ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

29/10/15

Resistencia

Comentario de Noelia Blanco Pájaro


Resistencia
Rosa Aneiros
Xerais



un libro que volvería ler unha e outra vez. Enganchoume dende un principio coa historia de Isaura e Antonio, e logo xa coa de Dinís e Filipa. A min gústanme moito as historias de amor difíciles, pero este en especial chamoume a atención porque entrelaza estas coa situación de Portugal por aquel entón (ditaduras de Salazar e Marcelo), cousas inimaxinables para min. Xa que non me esperaba ese pasado, porque meus avós téñenme contado cousas moi duras, pero nunca tanto.
A de Dinís e Filipa é unha historia moi sorprendente, porque comenzou sendo mozos, e a pesar de todas as circunstancias que se lle puñan por diante, loitaron contra vento e marea polos sentimentos acadados polos dous.
É un libro que ten algunha que outra palabra non moi fácil, pero deducible polo contido. Que sexan historias reais dálle bastantes puntos positivos.

28/10/15

Madonna e outros contos de inverno

Comentario de Noelia García

Madonna e outros contos de inverno
Manuel Rivas
Xerais
 
 
Este libro pareceume moi peculiar xa que narra diferentes contos, pero en todos é inverno e Nadal. Lendo este libro faite pensar como cada familia, en cada lugar do mundo, pasa o Nadal dunha forma diferente, algúns dunha forma máis divertida e outros non tanto.
A historia que máis me gustou e me chegou máis adentro foi “Noite de Reis”, como un rapaz con síndrome de Down loita día a día e fai o que máis lle gusta, que é xogar ao futbol aínda que os demais non sean capaces de valoralo. Nunca o deixaron xogar pero o día de Reis marcou o seu gran gol, polo que conseguiu a victoria, para el sería o regalo máis grande de Reis.
Outra das historia que mais me gustou foi “Madonna”, esta historia dálle nome ao libro e reflicte o importantes que son as nais para nós ata no mundo animal. O cariño que os animais collen cando de verdade lle das cariño e amor como facía aquela cega.
O relato que menos me gustou foi “Okay”, non me gustou porque facía unhas preguntas moi estrañas que non tiñan ningunha relación unhas con outras nin tiñan sentido, de feito eu ese relato non o entendín moi ben.
Ao principio do libro os dous contos non me gustaron moito pero a medida que o ía lendo funme interesando máis e non me decepcionou, aínda que algunhas tiñan uns finais tristes.
 

Baixo mínimos

Comentario de Francisco Javier Rivas Santomé


Baixo mínimos
Diego Ameixeiras
Xerais





O libro está ambientado na Cidade das Burgas, Ourense, é unha novela negra clásica que fala dun comisario chamado Horacio Dopico ó que lle encargan a investigación do asasinato dun importante avogado.
Trata unha temática moi variada: O tráfico de drogas, a corrupción, os terroristas, a prostitución... etc.
Hai na trama, trepidante polo tanto, un detective que é abandoado pola súa muller.
A historia ten un léxico amplo e variado. A súa lectura resultoume amena e fácil de ler e comprender.
É un libro recomendado para adolescentes da nosa idade.

27/10/15

Madonna e outros contos de inverno

Comentario de Alberto Blanco

Madonna e outros contos de inverno
Manuel Rivas
Xerais
 
 
 
É un libro un tanto difícil de ler, debido a que nel mestura oito contos con diferentes historias e emprega vocabulario pouco habitual.
 Cando o observei por primeira vez o que máis me estrañou foi o número de páxinas que contén, outras das cousas estrañas das que pensei decatarme foi que as historias eran un pouco infantís pero ao mesmo tempo complexas. Logo comprobei que de infantís non teñen nada.
O que me intrigou deste libro é que cada relato trata de temas diferentes, grazas a iso puiden retomar a lectura con máis facilidade. O conto que máis me gustou foi “ A chegada de Ingrid“, xa que trata una situación de adulterio, a muller de Manolo mantivo unha relación con Ramón mentres que o seu home emigrara a Alemaña.
En conclusión, este libro pareceume complexo a hora de entendelo, aínda así os seus contos son curtos e divertidos.

Unha puta percorre Europa

Comentario de Alberto Blanco


Unha puta percorre Europa
Alberto Lema
Galaxia




Pareceume que é un libro machista, porque expón a muller como un obxecto sexual.

Esta historia trata sobre dúas mozas que se converten en prostitutas polo feito de acabar cos homes infieis. Non manteñen ningún tipo de relación cos clientes senón que os matan. Estas mulleres non logran o seu obxectivo porque matan a persoa incorrecta.  O final é moi sorprendente e o autor logra despistar.

Para min este libro foi moi entretido porque semella unha novela policíaca con asasinatos e outros tipos de situacións.
 

26/10/15

Madonna e outros contos de inverno

Comentario de Silvia Bruguera


Madonna e outros contos de inverno
Manuel Rivas
Xerais
Estes contos de nadal non me agradaron moito xa que en xeral foime complicado entendelos.
O conto que máis me gustou foi " O partido de reis " debido a que reflicte como é tratado un neno con síndrome de Down, una visión deste conto moi real; gustoume a parte na que narraba como este rapaz era coa caligrafía moi perfeccionista, máis tarde aparecía como outros rapaces o incitaban a fumar, é moi triste pero pese a isto agradoume moito lela, estaría ben facer un libro basado neste conto de nadal.
O que menos me agradou foi o primeiro; "O namorado de María" porque unicamente despois de lelo dúas veces, e con calma, fun capaz de comprendelo parcialmente. Un dos motivos da difícil comprensión foi nos personaxes que aparecen, xa que non se distinguía en que ocasión falaba cada un deles, engadíndolle a iso a falta de especificación do seu xénero.
O conto " Okay " foi como unha entrevista, non me dixo nada, e dicir que nin me agradou nin me desgustou.
" O carteiro de Papá Noel " :  non me pareceu correcto como un home, o mensaxeiro de papa noel, ameazou a un rapaz pequeno polo feito de que o insultara, xa que el sendo un home adulto tería que comportarse, nesta sociedade non se atoparía ben que lle dixese iso un personaxe público relacionado coas navidades a ningún rapaz.
O conto de " Madonna "o cal dá a coñecer o nome do propio libro, gustoume porque fala dun rapaz da nosa idade. De cómo é a súa vida e mais mostra o aprecio que ten cara a súa vaca.
O seguinte conto " O amor das sombras ": ao comezo custoume saber quen era Dandy, pero por sorte máis tarde comentouse quen era, senon entre o bacallau e Dandy non me daría de conta de que se estaba a falar.
" A barra de pan ": este relato fala dunha morte próxima e do respecto que manteñen hacia o defunto, non me agradou, polo simple feito de que non me gustan as historias tráxicas. Lendo esta historia atopei una oración moi fermosa que di así: Os mortos hai que deixalos ir. Non hai que tirar deles cara abaixo.
E o último conto de nadal do libro " A chegada de Ingrid " tampouco foi do meu agrado porque nunca me gustaron os contos, series ou películas relacionadas con bonecas que teñen algún misterio. Coma noutros contos anteriores non fun capaza de atopar o sentido a algunhas partes do libro.

Erros e Tánatos

Comentario de Miguel González Taboada


Erros e Tánatos
Gonzalo Navaza
Xerais
  



O que fixo que comezara a ler este libro foi unha pequena historia de comezos de tema que están escritas en todos os libros de texto; outra cousa que me impulsou a ler as historias foi o autor, Gonzalo Navaza que non so é que sexa galego nin sequera que sexa de Lalín senón que é da Cacharela, unha pequena parte da vila onde eu crecín ata os doce anos.

A primeira impresión que tiven ao coller o libro era que me ía gustar xa que, como xa dixen, xa lera o primeiro conto o ano anterior. Eu que son fan dos libros de medo, misterio e finais enxeñosos e impredecibles o único que puiden ver de malo foi collelo para ler na "hora de ler" polo que tiven que esperar a que chegaran os seguintes 15 minutos para seguir. Outra cousa que me sorprendeu foi o gran número de historias e o traballo que pasou Gonzalo para, sobre todo, darlle a todos os finais ese xiro inimaxinable a pesar de darse conta de que algo así pasaría, cousa que me ocorreu sobre o final da terceira ou cuarta historia.

En definitiva é un gran libro de relatos, con finais ocorrentes e indescifrables, co que non te podes aburrir.

25/10/15

Madonna e outros contos de inverno

Comentario de Vanesa Lalín Pousa

Madonna e outros contos de inverno
Manuel Rivas
Xerais


A primeira impresión que me causou o libro foi: Un libro con tan poucas páxinas, pode ter tantos contos dentro?
Empecei a ler e parecíame que ía moi rápido, xa que cada conto era curto e fácil de entender, chegando ao seu fin con moita facilidade, así en pouco máis dunha hora xa o tiña lido. 
Foi tan rápido que ao rematar púxenme a pensar sobre cada un dos relatos chegando a conclusión de que todos eles tiñan moitas cousas en común, as máis rechamantes eran o inverno e concretamente a época do nadal, xa que todos os relatos tiñan algunha alusión a esta época do ano, que me produciron nostalxia, ata tristeza, non sei moi ben se foi polas propias historias ou pola época en si.
Pero ao longo dos contos tamén se tratan temas moi diferentes xa que vai dende o amor, a amizade, a traizón, pasando pola emigración , as drogas, as crenzas políticas... pero en cada relato é coma se o autor nos quixese transmitir algo, ou polo menos facernos pensar sobre certos actos que poden ter unas consecuencias na nosa vida e concretamente na dos personaxes dos contos, que poderiamos ser calquera de nós .
En resumo, pareceume un libro fácil de entender, onde nos dá pé a que con cada conto poidamos quitar un proveito para axudarnos a comprender mellor a vida dos demais ou a nosa propia.

Amor en alpargatas

Comentario de Vanesa Lalín Pousa


Manuel Portas
Xerais

 

Un título que me fai pensar que vai ter algo que ver con este sentimento do amor, pero nunca o que en realidade está escrito no libro, xa que aínda que ten que ver co amor vai moito máis alá, con outros temas que poderiamos identificarnos e meternos nas situación dos personaxes, xa que esta historia como nos di na contaportada non é real pero eu penso que podería chegar a selo en calquera momento, dándose unhas circunstancias concretas que a min me parece que poden ser moi próximas a calquera.

Non me resultou un libro fácil de ler, xa que o vocabulario e certas estruturas eran como rebuscadas, pero polo contrario era fácil de entender, xa que nos contaba como dúas historias de amor diferentes cun único protagonista, Senén, quen ás veces era coma se estivese confuso coas súas vivencias, pero nunca cos seus idealismos, dende que foi un neno ata o seu fin.
Penso que o autor a través das dúas esposas que tivo o protagonista e dos seus fillos Xian e Amalia nos quere contar como era este home e a sociedade na que vivía, onde cada un nos di un pouco máis de como era Senén.
Nalgúns momentos a historia resultoume triste, xa que era moi fácil identificarse cos sentimentos dos protagonistas  e puiden ver a forza que tivo Senén ante a súa enfermidade que o levaría á morte moi pronto.
Cando rematei de ler o libro pareceume que toda a historia transcorría nese cemiterio onde rematou todo, como se o autor fose unindo e enlazando os acontecementos que parecían de toda unha vida, pero que transcorrían nun tempo moi pequeno, non sei, produciume unha sensación rara, penso que non somos donos da nosa vida, senón as circunstancias que nos toca vivir son as propiamente donas.
Este libro fíxome pensar moito sobre a importancia das nosas vivencias e como inflúen en nós, que nos obrigan a ser fortes en situacións moi complicadas como é a morte .

24/10/15

Madonna e outros contos de inverno

Comentario de Luna Mouniati Ferradás

Madonna e outros contos de inverno
Manuel Rivas
Xerais
Este libro de Manuel Rivas non me gustou moito porque utiliza un vocabulario moi particular e ás veces non se lle entende. Tampouco me agradaron moito os contos, o único que me chegou a gustar un pouco foi "Okay", xa que me pareceu bastante entretido e á vez triste. O que menos me gustou foi "O namorado de María", pareceume moi aburrido e teatreiro e non se entende moi ben se ao final o bandoleiro era un fantasma ou non. 
En resumo, foi un libro que non me pareceu moi bo.