ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

13/02/16

Un nicho para Marilyn

Comentario de Silvia Bruguera


Un nicho para Marilyn
Miguel Anxo Fernández
Galaxia



Esta novela negra curta resultoume interesante principalmente porque nunca lera un libro relacionado coa necrofilia e pareceume un tema do que se fala pouco, outro motivo polo cal me agradou foi que todo o transcurso do libro enganchoume xa que, dende o primeiro intre, resultoume doado de seguir, misterioso e moi interesante.
Neste libro ao protagonista, Frank Soutelo, encoméndanlle atopar o corpo da famosa Marylin Monroe para unha rica coleccionista de cadáveres chamada Tara Colbert. Ó longo de toda a historia Frank vai descubrindo unha rede de necrófilos que polas aparentes probas pensa que estan involucrados na desaparición do corpo de Marylin. Cando decide investigar no Memorial Park coñece ó vixiante, Tabasco e xunto coa primeira conversa comezaron a ter algo de confianza e máis tarde axudaríanse mutuamemte para os seus propios beneficios.
Pero este libro non trata soamente de intriga; ten outros temas nos cales destaca o amor entre Frank e a súa secretaria e tamén o curioso "amor" que teñen os necrófilos cara as friames.
Pese a que o libro gustoume bastante e resultoume fácil seguir o seu fio, hai dúas partes que non me agradaron porque me resultaron bastante noxentas: Na metade do libro, cando especifica dous casos concretos de necrofilia. Pese que esas partes fosen arrepiantes e non fosen das miñas favoritas déronlle ó libro un ton macabro provocando curiosidade aos lectores.
O meu personaxe favorito femenino sería a axudante de Frank, Pat Pérez; gustoume o seu perfil no que lles dá a coñecer aos lectores que non é a típica muller indefensa que non sabe coidar de sí mesma e que necesita ser protexida por un home. O personaxe masculino máis intrigante sería Sugar Jones porque cada vez que se nomeaba no libro, non se podían coñecer ben as súas intencións: cando entrou na oficina onde traballaba Soutelo deducín que non tiña boas intencións pero uns intres despois decateime de que non quería lastimar a ninguén, que non era tan malo como parecía.
Poderíase dicir que todos, ou case todos os personaxes desta novela son moi misteriosos, xa que aportan poucos datos persoais cos cales non se pode deducir que van facer no seguinte capítulo.
A historia estivo ben entre misterio, intriga e amor pero non estaría mal que o autor acabase por contar como acaban Pat e Frank. Como en moitos outros libros, películas e series nos que aparecen eses prototipos de personaxes acaban sempre mantendo algunha relación. Pat dicía que sentía algo cara el, pero Frank non falaba moito dos seus sentimentos, pero aínda así dáse a entender que el tamén sente algo por Pat.
En resumeo, esta novela negra foi bastante curiosas e sorprendente.

12/02/16

Un cesto de mazás


Comentario de Cristina Costela


Un cesto de mazás
Montse Fajardo








“Un cesto de mazás” de Montse Fajardo é un libro no que se reconstrúen dezaseis biografías, ofrecendo testemuños, algúns xa coñecidos, outros ignorados ata o de agora, onde non é difícil que a emoción asolague a lectura. Grazas a esta escritora recupéranse episodios de violencia,  de sufrimento,  de agochos, de represión e medo, entre outros.
Houbo historias que me conmoveron moito, e que me transmitiron unha gran tristeza. Como por exemplo a de Levaron o fiscornio, unha historia na que se conta que Manolo estivo agochado durante tres anos, algo que sorprende é que ten que ser moi duro. Aínda así el demostra unha gran valentía ao facelo e  finalmente ao  entregarse. O que máis me conmoveu e o que máis me sorprendeu é que Susa non deixase saír ao seu fillo da casa, nin a xogar cos amigos, nin a ir á escola, por medo a que dixese que vira un home na corte.
Todas as historias do libro son deste tipo, é dicir, de xente humilde que saen do anonimato ao que os condenou o esquecemento que impuxo o fascismo. Pero no libro, non só aparecen reflexadas estes anónimos, senón tamén as súas familias, as persoas que quedaron e que seguen tendo gravado o terror coma unha tatuaxe sen tinta.
Un cesto de mazas é un libro fácil de ler, pero que che transmite moita tristeza e sobre todo sufrimento, eu non me podo imaxinar como se chegaban a facer tales cousas.
Esta novela recoméndolla a todo o mundo xa que coñeces moito sobre a Guerra Civil e as atrocidades desta.

11/02/16

Conduce rápido



Comentario de Adrián Mato


Conduce rápido
Diego Ameixeiras
Xerais
 
 
O libro é moi interesante e figuroume bastante realista, aínda que nalgunhas partes algo confuso pola grande cantidade de personaxes e nun comezo a pouca relación que existía entre eles. Pareceume impresionante a capacidade do autor para xerar unha historia tan complexa como  é esta. A verdade é que semella una historia moi entretida. 
A personaxe que máis me gustou foi a de Ventura, dado que parecía telo todo controlado en todo momento e gustoume como axuda de forma altruísta a Erika e a Samuel, os dous personaxes para min principais desta historia xunto co xa nomeado Ventura. O personaxe de Samuel penso que é a do neno irresponsable que medrou demasiado rápido, dadas as circunstancias familiares. Cre que o ten todo vixiado, mais non é así e ó fin acábase metendo en leas. A personaxe de  Erika é tal cal a dunha nai que quere ante todo o ben de Samuel e estaría disposta a dalo todo por axudalo.
 

10/02/16

Ollos de auga



Comentario de David González Sampayo


Ollos de auga
Domingo Villar
Galaxia




 
"Ollos de auga" é o segundo libro do xénero da novela negra que leo. Tras ler esta novela podo confirmar que este xénero literario é o que máis me gusta, xa que te intriga durante toda a lectura e está cargado dunha inmensa emoción que fai a historia interesantísima. Este libro gustoume moito, exceptuando algunhas partes que me pareceron moi pesadas e aburridas. Un dos aspectos que máis me gustou da historia foi que posúe un gran realismo, xa que a acción da novela se desenvolve na cidade de Vigo. Outro aspecto que me enganchou moito deste libro é que é moi sinxelo de ler e te mantén enganchado durante toda a historia, deste xeito o autor consegue que o lector non sexa capaz de adiviñar o desenlace da novela. Aínda que os temas principais desta historia son os asasinatos e as investigacións policiais, esta novela posúe varios instantes humorísticos, mediante os cales o seu autor consegue desconectar ao lector dos asasinatos que rodean a acción da novela.
Gustoume e intrigoume tanto esta novela, que foi o primeiro libro que lin sen parar nin un só segundo. Nesta novela prodúcense varios asasinatos, os cales están moi relacionados. Por outra parte tamén debo dicir que as partes da historia nas que Leo Caldas e Rafael Estévez manteñen longas conversacións co doutor Zuriaga, me pareceron moi aburridas.
Nesta novela un saxofonista chamado Lois Reigosa, aparece morto na illa de Toralla. Leo Caldas e Rafael Estévez son dous policías que investigan o caso. Na escena do asasinato descobren que ao saxofonista lle inxectaran formol no pene. Tras varias investigacións os policías cren que o asasino é o doutor Zuriaga, o cal posúe un hospital. A Zuriaga dáballe o formol unha empresa chamada Riofarma, cuxo encargado era Isidro Freire. Ao longo da investigación descobren que o saxofonista era homosexual, entón van a un pub chamado o Idílico. No pub falan co DJ e quedan un día para entrevistarse. Uns días despois o picadiscos aparece morto no seu piso, onde atopan un ordenador con fotos de Zuriaga con Lois Reigosa. Finalmente descóbrese que os asasinatos foran levados a cabo pola muller de Zuriaga e o seu amante Isidro Freire.
 Ao principio o título non me encaixaba coa historia e non atopaba ningunha relación entre o título e a acción da historia. Pero segundo vas lendo daste conta de o título esta relacionado cos ollos azuis do saxofonista asasinado no seu dúplex da illa de Toralla, Lois Reigosa.

09/02/16

Un cesto de mazás

Comentario de Ánxela Barrio


Un cesto de mazás
Montse Fajardo


Eu nunca tivera moito interese sobre a Guerra Civil, pero este libro axudoume a sentir dentro de min o que estaba ocorrendo anos atrás. Fixo que me metera na pel das personaxes, pois a medida que ía lendo poñíanseme os pelos de punta. A pesar de que en Galicia non chegou a Guerra os danos causados polas atrocidades por parte dos nacionalistas foron moi considerables.

Este libro non só me axudou a abrir os ollos, senón que tamén me ambientou na época e proporcionoume alguna información para poder facer un traballo sobre este tema. Tiven moita sorte de que coincidira o traballo coa miña lectura.

A historia que máis me sorprendeu foi a de Levaron o fiscornio, nela, a pesar de que Manolo estivera agochado tres anos (algo que parece imposible), obsérvase un acto de valentía xa que é algo que non o daría feito calquera. Esta historia ten moitos detalles sobre os que reflexionar, como por exemplo a importancia do silencio, isto podémolo apreciar cando Susa deixou ao seu fillo sen saír da casa por medo a que contara que había un home na corte.

Finalmente, recomendo moito este libro, pero é importante saber que contén historias moi duras.

05/02/16

O siñor Afranio ou como me rispei das gadoupas da morte


Comentario de Raquel García


O siñor Afranio ou como me rispei das gadoupas da morte
Antón Alonso Ríos
A Nosa Terra


"O Siñor Afranio" é un libro autobiográfico de Antón Alonso Ríos. A través del podes descubrir a cruel realidade sufrida durante a Guerra Civil en Galiza porque ninguén mellor que Alonso Ríos para relatar os duros tempos polos que tivo que pasar.
Neste libro plásmase o inferno que tivo que vivir esta persoa para como ben di el 'risparse das gadoupas da morte'. Grazas ao seu enxeño e instinto de supervivencia logra escapar das mans dos seus perseguidores facéndose pasar por quen non é pero en quen o tempo converteu.
Sinto admiración polas persoas que no seu tempo axudaron a fuxidos e a pobres ou as dúas cousas ao mesmo tempo xa que poñían en perigo a súa vida por axudar aos demais. Esas son as persoas que se poden denominar propiamente así.
'O Siñor Afranio' chegoume ao corazón porque Alonso Ríos era unha persoa que sen ningunha culpa foi perseguido e mesmo á que lle foi posto prezo á súa vida; neste caso Alonso gañou a batalla pero... cantas persoas máis houbo que non lograron saír con vida desa dura etapa que marcou a Galiza? Cantas persoas sen culpa ningunha aparecían mortas cada día en cunetas e montes? Cantas? E por que? Porque a catro persoas que se crían superiores se lles deu por sobrepoñerse por enriba dos demais crendo así que a súa vida valía máis, créndose superiores.
Sinto un pouco de noxo polos que por medo á morte se uniron ao bando asoballador levando así moitas vidas de inocentes por diante para salvar a súa.
En conclusión, é un libro engaiolante que te achega á realidade da época sanguenta en Galiza en primeira persoa.

03/02/16

Sete caveiras

Comentario de Chritian Oro


Sete caveiras
Elena Gallego Abad
Xerais




De novo elixín  un libro de misterio, unha trama dun asasinato, dun cadaleito no mar  que aparece aboiando no mar de Vigo  e que leva un xoguete no peto. Ese xoguete está relacionado con outros asasinatos.
Unha periodista entra na trama e vese na obriga de chegar ao fondo do asunto e amosar a impotencia do periodismo na sociedade.
Ela, grazas á súa cámara, intentará chegar antes de que sexa tarde tirando polo fío do crime.
O raro da novela e o que me chama máis a atención  porque non me pareceu crible é o tema dos xoguetes.
Gustoume  moito que de novo aparecese Vigo  na trama e o raro mar como nas novelas de Villar. Que sexa curta, rápida, e de fácil lectura aínda que o final semelle demasiado rápido.
Son uns asasinatos case perfectos na que o criminal marca os tempos é todo unha vinganza do pasado... pero non conto máis.

02/02/16

Menino morreu

 Comentario de Raquel García


Menino morreu
Luís Manuel García Mañá 
Xerais



'Menino morreu' de Luís Manuel García Mañá é un libro que me custou bastante lelo ao principio xa que como se desenvolvía en épocas pasadas resultoume un pouco aburrido e algo complexo de ler xa que tiña que poñer moita atención no que lía ou non era capaz de entendelo. De feito, ao comezo non fun capaz de ler varios capítulos seguidos.
Segundo ía abanzando nos capítulos íame enganchando ao libro involuntariamente xa que as vidas tanto de Nemesio coma do Brasileiro me pareceron bastante interesantes, sobre todo a do Brasileiro. O Brasileiro é todo un personaxe ,engana aos pobres, gasta os cartos nos xogos, practica ritos un pouco raros, engana a súa muller con outra, trafica con todo tipo de materias... Por outra banda Nemesio é un home de máis proveito que residía fóra xunto coa súa dona e o seu fillo pero volta para Galiza para resolver o asasinato de dúas persoas no Couto Mixto.
Para min hoxe en día que houbera un lugar coma o Couto Mixto sería atractivo xa que sería un lugar de total liberdade onde evadirse de problemas e demais xa que alí non era vixente ningunha lei nin de Portugal nin de España por iso tiñan as súas proprias. Sería un pequeno paraíso.
Creo que para que o libro fora máis interesante se tería que centrar máis no asasinato que ao fin e ao cabo é o feito principal e tamén na vida do Brasileiro, tratala máis a fondo porque é un personaxe que dá para moito.
Concluíndo debo dicir que aínda que ao principio o libro non me gustou ao final serviume para pasar un bo e entretido tempo.

01/02/16

A noite enriba

 Comentario de Francisco Rodríguez


A noite enriba
Diego Ameixeiras
 
 
Este non foi o primeiro libro que lía deste subxénero novelístico, a novela negra, xa que, anteriormente xa me adentrara neste mundo cheo de acción con Agosto do 36, pero este libro o único que fixo foi sacarme o carnet oficial de seguidor deste tipo de novela xa que parece que cada libro que leo deste xénero, consegue impresionarme dunha forma diferente,que penso que é unha das cousas máis importantes dos libros, que consigan sorprender.
Debo admitir que, cando comezei a ler as primeiras 20 páxinas pareceume que ía ser un libro que costaría ler principalmente pola alternancia das tres historias que nestas primeiras 20 páxinas aínda ían por separado, pero que me axudaron a coñecer os diversos personaxes da trama.
Cando o historia protagonizada por Ricardo entrelazouse ca protagonizada por Vicente e Selma xa comezei a cabilar de que as dúas historias restantes acabarían nunha soa. Pero pouco a pouco funme internando na trama, tentando sentir o mesmo ca os personaxes para entendelos mellor. Conseguino e o resto do libro foi rodado Gustariame resaltar os abundantes saltos no tempo xa que pareceronme que estaban perfectamente integrados o que facilitaba a súa comprensión.
O conxunto do libro encantoume porque está cheo de acción, asasinatos, persecucións que é o que busco nun libro deste tipo de novela, pero ó mesmo tempo pareceume increible que Diego Ameixeiras conseguira mesturar toda esa acción chea de adrenalina con un puntiño de sensibilidade que, polo menos en min, creou a situación de Vicente xa que tocoume de verdade o corazón o feito de non querer loitar pola súa vida pois négase e poñer a quimioterapia, o que me parece moi mal porque sempre hay que loitar, aínda que as veces con loitar non serva pero polo menos loitar.
Esa loita, por exemplo, vina nas gañas que lle pon Ricardo en acabar a súa novela ben feita. Este é o motivo polo que se vai a Philadelphia que é o lugar onde nacera era David Goodis ,que é o protagonista do seu libro.
Tamén gustoume o feito de que os asasinatos sexan continuados nunha especie de cadea xa que o asasino é asasinado e asi sucesivamente o que me pareceu moi interesante,creativo a ata un pouco cómico.
Pero a historia que máis me gustou foi a do Caimán xa que me pareceu unha historia orixinal, moi rebelde e ata nalgúns momentos conseguíu sacarme unha risiña máxica que eu penso que é unha das cousas que un autor quere producir cando len o seu libro: que se entreteñan.
Quizais, o mellor do libro é o final, como a saída dun labirinto no que ves a luz, xa que me pareceu increible que o personaxe do Caimán fora o pseudónimo co que un autor, que non cheguei a saber quen era, firmaba os seus libros.
En definitiva un libro moi interesante e nos achega aos rapaces á ficción da lectura.
 

31/01/16

Baixo mínimos

 Comentario de Xosé Manuel Fernández Taboada


Baixo mínimos
Diego Ameixeiras
Xerais




"Baixo mínimos", unha das numerosas obras escritas por Diego Ameixeiras, é unha peza na que se nos presenta un asasinato que debe resolver o noso protagonista o detective Horacio Dopico. Teño que comentar que grazas a este libro a novela negra comeza a parecerme algo moi interesante e entretido.
Nesta obra podemos ver como o detective Horacio tras unha noite "axetreada" coa súa exmuller recibe unha chamada. Nela o seu compañeiro Noriega pídelle a súa axuda para resolver o asasinato dun avogado chamado Adrián Seivane. Neste momento é cando a historia comeza a poñerse interesante. Un detective que bebe whisky, que ten algún que outro problema coas drogas e que acaba de ter "algo pasaxeiro" ca súa exmuller, deberá resolver un caso envolto de malleiras e asasinatos a mans dun grupo terrorista , prostitución e tráfico de drogas baixo os fondos da cidade de Ourense.
 
A verdade é que esta obra gustoume moito e conseguiu algo que outros libros non lograron e trátase de engancharme case desde o principio. Ademais de que logrou que a historia non se fixera aburrida e lenta, incluíndo frases filosóficas e momentos de reflexión do noso protagonista. Pode que se estás indeciso entre coller ou non un libro de novela negra este sería o ideal para ti, xa que contén moitos sucesos relacionados coa novela negra que se fan moi entretidos e sinxelos de ler.