ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

24/01/12

O mundo secreto de Basilius Hoffman

Comentario de Roberto Pérez Canabal

O mundo secreto de Basilius Hoffman
Fernando M. Cimadevila
Urco

Este libro encantoume, aínda que ao principio non o lin con moitas ganas acabou sendo moi interesante, cun moi bo argumento, emocións e terror.
Reflicte as aventuras dun explorador, os misterios, os tesouros, as investigacións, as historias... Cousas emocionantes que non adoitan pasarlle a ninguén, claro que... mellor así! Se me chegan a pasar a min... en fin, prefiro ler estas aventuras que vivilas, iso seguro.

20/01/12

O mundo secreto de Basilius Hoffmann

Comentario de Ernesto Fragual Corbal

O mundo secreto de Basilius Hoffman
Fernando M. Cimadevila
Urco


Cando vin o libro, impresioneime e pensei que non ía ser quen de lelo: cantas páxinas!!!
O libro gustoume moito porque nos leva a todos os lugares do mundo, dende o deserto de Exipto á Cidade dos Tellados...
O libro é fabuloso e gustoume moito.

19/01/12

O mundo secreto de Basilius Hoffmann

Comentario de Andrea Raíndo Míguez


O mundo secreto de Basilius Hoffman
Fernando M. Cimadevila
Urco


Cando tiven por primeira vez este libro nas miñas mans, pensei que non ía ser capaz de lelo, pero unha vez empecei estaba desexando acabar un capítulo para empezar o seguinte.
É un libro que nos fai viaxar a lugares do mundo, algúns reais como o deserto de Exipto e outros imaxinarios como a Cidade dos Tellados. Os personaxes principais son Peter e o seu tío Basilius, un rico e importante científico pero con sona de estar algo tolo. Van vivindo un montón de aventuras rodeados de misteriosas irmandades, animais imaxinarios e deuses do antigo Exipto.
Con todo isto, vaise desenvolvendo unha trama na que hai amizade, ambición, arrepentimento e os desexos de loitar por un mundo mellor.

18/01/12

O príncipe das sombras


Comentario de Lino Peleteiro Antelo


O príncipe das sombras
Milan Vukotic
Ilustrado por Pablo Otero
Kalandraka



Este libro é moi bonito, sobre unha aventura fantástica onde os protagonistas son unha sombra e un rapaz. A min recordoume ao Principiño, e mesmo me gustou máis.

O que máis me gustou foi que cando facían acertixos estes eran a modo de canción, ao igual que para abrir pportas en pedras a outros mundos e moitas cousas máis.
E a conclusión que nos achega é que antes de facer nada hai sabela, razoala e cavilala para non confundirse.

16/01/12

Ana, escritora

Xa falei unha vez que teño unha nena en 2º de ESO que goza da poesía e da escrita. Dela é isto:

No fondo, hai cousas que nunca chegarás a dicir por medo. En realidade, todos somos un pouco covardes á hora de dicir algo que nos importa demasiado. Que as cousas que importan de verdade son as que se din cunha mirada, un xesto, un sorriso... Ata hai veces que sen ter o que queres tes medo a perdelo. Pero non paga a pena forzar as cousas, todo ocorre cando menos o esperas, como por arte de maxia, para ben ou para mal, dáste conta de que nada depende de ti, que tamén depende dos outros, iso fai que a vida sexa tan curiosa! Que as cousas non teñen importancia por si soas, serán importantes na medida que ti lle deas importancia.

15/01/12

O mundo secreto de Basilius Hoffman

Comentario de Martín Arosa Sineiro

O mundo secreto de Basilius Hoffman
Fernando M. Cimadevila
Urco

Deste libro gustoume especialmente a parte da chegada á Cidade dos Tellados. A parte do príncipe Iskiel gustoume orque é unha forma de que o libro non resulte pesado. Pero eu engadiríalle unha parte que falase de Gabriel e outra parte da vida de Rioka.
É un libro super fantástico, o capítulo que menos me gustou foi o de "Óstraca".
En xeral, hai que dicir que o libro é un bo pasatempo para se entreter e gozar grazas ao misterio que transmite. E todo isto, en formato libro!
Iso si, as ilustracións non me gustaron.

13/01/12

O mundo secreto de Basilius Hoffman

Comentario de Gabriel Sieiro Varela


O mundo secreto de Basilius Hoffman
Fernando M. Cimadevila
Urco



É, para min, o mellor libro en galego que teño lido na miña vida. Encantoume. Os personaxes son moi divertidos e valentes. Gústame porque é diferente, a pesar de ser tan longo. E sorprendeume.
Gustaríame saber en que se inspiraron autor e ilustrador para facer o libro, a historia, os personaxes. De onde sacan tanta imaxinación. Gústame, por exemplo, a neve no deserto ou o estraño felino que rouba os soños.
Agardo ansioso a que veña o autor e nos explique todo sobre o libro.

09/01/12

O mundo secreto de Basilius Hoffman


Comentario de Cristina Núñez Sanmartín


O mundo secreto de Basilius Hoffman
Fernando M. Cimadevila
Urco


Como engana este libro! Cando comezas a lelo parece que vas tardar moito en rematalo pero é moi interesante e intrigante, por iso acábalo moi rápido. A min levoume só tres días!!!
O que máis me gustou foi que ten un final moi inesperado. Tamén me gustou o narrador que contaba a historia de Riulca e o conto que escribía Peter do príncipe Israel. E o da voda de Peter.
O que menos me gustou é que ás veces aburríame cando se contaba o de Basilius e Duncan cando ían para o Templo de Sejmet.
A pesar disto, o libro é en xeral un libro interesante.

15/12/11

Memorias dun neno labrego


Comentario de Andrea Raíndo Míguez

Memorias dun neno labrego
Xosé Neira Vilas
Galaxia


Este libro conta a vida de Balbino, un neno que vive nunha aldea galega nos anos 40 do século pasado, unha época de fame e emigración.
A través das súas vivenzas imos coñecendo os personaxes do seu pequeno mundo: os seus pais, o seu can... Tamén nos amosa os problemas da vida no rural, onde as terras son propiedade do "señor" ao que lle hai que pagar unha renda por traballar e todo o mundo está conforme coa situación agás o Xudío, que é o único que se atreve a falar en contra da igrexa e do señor.
É un libro adicado á amizade e ao amor; Balbino busca a verdadeira amizade seguindo os consellos do seu padriño e atopa o amor na súa mestra, aínda que despois acabe desenganado.
A única solución que ve a toda esta situación é irse a América a onde foi tamén o seu irmán Miguel e onde el soña pode ir algún día.
Penso que o libro reflicte unha situación moi común para todos os habitantes das aldeas, pois todos oímos os relatos dos nosos avós e das súas vivenzas na emigración e temos unha morea de parentes en Arxentina ou Venezuela que son fillos ou netos desa xente que se foi a facer as américas e non volveu.

14/12/11

Memorias dun neno labrego


Comentario de Lucía González Bouzas

Memorias dun neno labrego
Xosé Neira Vilas
Galaxia


O libro gustoume porqeu o que conta foi o que lle pasou á maioría dos nenos galegos no pasado.
Recordoume moito as historias que me conta sempre a miña avoa, porque a ela pasoulle o mesmo ca ao neno, non tiveron infancia.
O que máis me gustou foi que o rapaz intentase cambiar a súa vida escribindo no caderno e rebelándose contra os ricos que mandaban neles.
E o que menos me gustou foi que o tratasen coma un adulto facéndolle levar o loito para que quedase na casa os días de festa e a morte do seu can debido ás galiñas envelenadas.
Tamén creo que o neno pensa moito no mundo e reflicte nos episodios a súa vida como labrego.