicións tan pésimas.

Unha das historias que máis me conmoveu e gustou, foi a de Delia Núñez Crestar. Un dos feitos que fixo que esta historia fose a miña favorita, foi que está ambientada na zona do Deza e nos seus arredores. Neste relato cóntase a historia de Delia, a cal vai sempre á feira a Lalín e para chegar ata alí ten que cruzar un camiño polo medio dun bosque, se mal non recordo. Un día cando volta da feira polo camiño atopa un home que lle di que a vai violar. Delia escapa e decide que a partir dese momento sempre irá á feira coa escopeta do seu pai. O que máis me gustou da muller que protagoniza esta magnífica historia é que é moi valente, xa que calquera outra muller deixaría de ir á feira por medo pero ela énchese de valor e, aínda que coa escopeta do seu pai, segue indo á feira a Lalín.

Pola contra o relato que menos me agradou foi o de Carmen Meaños Abuín. Debo dicir que a acción desta historia me enganchou bastante pero foi o relato que menos me gustou porque, sen dúbida, foi, para min o máis triste. Neste relato cóntase como o pai de Carmen foi capturado e matado polos fascistas a comezos da Guerra Civil. Tras este suceso Carmen emigra e traballa como mariscadora. O que máis me sorprendeu desta historia foi que Carmen lle chamaba asasino á cara ao seu veciño, xa que fora el o que matara ao seu pai. Un dos aspectos máis duros desta historia foi como conta Carmen que emigrou e como tivo que saír adiante tras a morte do seu pai.

Admiro moito este libro e encántame que, en lugar de ser historias contadas dun xeito idealizado, sexan narracións biográficas nas que se reflexe a verdadeira e crúa realidade da época da Guerra Civil e da posguerra. Tras ler o outro libro desta autora, titulado "Un cesto de mazás", cría que  era difícil de superar pero, na miña opinión, este libro conseguiuno. Tamén debo dicir que o nivel de tristura e dor desta novela está un chanzo por riba respecto ao libro "Un cesto de mazás". Tamén creo que Montse Fajardo ten un gran mérito, xa que para escribir un libro coma este hai que realizar un gran traballo de investigación, algo que leva moito tempo.

05/03/16

Matarte lentamente


Comentario de Telmo García Castro



Matarte lentamente
Diego Ameixeiras
Xerais
 
 
 
Esta novela de Diego Ameixeiras gustoume máis que a outra que lin deste mesmo autor: Historias de Oregón. A anterior obra resultoume un pouco difícil porque era a primeira vez que lía unha narración-puzzle tan complexa e custábame seguir esta técnica narrativa. Pero con esta novela non tiven xa eses inconvenintes e podo dicir que gustoume lela. Resultoume moi entretida e enlazar as diferentes pezas da historia, encantoume. Será porque este estilo tan peculiar de Ameixeiras vaite enganchando e ademais a experiencia  na lectura  sempre é un grao.

O título da obra está sacado dunhas palabras que di a personaxe de Nuria  no capítulo corenta e un, tras saber que a súa parella, Marcos,  violara facía 5 anos a unha camareira chamada Pilar. Con elas supoño que o autor quería referirse ao odio e a vinganza como sentimentos humanos.
Precisamente a violencia é unha silandeira presenza nesta obra.

Impactoume moito a historia de Daniela, esa pobre rapaza que intenta saldar as débedas do seu irmán, facendo de bolera para os narcos e que acaba morrendo por unha sobredose ao rompérselle unha das cincuenta pebidas de cocaína que levaba no estómago.
A súa historia paréceme terrible. A súa violación cando xa é un cadáver por Óscar, o “doce” narco que quere incriblemente adoptar un neno coa súa muller Ana, púxome os pelos de punta. Foi un momento da novela anoxante, pero que non che é indiferente ¡¡¡

Tamén é moi abraiante a historia de Ramón, un pai disposto a todo pola saúde do seu fillo. Este bo  home convértese nun violento asasino dun ruín e desprezábel banqueiro. O amor profundo lévao a ser unha persoa  violenta, pero penso que  o fin non xustifica os medios. Esta personaxe está moi ben descrita e gustoume e vai na liña violenta da que estou a falar.

Son moitas as historias que se encerellan nesta novela e toda esta tea de narracións creo que é unha característica moi propia da novela negra que estudamos nesta avaliación.
Eu ,sen dúbida,  quédome encantado con Matarte lentamente, unha novela moi negra, ben escrita e pensada , e  moi ben estruturada.
 

04/03/16

Goražde, zona segura

Comentario de Laura García Moldes


Goražde, zona segura
Joe Sacco
Rinoceronte





Goražde, zona segura é un relato ambientado na Guerra de Bosnia nos anos 1992-1995.
O noso protagonista é un xornalista estadounidense que viaxa a Goražde para investigar e informarse sobre o que están a vivir os seus habitantes, ou o que viviron. Para isto, verase acompañado principalmente de Edin, un habitante de Goražde que viviu a guerra dende o comezo.
Ao longo do libro, vainos contando o que está a vivir o xornalista, pero tamén se introducen partes do que recorda a xente da guerra, do que viviu. Como o que tivo que pasar unha muller embarazada, do que viviu Edin, ou seu pai, etc. 
Este relato amosa o sufrimento dos afectados por esta guerra, o feito de ter que ver morrer aos teus familiares e veciños, ou a escaseza de servizos que fai que os habitantes se vexan desesperados para conseguir uns simples pantalóns, cremas, anestesias, etc.
Non é complicado de ler, pero a súa historia é moi tráxica e seria que o fai un pouco pesado ás veces.
 

03/03/16

Un cesto de mazás

Comentario de Daniel Gavieiro Suco


Un cesto de mazás
Montse Fajardo

Este libro decidino ler porque escoitei falar moi ben de el e recomendáronmo moitas persoas. 
“Un cesto de mazás” é un libro bastante fácil de ler debido á linguaxe que utiliza e non é un libro tampouco moi extenso.
 O libro gustoume bastante, xa que transmite moito sentimento e tristeza nas súas historias, e que conta dunha maneira biográfica a vida destas, o que fai tamén que pareza máis realista. Nas historias conta sobre todo a vida de xente humilde que deixa de estar “encerrada” debido ao fascismo daquela época, e non só a esa xente humilde senón tamén as súas familias.
Neste libro houbo moitas historias que me chagaron ao fondo de min, pero sobre todo unha na que conta que Manolo estivo agochado durante un tempo con moita valentía, e tamén con esa valentía remata por entregarse. Se non recordo mal este historia titulábase Levaron o fiscornio.
Este libro fíxomo comprender como era a vida durante a Guerra Civil e a ensinarme cousas que nunca se me ocorrerían que se facían naquela época. Este libro é unha boa fonte de información para aquela xente que quere aprender cousa sobre a Guerra Civil, así que recoméndollo a todo esa xente que estou seguro que lle ha de gustar.

02/03/16

Conduce rápido


Comentario de MAría Rodríguez


Conduce rápido
Diego Ameixeiras
Xerais




Conduce rápido, de Diego Ameixeiras, é unha novela negra. Está estruturada arredor dunha trama principal e tamén varias secundarias que rematan encaixando entre sí, xa que todas elas xiran ao redor do mesmo tema: o narcotráfico.
Esta novela conta o que pasa en tan só cinco días, cada secuencia está marcada pola hora na que acontece.
Está ambientada en Compostela, en lugares recoñecibles,  que vai circulando  a un ritmo rápido, tal e como di o  título da novela.
Os protagonistas son dous irmáns: Erika e Samuel. Ao principio Erika parecía que tiña máis sentido ca seu irmán, pero logo non é así.
Os irmáns  intentan sobrevivir, querían saír da miseria, buscar outro  horizonte, deixándonos ver unha porta de esperanza.
A aparición dun paquete de cocaína  será unha boa ocasión para que os dous irmáns, que viven na marxinalidade en Santiago, busquen unha solución ás súas vidas liberándose da delincuencia.
Para min, o fundamental da historia é o encontro entre Erika e Ventura. No fondo, a parte de ser unha historia de supervivencia, é unha historia de amor.
Os temas presentes na novela son: a marxinación social, o narcotráfico,  a violencia, o tráfico de droga e o branqueo de cartos.
A profundidade que fai o autor desta obra, tanto nos personaxes como no espazo onde se leva a cabo, conseguiu que esta novela se se me fixera moi entretida. Recoméndoa.
 

01/03/16

Un cesto de mazás

Comentario de David González Sampayo


Un cesto de mazás
Montse Fajardo


Hoxe rematei de ler este marabilloso libro de Montse Fajardo, cuxo título é "Un cesto de mazás". Tras ler esta novela case que me podo confirmar como un gran admirador desta autora, xa que me encanta a súa forma de escribir e sobre todo a gran capacidade que posúe para enganchar ao lector coa trama que envolve a cada unha das historias. Todas elas están ambientadas na época da Guerra Civil e no réxime franquista. De todos os personaxes que protagonizan cada unha destas historias, despréndese un sentimento de tristura, un sentimento de medo e, incluso, impotencia. Este libro é moi duro, xa que as cousas que tiña que facer a xente que viviu no réxime fascista por sobrevivir, eran moi duras. É un dos libros máis tristes que lin ata agora, sen dúbida, e nel abundan os temas como o exilio, a represión e a morte.

Por outra parte, un dos aspectos que máis me gustou desta obra de Montse Fajardo foi, que conta a vida das persoas que viviron na época da Guerra Civil, cun enfoque biográfico, o que lle outorga unha maior emoción e realismo á obra.

Debo dicir que esta foi unha das obras máis realistas que lin por dous motivos principalmente. O primeiro, o que dixen antes, que ao estar contada dun xeito biográfico, a obra adquire realismo; e o outro motivo polo que esta obra me pareceu moi realista, foi porque a novela está cargada dun gran sentimento e conmoción que se introducen no interior do corpo do lector e conseguen que este se meta de cheo na historia e se poña no lugar dos personaxes.

Todas as persoas que me recomendaron este libro dixéronme que a historia que máis me ía gustar sería, "Levaron o fiscornio", e a verdade é que levaban toda a razón do mundo. Sen dúbida para min foi a historia máis dura e emocionante. Este relato está protagonizado por un home chamado Manolo, o cal tivo que estar agochado nunha corte situada ao lado da súa casa durante tres anos para que non o capturasen os gardas civís do réxime de Franco. Para evitar problemas, a súa muller non lle deixaba saír da casa ao seu fillo, Suso, porque ten medo de que este conte por aí que teñen escondido ao seu pai para que non sexa capturado polos fascistas. Cando les unha historia coma esta pónselle a un a pel de galiña, xa que ter que estar agochado durante tres anos nun cortello para que non te capturen uns tipos, os cales te queren matar tan só por ter ideas contrarias a eles, ten que ser máis que duro. Fixen referencia a este relato, pero todos os do libro son magníficos, como por exemplo "O bico afogado", outra historia que me encantou, xa que é duro que catro rapaces se teñan que criar coa súa avoa debido a que os franquistas capturaran aos seus pais. Pero o fragmento máis duro deste relato foi cando a nai se salva de ser matada polos falanxistas e cando regresa á súa casa a súa filla lle di que non a coñecía de nada, que ela nunca tivera nai. Desta historia o que máis me sorprendeu foi o final, xa que nel se descobre que a avoa lles dicía aos seus netos que os seus pais foran capturados por culpa da súa nai.

Este libro tamén me serviu para aprender moitas cousas sobre a Guerra Civil, que ata agora eran descoñecidas para min e creo que esta obra nos pode axudar algo, aos alumnos de 4º da ESO, na elaboración do traballo sobre a Guerra Civil. E o seguinte libro que vou ler vai ser "Matriarcas", tamén de esta autora, da cal me falaron moi ben.