ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

19/01/16

Dime algo sucio

Comentario de Katia Pereira


Dime algo sucio 
Diego Ameixeiras
Xerais


Co libro “Dime algo sucio” quedei algo desconcertada xa que non é exactamente unha novela negra. Pasa por ser unha novela negra pero só ten dela a escena da violación inicial que se retoma ao final con sorpresa. Só dúas pequenas escenas que sentan algo mal , que deixan o ánimo rebentado fronte ás cen estampas restantes da novela, breves escenas, vida intensa e personaxes que se van cruzando, poucos deles asisten á traxedia. Destaco á taxista que lamenta a súa vida e Ánxela que non só a lamenta senón que a odia.
É unha novela de policías sen selo, non hai investigación policial, non hai probas, non hai máis que dous cadáveres e unhas existencias que se entrecruzan na cidade de Ourense, aquí chamada Oregón. Os tempos foron cambiado, pero se lle extraes á novela esas breves doses de terror, o que resta é unha visión dos personaxes amable, compasiva, levemente sarcástica.
Porque ademais o texto goza dunha prosa coidada e detallada. Diego Ameixeiras manexa a linguaxe de maneira profesional.

18/01/16

A noite enriba

Comentario de Christian Oro


A noite enriba
Diego Ameixeiras
Xerais




Gústame esta novela negra de Diego Ameixeiras. Narra  a historia dun escritor que non ten ideas, que ten unha crise creativa. Desenvolvese na cidade de Ourense. Parte da historia dun escritor obsesionado con David Goodis, un dos grandes narradores esquecidos da época dourada do xénero negro en EE.UU. É de moi difícil lectura xa que ten moitas elipses e saltos de temporais ó mesmo tempo que  fai homenaxes literarios a outros escritores . Polo medio aparecen  policías corruptos ou traficantes de droga, crimes sen resolver, xente que vende postos de traballo por cartos.
A novela non ten un final feliz precisamente e gustoume Selma, unha rapaza heroinómana fiel ao escritor e que ten as mesmas angustias que o  escritor, o personaxe persoal.
 

17/01/16

Agosto do 36

Comentario de David González Sampayo



Agosto do 36
Xosé Fernández Ferreiro
Xerais


Esta historia gustoume moitísimo e, sobre todo, aprendín moito durante a súa lectura. O que máis me gustou foi que nesta novela, o seu autor, na miña opinión, é capaz de facer que o lector sinta tres estados de ánimo: impotencia, tristeza e, algunhas aínda que poucas veces, risa. A impotencia é un sentimento que rodea toda a historia, xa que fastidia moitísimo que os falanxistas maten ou metan no cárcere a todas aquelas persoas con ideas opostas ás súas. O sentimento de tristeza refléxase cando os falanxistas teñen a Sara atada á arbore, abrasada polo sol e moribunda; e eles tan só pensan en manter relacións sexuais con ela. Neses momentos sentín un mestura dos dous sentimentos nomeados anteriormente: impotencia e tristeza. A pesar disto, o lado positivo da acción atópase nas escenas nas que discuten Leonardo, Manuel e o Garabís, os falanxistas, e se empezan a chamar de todo; neses momentos formouse un sorriso na miña cara e desconectei algo da dor que rodea a esta fantástica novela. Nesta historia tamén se reflicte o machismo dos membros do partido fascista, os cales tratan moi mal á mestra e quérena utilizar, en todo momento, para desafogarse sexualmente. Outro feito que quero destacar é o terror que debía causar o partido fascista, xa que moita xente de ideas opostas aos falanxistas, uníase a eles para estar fóra de perigo. Vivir naquela época tivo que ser moi duro e esta historia cóntanolo dun xeito moi lúdico.

Nesta novela cóntase a historia dunha mestra, cuxo marido, tamén mestre, oponse ao fascismo; e para que non o capturen os falanxistas, escóndese no monte e Sara vaino visitar algunha vez por semana. Durante varios días os falanxistas preséntanse na porta da súa casa e pregúntanlle onde está o seu marido. Ela sempre lles responde que o seu marido está de vacacións, pero os falanxistas saben que Gregorio está escondido no monte e que ela o visita varias veces á semana. Un día os falanxistas, cansados de que Sara lles mentise, presentáronse na casa da mestra e levárona ata o monte. Alí dixéronlle que se o seu marido non se presentaba íana matar e logo atárona a un carballo. O sol queimaba moito, os días pasaban e Gregorio non aparecía por ningunha parte. Un día pola noite dous dos falanxistas saíron a dar unha volta polo monte para vixiar a zona e desde a corte, onde se atopaban un dos falanxistas e Sara escoitouse un disparo. Cando chegaron á casa un dos falanxistas dixo que lle disparara a unha persoa e o outro dixo que o seu compañeiro confundira un teixugo cun ser humano. Finalmente, tras ver que Gregorio non aparecía, decidiron matar á mestra. Cando voltaban para a casa despois daqueles días no monte, un dos falanxistas parou a urinar e veu, entre os toxos, o corpo de Gregorio, cun disparo nas costas. Nese momento decatouse de que o seu compañeiro tiña razón e non confundira a Gregorio cun teixugo.

Un aspecto que me gustou moito desta novela, foi que tanto a vila, coma o onte e coma os personaxes, están descritos á perfección. O final aínda que é moi triste, tamén é moi interesante. Por outra banda, gustaríame saber como logo de matar a Gregorio, se seguen a escoitar os disparos da súa escopeta. Esa é a dúbida que me queda na historia.

15/01/16

Agosto do 36

Comentario de Vanesa Lalín Pousa



Agosto do 36
Xosé Fernández Ferreiro
Xerais
 
 
 
O libro “Agosto do 36", a primeira vista, pareceume que tiña un título atractivo, que podía ser interesante, e interesante si que foi, pero non da maneira que eu pensaba .
Nel relátase unha historia onde se mestura orgullo, vinganza, impotencia , e a crenza que pode chegar a ter calquera ser humano, e o peor de tod , que está baseada nun feito real, pero e só unha pequena parte de todas as situacións inxustas que se produciron durante a guerra civil aquí en Galicia. .
Algunha vez escoitara falar a meu avó, que lle contara o seu pai que nesa época había uns grupos de homes “Os falanxistas” que nalgúns sitios cometeran moitos crimes, pero con este libro deime de conta que eses asasinatos deberon ser da maneira máis cruel e inxusta que me poida imaxinar, coma neste caso. Eu penso que aquí as causas non foron só políticas, senón que se converteron nunha vinganza persoal, moi antiga. Así un falanxista como foi Garabís matou ao matrimonio de mestres Gregorio e Sara, pero non só polas crenzas senón que para min o motivo principal da súa vinganza foi que Sara nunca o quixese a el, o cal levouno a cometer eses actos de humillación e aldraxe a Sara ata matala.
Deime de conta do medo e terror que podía chegar a ter a xente xa que ante esas situacións inxustas non era capaz de reaccionar debido á violencia tanto física coma psíquica á que estaban sometidos, pero o que si me parece moi inxusto era a reacción do clero ante eses feitos xa que non intentaba axudar. Para min isto pode ser debido a que todo estaba envolto nun ambiente de medo e morte onde o mellor era calar para poder vivir.
Por outro lado o que menos me gustou do libro foi que xa ao principio do relato nos descubrise o final, non deixaba opción a pensar, pero a pesar diso este libro nunca perdeu a intriga e as ganas de saber máis de como pasaban os feitos, que por un lado, en certos momentos facíanme sentir unha gran impotencia de non poder axudar a Sara, e por outro lado case non podía saber que situacións así pasaran aquí, onde nos vivimos e nun periodo de tempo tan cercano.
Pero con todo isto este relato deixoume unha pequena “dúbida”: foron os falanxistas os que lle deron o tiro a Gregorio ou non……?
 

12/01/16

O lapis do carpinteiro

Comentario de Vanesa Lalín Pousa


O lapis do carpinteiro
Manuel Rivas
Xerais 
 
 
A primeira vista este libro pareceume feo, xa que estaba gastado, parecía moi vello, aínda que o seu título non estaba de todo mal, pero moi lonxe do que eu puidera pensar se non o chegara a ler.
Cando empecei a lectura pensei que o que contaba era algo próximo, pero co paso das follas os feitos volveron ao pasado, concretamente á Guerra Civil Española, a época do franquismo, o cal podía levar a calquera situación coma a que o libro nos relata, que podían ser moi reais, pero por outro lado en certos momentos da historia falaba de lendas mesturadas coa Santa Compaña, que aquí en Galicia eran moi habituais.
Este libro cóntanos por un lado as inxustizas e atrocidades que podían sufrir os presos políticos nesa época, neste caso, concretamente, un doutor que loitou ata o finl, sen rendirse nunca, cunha gran forza, que parecía imposible manterse en pé, sempre con ánimo. Eu penso que esta foutez lla dou a outra parte da historia, o amor, o que el sentía por unha moza case prohibida, era o que o mantiña forte ante situacións das que era moi difícil sobrepoñerse.
Por outro lado o libro en si non era difícil de entender, aínda que a lectura foi para min algo lenta, xa que o que ía contando a historia cambiaba moitas veces, pasaba dun garda chamado Herbal, a alguén que contaba en primeira persoa outros feitos, polo que ás veces tiña que pensar un pouco, pero unha vez que coñecín os personaxes xa me resultou moito máis fácil.
Deime de conta que nalgún casos estes gardas que facían atrocidades tamén tiñan “conciencia”, que ás veces aparecíanlles remordementos, aínda que pareza incrible.
Con este libro comprendín a forza que pode ter o amor, que como noutras historias no medio de tantos sufrimentos conseguiu que tanto o doutor como a súa moza nunca se renderan e lograran por fin vivir tranquilos, ou iso é o que parece, no exilio.
 

11/01/16

Maís alá!


Comentario de Telmo García Castro



Maís alá!
Inacio
Demo
 
 
 
O libro gustoume. Ao igual que os outros títulos da colección  ten unha lectura áxil e lino nun tris porque pareceume moi interesante.
A parte gráfica é moi laboriosa polo detallista dos seus debuxos, por exemplo cando debuxa a Torre Eiffel, Notre Dame e os cabarés parisinos.  Creo que é por estes debuxos polo que tanto me gusta estes álbums. O cómic permite facer turismo e aprendes moitos datos sobre a arte e cultura da capital de Francia naquela época.
Dos 4 libros da Serie de Castelao, porén, este é o que menos me gustou porque prefiro aqueles nos que hai máis anécdotas chistosas e  persoais sobre a propia vida de Castelao. Máis alá paréceme un cómic cun final tristeiro porque a imaxe final da cacharela cun Castelao triste pola noticia da enfermidade do seu fillo Afonso, que finalmente morrería, non é para rir.

 

10/01/16

Unha puta percorre Europa

Comentario de Telmo García Castro


Unha puta percorre Europa
Alberto Lema
Galaxia




Non imaxinaba para nada que este libro ía ser como finalmente resultou ser. Dende logo o título era chamativo, pero máis chamativa ían ser os feitos que contaba.
A historia que se narra nesta novela faite reflexionar sobre as penurias que pasan moitas mulleres adicadas á prostitución. Son uns feitos que te deixan perplexo porque é incrible que unhas universitarias cambien radicalmente a súa vida converténdose en asasinas para reivindicar a idea de que a prostitución é unha tara social e educacional. Considero , non obstante, un pouco exaserado que dúas mozas arruinen a  súa vida asasinando a persoas. Entendo a causa que as move, pero para min o fin non xustifica sempre, nin moito menos, os medios.
A novela ten algo de novela negra cunha trama de suspense, asasinatos, corrupción, policías e detectives e este aspecto faina interesante. Ademais é un libro que se le con moita axilidade. Os seus corenta e catro capítulos son breves e pasan voando.
Cando empecei a ler a novela quedei pensando en quen sería a puta que percorre Europa que se menciona no título. Agora que a rematei paréceme que o título ten moralexa: esa puta é a corrupción moral que permite unha actitude tan pasiva cara á prostitución, que é un problema social. Luz e Ada, as protagonistas, loitaban para que iso cambiase.

09/01/16

Dos días escuros

Comentario de Cristina Costela Seara



Dos días escuros
María Carmen Caramés
Xerais





Dos días escuros é un libro cheo de poemas descritivos da situación da muller fronte á violencia de xénero e as fases que sofre, no cal a aurora fixo que pórse na pel desta mulleres fose moi doado. É un libro que transmite dor e medo ao maltratador.
Os versos falan das vítimas de violencia de xénero e o seu día a día nesa repleta escuridade onde semella que a luz non vai volver ser posible.
O poema que máis me gustou foi o que fala sobre o primeiro golpe, que di que é o que máis marca, pero que a cousa non queda aí, senón que detrás dese primeiro golpe veñen moitos máis. Todos os versos do poema transmitíronme moita tristura e soidade, e é un libro no cal estamos ante a vítima, e con ela debemos berrar que non vai suceder nunca máis.
Libros coma este fanme reflexionar e pensar como pode existir xente que sexa feliz pegándolles ás mulleres e desfrute véndoas sufrir. E nós como persoas debemos poñerlle fin a estas situacións, porque hoxe non somos vítimas pero nun futuro podemos selo.
Penso que este tipo de libros son os que debería ler todo o mundo, para poñerse na pel das vítimas e saber polo que pasan ao lado das súas parellas, que supostamente as queren, pero non fan máis que berrarlles e pegarlles. Deste xeito, seremos quen de identificar este tipo de situacións e sobre todo nós, as mulleres, non deixar que nos fagan pasar por iso.

08/01/16

Dime algo sucio

Comentario de Raquel García


Dime algo sucio 
Diego Ameixeiras
Xerais



"Dime algo sucio" de Diego Ameixeiras é un libro que a min me entrou polos ollos, ao ver a súa portada e o seu título sentín a curiosidade por saber de que trataría e tamén porque souben que sería un libro diferente aos que estamos acostumados a ler.
Efectivamente é un libro diferente, trata sobre a sociedade actual e o autor ten tanta precisión descritiva que case nos podemos meter na pel dos personaxes e saber como se senten.
Gustoume bastante porque me pareceu interesante que o autor soubera relacionar a vida de varias persoas que o único que tiñan en común era que vivían na mesma cidade (Oregón). Decateime tamén de que este libro apoia a frase de que 'as aparencias enganan' porque os personaxes vistos dende fóra podían parecer todos persoas perfectamente normais pero ao analizalos interiormente descubrimos que cada un ten as súas ideas, temores, intrigas, carácter...
Unha pega que lle poría é que como dixen antes o autor describe tan ben os acontecementos que nos podemos imaxinar algúns que non nos gustaría imaxinar e que a min me resultaron un pouco arrepiantes coma a violación dunha das protagonistas.
Recomendaría este libro xa que é un libro distinto e interesante.

06/01/16

A memoria da choiva

Comentario de Cristina Costela Seara



Memoria da choiva
Pedro Feijoo
Xerais 



Memoria da choiva de Pedro Feijoo, ao ser un libro de novela negra ou policial axudoume a engancharme a súa lectura. Ademais disfrutei moito con todos os personaxes desta historia, con ese humor negro de Aquiles coa súa nai, con Sofía e con todos os demais.
Pareceume un libro cunha trama moi traballada, onde nada queda ao azar, unha historia que mestura realidade e ficción e que transmite cariño, admiración e sobre todo respecto hacia Rosalía de Castro. É unha novela grazas á cal podes aprender moito desta poeta.
Este libro ten unha trama trepindante de novela negra e paseo santiagués e de fondo, a poesía de Rosalía. Pedro Feijoo mesturou os versos da poeta cun argumento onde os asasinatos teñen relación coa gran figura do Rexurdimento. Que magnífica idea !
Penso que para escribir esta novela o autor tívose que documentar moi ben, e o froito desta documentación reflíctese na forma de tecer de xeito extraordinario os fíos argumentais.
Neste libro os asasinatos que se producen caracterízanse pola brutalidade, e na morte do señor Carneiro, non encaixa na escena, unha estraña peza de ferro chantada no corazón. E en realidade, a de Carneiro non é máis que a primeira dunha cadea de mortes en serie, e que Aquiles terá que descubrir, sempre cunha pregunta rondándolle na cabeza: Quen é Adriano?
O que me gustou da novela é o xogo de espellos que constrúe Feijoo ao longo do texto, un xogo protagonizado polo herdanza que a poeta nos deixou, e que os seus poemas nos din aos lectores e lectoras de hoxe.
Porque Adriano somos nós: orfos dunha nai roubada polos seus propios idolátras, e só nos queda unha solución, volver aos seus textos, como Adriano.
Un libro cheo de poesía, morte, sangue, odio, memoria, amor e futuro, cun final sorprendente.