ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

25/11/14

Marta ante o espello

Comentario de Ánxela Barrio Varela

Marta ante o espello
Teresa Calo
Xerais




Este libro non me gustou moito xa que non me parecen correctos os pensamentos de Marta, do seu cadáver a das persoas que escribían as cartas.
Para min as peores cousas que facía era o feito de cortarse só porque pensaba que a dor adelgazaba, que sentise envexa das bulímicas, cando perdía uns gramos sentíase feliz por chegar ao seu reto, cría que a súa nai estaba celosa dela porque marta adelgazaba e a nai non e o peor de todo, que ela quería morrer.
Unha das realidades que moito me disgustou foi que ela mesma di que antes de estar enferma era moi divertida e que cando se puxo enferma comezou a non saír e xa non ría, é dicir, a súa vida era completamente diferente.

24/11/14

O corazón de Xúpiter

Comentario de Telmo García Castro
 
 
O corazón de Xúpiter
Ledicia Costas
Xerais
 
 
Esta obra de Ledicia Costas gustoume. Ao principio pensei que non me ía enganchar porque o título fíxome crer que sería unha novela romántica e a min ese tipo de historias non me atraen.
Segundo fun lendo e avanzando na lectura deime conta de que os feitos que narraba éranme cercanos porque son problemas que temos, vivimos e padecemos os adolescentes como o agobio polos exames, as discusións tontas cos amigos que se solucionan nun abrir e pechar de ollos, o acoso nos institutos ou o perigoso mundo das redes sociais, un tema de actualidade que nesta obra concretamente
acaba moi mal…
Sentinme identificado co mundo das personaxes. O personaxe que máis me gustou foi Anxo porque ten un carácter moi amistoso e non se enfada. Un home namorado e rexeitado que ten moita paciencia. Tamén Mar é unha personaxe que me atraeu porque é diferente e valente, e non segue as regras. Ata o indesexable de Carballo é un personaxe ben descrito: é o típico caso dun rapaz “malote” e violento, pero que no fondo é vítima dunhas circunstancias familiares malas.
A novela está moi ben estruturada. Empeza case polo final e logo dá un salto notempo hacia o pasado para contarnos toda a historia de Isla e a súa nova vida na Rexión. Despois volve a situarnos no punto culminante da historia: a noite de san Xoan (cap 20). Mentres lía este capítulo pensei nun final feliz e amoroso típico, pero cando lin a frase “unhas mans de tacto áspero cubríronlle os ollos” debatiese de
que todo fora un engano e de que Xúpiter non era quen dicía ser. Este final estivo ben porque é una sorpresa e non o esperas. Mellor este final que un “happy end” dende o meu punto de vista.
Para min este libro intenta facernos reflexionar sobre aspectos que son unha grave problemática para os adolescentes de hoxe: o acoso escolar e as falsas identidades nas redes sociais. A moralexa queda clara: cero tolerancia cos abusadores e máxima precaución no mundo virtual .
En definitiva, unha novela sinxela, actual, de intriga e moi na onda da xente nova coma min.

23/11/14

O corazón de Xúpiter

Comentario de Laura Mariño

 

O corazón de Xúpiter
Ledicia Costas
Xerais





Pensei que non me gustaban este tipo de libros, pero... este unha vez que o comezas é imposible parar. 
As historias das que fala son tan reais, poden ocorrernos, podemos vernos implicados en algo así calquera de nós. 
 Penso que é un libro que toca temas contraditorios como o amor e o risco. 
ÁS veces, non medimos as posibles consecuencias dos nosos actos… e finalmente sufrimos. Aínda sinto a tristura dentro de min, cando cheguei ao final do libro, é unha sensación de querer cambiar as cousas que queima por dentro. O que saco en limpo é que, ás veces, a soidade pode traer consecuencias moi perturbadoras;  gustaríame que moita xente lea o libro, e vexa cos seus ollos os perigos escondidos detrás da vida cotiá.
 

22/11/14

O corazón de Xúpiter

Comentario de Raquel García
 
 
O corazón de Xúpiter
Ledicia Costas
Xerais
  
 
Cando empecei a ler o libro, a verdade, non me gustaba moito e tampouco o entendía xa que con tantos datos astronómicos perdíame un pouco. Pero empezoume a intrigar cando comezou a falar xa sobre a vida dos personaxes máis profundamente. 
A verdade é que o libro cada pouco sorprendeume porque empezan a pasar cousas inesperadas como o gran problema que tivo Isla con Carballo, os gustos de mar.. .en fin cousas que me sorprenderon bastante.
Por outra parte está a relación de Xúpiter e Isla, a cal me pareceu algo rara porque non sei como alguén se pode case chegar a namorar dunha persoa só mantendo contacto por internet e para máis sen saber case nada del. 
O que non entendín moito foi porque este libro falaba tanto de astronomía xa que na miña opinión non foi un tema demasiado importante xa que só era un gusto que compartían Isla e Xúpiter.
O que fixo que me gustara o libro máis foi a parte empezando case a chegar ao final xa que as cousas se viran: Carballo non vive como eu pensaba, Mar namórase e Anxo e Isla teñen os seus problemas.
Finalmente dicir que o que aconteceu no final foi algo que eu non esperaba para nada e que aínda sabendo que é un libro me deu algo de pena o que aconteceu.

21/11/14

O corazón de Xúpiter

Comentario de Adrián Mato
 
 
O corazón de Xúpiter
Ledicia Costas
Xerais
 



Impotencia, iso foi  o que sentín  ao ler este fermoso libro. Consternación, mesturada con moitas outras sensacións e sentimentos que me atraían cada vez máis a miña lectura, e como non a incapacidade ao non poder facer nada ante un final do que me atrevo a dicir que ninguén se esperaba.

 Se tivera que elixir o personaxe co que me sinto máis identificado sería sen dúbida a protagonista  Isla, sinxelamente porque  pasei por algo semellante.

A forma que ten a autora de narrar os acontecementos foi o que máis me sorprendeu, quedei absorto revivindo o que lle acontecía a ´´Casiopea´´, desexaba tanto coma ela saber quen era aquel misterioso ´´rapaz ´´ que había debaixo do pseudónimo Xúpiter. E pouco a pouco esa ansiedade medraba dentro de min tamén, para que ao final por cousas do destino pasase o que pasou.

Sinceramente no podo pór pegas a esta novela.

20/11/14

O neno do pixama a raias


Comentario de Cristina Costela Seara


O neno do pixama a raias
John Boyne
Faktoría K





“O Neno do Pixama a Raias” de John Boyne é un libro que trata dun tema tan doloroso como o Holocausto nazi.
Este libro encantoume, aínda que tratara dun tema tan forte como pode ser unha guerra,  contada dende o punto de vista inocente de Bruno. 
 Hai que destacar sobre todo a inocencia de Bruno,  un neno de 9 anos, que, dun día para outro, muda de Berlín a Auchviz. El non quere marchar, porque senón non poderá volver a ver aos seus tres mellores amigos e non entende porque a súa vida se pon “patas arriba” en tan só uns días. Tampouco se percata de todo o  que está ocorrendo ao seu arredor. Non entende por que a tan só uns metros da súa casa hai unha gran alambrada e detrás dela hai moita xente, vestida da mesma forma, cun pixama a raias. Non entende por que eses homes son considerados basura e eles, non. Mentres que, ao redor da súa casa non hai ningúen. Polo que un día decide explorar e coñece a Shmuel, un neno da mesma idade ca el, que vive ao outro lado da alambrada simplemente porque é xudeu. Dende ese día Bruno e Shmuel encontranse no mesmo sitio todas as tardes, e falan sobre como é a súa vida, onde viven...
Ao contrario de Bruno, Shmuel, sí que sabe todo o que lle está ocorrendo, e o por que de vivir ao outro lado da alambrada.
Este libro enganchoume dende a primeira páxina que comecei a ler, metinme de cheo na historia, e fíxome sentir como se eu estivese alí, vivindo o mesmo ca Bruno, sobre todo cara a metade do libro. Fíxome reflexionar moito sobre aquela época na que vivía Bruno e a pouca liberdade de pensamento e crenzas que existía, ademais de que a amizade non entende de cultura, razas, crenzas, condicións de vida, é dicir, a amizade non ten fronteiras.
Na miña opinión é un libro moi intenso que che fai sentir moitas emocións e adentrarse na época nazi.
 O final sorprendeume. Non mo esperaba, esperaba un final feliz para Bruno e Shmuel. Un final no que a amizade salvase aos dous amigos, aínda que con este final danlle unha boa lección ao pai de Bruno, que todos os días, debido a súa superioridade e poder, mandaba matar a grandes grupos de persoas cada día, incluíndo nenos.
         Neste caso o autor deixou un final aberto, pero aínda así o lector sabe o que vai pasar.
Recoméndollo ás persoas que queiran pasar un bo tempo a carón de Bruno.