ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

31/05/11

Látego de algas

Comentario de Aroa Espiño


Antón Reixa
Látego de algas

Espiral Maior.

Un libro que coa súa poesía fai que te olvides de todo o que te rodea, unha poesía fácil de sentir, unha poesía que te evade.

Lin moi pouca poesía e nesta encontro algo que me desconcerta: palabras aparentemente perdidas entre os versos e que, para min, non teñen sentido ningún. Pero máis me desconcerta ver que me gustan, inda que non entenda ben os poemas, lévanme a outras realidades e sorpréndeme, despois de gozar o poema quedo cavilando na habilidade dos poetas para chegar ao máis fondo.
Algúns termos que repite moito son: "látego de algas, ansiedade opaca, látegos sonoros de algas opacas, cabeza de vento".
Non sei se é así con todo o mundo, pero a min pásame que sempre que me sinto identificada coa lectura, cos sentimentos que plasma o que escribe, gústame. Gústame porque hai veces que parece que ten a chave do que penso xa que manifesta os meus pensamentos mellor do que eu o faría, e deste libro en moitos dos poemas vinme reflectida, de feito, ata un deles coincide con algo que eu escribira anteriormente. O poema é "Cabezas de vento". Fala dunha parella que está na praia xogando, están namorados, ao comezo moi namorados pero por unha parvada comezan a discutir, a discusión aumenta, lévano todo máis alá das palabras, e todo cambia, o estado de ánimo destas dúas persoas e seguramente as vidas, nuns minutos.
E fai unha reflexión, ou a min parécemo, sobre os axentes externos a eles dous, o clima, a paisaxe, todo o que lles rodeaba non cambiara.
Non sei; nunha ocasión cando todo me parecía que ía mal, despois duns días metida na habitación, saín pasear polo monte, cheguei a uns penedos e mirando para a miña casa e as veciñas soprendeume, inda que non debería, sorprendeume que aínda que a min me cambiara a vida, o exterior non se percataba de nada, todo seguía igual, as mesmas casas, o mesmo ceo e as mesmas árbores de había un ano e de había quince.
Un poema que me encantou foi "Respirada nos meus salaios". Pareceume precioso o xeito no que expresa todo o que é para el, o moi dentro de si que a ten.
É un libro que xa lin varias veces e que quero volver reler de cando en vez.

15/05/11

A praia dos afogados


Comentario de Aroa Espiño


A praia dos afogados
Domingo Villar
Galaxia

Este libro non me gustou, fíxoseme moi longo e paréceme que lle dá demasiadas voltas a todo. O detective investiga por todas as partes, mesmo en lugares dos que non tira ningunha pista. Leo Caldas é un tipo que me gusta e nalgunha parte do libro ata rin con algunha das contestacións que lle manda ao seu axudante.
Paréceme interesante o toque misterioso que lle deu o autor á historia poñendo o afundimento do Xurelo como posible desencadeante da morte do Rubio.
Outro aspecto que me gustou foi o feito de que estea ambientada no noso tempo e nun lugar tan próximo a nós, síntese máis achegado todo.

13/05/11

A praia dos afogados


Comentario de Bruno Rivas Fernández


A praia dos afogados
Domingo Villar
Galaxia


Este libro gustoume moito. Ao principio pensei que me ía ser difícil de ler, xa que é moi groso, e porque nunca lera ningunha novela negra. Tamén me impresionou a capacidade que ten o escritor de entreter e ao mesmo tempo que cada páxina invite a ler a seguinte. Gustoume máis a partir da páxina 50, cando comeza de verdade a investigación. O personaxe que máis me gustou foi Estévez que lle dá un toque de humor á historia.
Gústame que o autor consiga terme en vilo e que tente pensar quen é o asasino. Gústame esa dúbida constante que consegue crear e que leva a buscar outros asasinos diferentes, sempre pensando no que non é. O mellor é o final, cando se descobre quen é.

10/05/11

A praia dos afogados


Comentario de Alejandro Villaverde Dapena


A praia dos afogados
Domingo Villar
Galaxia



Este libro gustoume bastante porque ten intriga dende o comezo e iso é algo que me gusta porque cando menos é un acicate para me enganchar desde o principio da acción, que xa teñan emoción para animarme a seguir lendo.
Ten un final inesperado posto que non pensei nese asasino e dálle moitas voltas para chegar a sabelo e investigou a moitos outros que de nada lle serviu.
É un libro entretido que a pesar de ser tan longo lese fácil.

09/05/11

A praia dos afogados

Comentario de Belén Rey Doval

A praia dos afogados
Domingo Villar
Galaxia


Un libro con moita intriga. Ao principio pensei que ía ser aburrido pero pouco a pouco foime gustando máis.

08/05/11

A praia dos afogados


Comentario de Zeus Álvarez Gómez


A praia dos afogados
Domingo Villar
Galaxia



Teño que admitir que eu non son dos que len moitos libros, pero sen dúbida este foi o mellor de todos os que lin ata agora. Os libros que se basean en historias reais sempre me chamaron a atención, e este impresionoume. Paréceme perfecto o lugar, os personaxes, o tema en si.
No momento en que un se mete na pel do inspector, cada páxina engancha máis e máis xa que todo se vai concatenando. O libro é moi detallista, conta parte por parte o que se considera importante e isto fai coma se se estivese a producir no momento.
Gústame Rafael, que semella estar nun segundo plano pero a súa maneira de ser é moi parecida á dun principiante e iso inda leva máis á realidade.

07/05/11

A praia dos afogados


Comentario de Santiago Villaverde Fernández


A praia dos afogados
Domingo Villar
Galaxia


Foi un libro que me gustou moito porque nos conta a historia dun policía chamado Leo Caldas que investiga a morte de Xusto Castelo, que parecía un suicido pero resulta ser un asasinato. Leo Caldas e o seu axudante Rafael Estévez interrogan e buscan probas en Panxón, onde apareceu o cadáver de Castelo e o seu barco afundido no mar, nun lugar difícil de chegar en barca.
O final é moi interesante porque non o imaxinaba

06/05/11

A praia dos afogados

Comentario de Sarai López Espiña


A praia dos afogados
Domingo Villar
Galaxia

É un libro que me gusta moito xa que é de misterio. Tamén me gustou moito porque é moi entretidoe pásalo moi ben lendo. Como conta a historia encantoume porque é moi ameno e moi fácil de ler. A investigación é moi interesante e o seu compañeiro Estévez faina moi divertida. Para min é unha novela perfecta e máis que recomendable.

05/05/11

A praia dos afogados


Comentario de Eduardo Villaverde

A praia dos afogados
Domingo Villar
Galaxia


Este libro foi un dos que máis me gustou. Non só polo contido da historia senón tamén polo xeito de contala. O autor consegue que o lector non perda o interese en ningún momento, sempre engade algo que che chama a atención e te mete totalmente na historia.
É moi fácil de ler, unh pouco lioso, xa que se non estás atento ao que acontece pode que te perdas e teñas que volver atrás porque o autor dálle mil voltas a quen é o asasino.
Ler este libro non resulta nada aburrido porque o protagonista é un home que semella divertido, astuto, inquieto, intelixente e cun punto chistoso que é quen de reprender os impulsos de Estévez cando quere romper algo ou pegarlle a alguén.
Outras das cousas que me gustou moito foi que o autor meteu un asasinato dentro doutro.

04/05/11

A praia dos afogados


Comentario de Carmen Campos García


A praia dos afogados
Domingo Villar
Galaxia



A min este libro gustoume moito xa que me parece unha historia interesante. A pesar de ser un libro tan longo non me custou traballo lelo xa que dende o principio me atraeu. Gustoume asemade o ambiente no que se desenvolveu o libro xa que o mar é moi noso, aínda que eu sexa do interior, así o sinto. O final foi algo insospeitado xa que nunca me imaxinaría quen foi o asasino con tantos posibles culpables. E gústame que o final nos permita imaxinar outras realidades.