ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

02/07/14

Made in Galiza

Comentario de Andrés Cangas Sánchez

 
Made in Galiza
Séchu Sende
Galaxia


    Comezo dicindo de que trata o libro. A obra en xeral é un conxunto de relatos que tratan cada un de cousas totalmente distintas pero que á súa vez teñen algo en común: todos eles están relacionados coa situación lingüística ou sociolingüística do galego hoxe en día. Sechu Sende o que pretende con este libro é que nos decatemos da mala situación coa que conta o galego e mellorala. O relato que máis me gustou foi o primeiro:  “Falar”, que trata dunha nena  dun ano que sabe que dentro de pouco terá que aprender a falar pero ten un problema porque non sabe en que idioma falar porque na súa casa fálanse dous idiomas, seus país falan galego entre eles pero con ela falan castelán. Esta situación está moi presente hoxe en día xa que moitos país prefiren falarlles castelán aos seus fillos, cousa que está moi mal porque para que o galego persista debe ser transmitido de xeración en xeración para que nunca se perda. Tamén me encantou o relato de “Instrucciones para aprender a hablar gallego” porque gustoume moito a retranca presente nel. A min paréceme que tivo moita orixinalidade para poderse meter na pel de moitas mozas e mozos galegos que desprecian o galego, como se pode ver nas frases de “ Y luego ahora hablas gallego? Pues te veo rara.”  “ Y cómo te dio por ahí?” “ Y tus padres qué dicen a todo esto?.” Aínda que pensemos que só é pura retranca da autora e que non pasa, está moi preto e cada vez máis presente na xuventude galega. Pareceume moi bo libro que recomendo ao cen por cen. Da escala do un ao dez voulle dar un nove por sacarme sorrisos nalgúns relatos, e concienciarme aínda máis da nefasta situación do galego, cun pouquiño de humor, noutros. E por último, só me queda felicitar ao autor. Parabéns polo libro.

01/07/14

Domingo de Resurreción

Comentario de Sonia Framiñán


Domingo de Resurreción

Fernando Cabeza Quiles
Toxosoutos 




    De primeiras este libro non me chamaba nada, comecei a lelo soamente por curiosidade, por saber de que podía falar un libro con este título e para a miña sorpresa encontreime cun libro de relatos!
    Nestes relatos tan sinxelos e claros amósase unha amenidade, un gran enxeño e sobre todo moito humor. Relatos feitos sobre o soporte da oralidade que resultan moi divertidos. Cóntanse historias reais adozándose con elementos marabillosos e fantásticos que lle dan outro toque.
    A pesar de que ao principio non me tivera moi boa pinta, só tiven que ler o primeiro relato para saber que me ia gustar! Foi unha gran sorpresa e seguín lendo por descubrir que novas historias me estaban esperando. Certo é que o bo dun libro está por dentro e non por fóra, pero a pesar de sabelo, o primeiro que acode á nosa vista é o exterior.
   Despois desta lectura inesperada podo recomendarllo a todos os lectores cun pouco de ganas e tempo libre, que non só se deben fixar no exterior e é un libro moi fácil e entretido!

Postais do camiño

Comentario de Sonia Framiñán


Postais do camiño
Varios autores
Galaxia




   Este é un libro de relatos, relatos fantásticos en galego que teñen todos algo en común, o camiño francés a Santiago de Compostela.
    Debo dicir que ao comezar a lelo non pensei en absoluto que ia ser así, e de feito ao chegar ao final do primeiro relato xa levei unha gran sorpresa. Encatoume, así que me pedía máis e cada relato que lía íame sorprendendo un pouco, cada un á súa maneira.
    Non sabería dicir cal de tantos relatos me gustou máis, xa que todos son distintos e moi fermosos, cada un co seu xeito. O feito de que cada historia pertenza a un autor distinto dálle un toque especial, xa que cada un escribe á súa maneira e o libro faise máis divertido.
     Este é un libro moi recomendable, xa que é entretido e faciliño de ler, así que anímovos a todos a ler estes fantásticos relatos.

30/06/14

O corazón de Xúpiter

Comentario de Patricia Lázara Framiñán
 
 
O corazón de Xúpiter
Ledicia Costas
Xerais
 
 
 
O que relata este libro, como o seu título fai entender, é unha historia de amor, pero un amor virtual. Os pais de Isla deciden mudarse de cidade e a ela cóstalle moito acostumarse, aínda que coñece a Mar e vólvense mellores amigas. Carballo, un rapaz da cidade, empéñase en facerlle a vida imposible a Isla e ela non sabe por qué. Casiopea é o nome que emprega a protagonista nos foros de astronomía que frecuenta, pois é unha gran afeccionada das estrelas e do espazo en xeral. Nestes foros coñece a Xúpiter, polo cal comeza a sentir algo máis que afecto pero el non quere darlle ningún dato sobre a súa vida real, despois de moitos meses falando pola internet deciden citarse na noite de San Xoán, pero non todo é tan fermoso como parece. 
A verdade é que este libro nin me gustou nin me desgustou. Cando comecei a lelo pareceume esxtraño, pero pronto comprendín que estaba comzando case polo final! O que máis me gustou foi o tema do amor e da amizade, que podemos observar en Mar e Isla, Anxo (un amigo de ambas), etc... O que menos me gustou foi o final, sen dubidalo. Quero sinalar unha frase que dicía a avoa de Anxo sobre as medusas: "Cando vexas demasiadas, bótate a tremer". 
Por último, recomendaríallo a aquelas persoas que lles guste sorprenderse cos finais.