ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

07/03/10

Romeo e Xulieta

Comentario de Ainara García Doval


Romeo e Xulieta
William Shakespeare
La Voz de Galicia

Esta traxicomedia creada por Shakespeare hai algo máis de catro séculos, non só me sorprendeu senón que resultou ser unha das lecturas máis apaixoantes que lin ata o de agora. A obra non só sorprende polas numerosas metáforas e recursos literarios que contén, nin pola rapidez e claridade coa que se desenvolven os diálogos, o que realmente sorprende é como un home que viviu no século XVI puido crear unha obra coma esta.
Ambientada nunha Verona dominada polo odio entre dúas familias -os Capuleto e os Montesco-, observamos como un Romeo atormentado por un amor non correspondido atopa de novo o sentido da vida en Xulieta, quen á súa vez se sente inmediatamente atraída polo xove Montesco. A partir dese momento unha serie de traxedias como son a morte de Tebaldo, o desterro de Romeo e o anuncio de voda entre Paris e Xulieta levan a esta a decidir poñer fin á súa vida. Porén, conta coa axuda dun frade, que dispón dunha artimaña para que os esposos poidan volver estar xuntos lonxe de Verona e do odio das súas familias. Mais unha vez que todo semella desembocar nun final feliz, unha casualidade fai que a noticia do engano ideado polo frade non chegue a tempo a Romeo, quen crendo á súa amada morta, decide quen non paga a pena seguir vivindo nun mundo sen ela. Minutos despois de que Romeo se suicide, Xulieta esperta, descobre o seu cadáver e decide tamén ela seguir os pasos do seu amante. Así, finalmente, unha vez descuberta toda a historia a través do frade, as dúas familias deciden selar a paz na memoria dos dous namorados.

06/03/10

Os biosbardos

Comentario de Dolly González Álvarez


Os biosbardos
Eduardo Blanco Amor
Galaxia


Serie de oito relatos onde o escritor describe a sociedade e a xeografía da cidade na que naceu. En cada relato dános unha visión da vida urbana e rural desde distinos puntos de vista, dnedo o neno pobre ata o máis acomodado, sempre dende a visión dun rapaz. Tamén sae a relucir o tema da emigración, que tanto fracturou a sociedade do noso país.
A obra está escrita en primeira persoa, aínda que emprega diálogos entre os personaxes moi a miúdo.

01/03/10

Resistencia

Comentario de Alba Fernández Caderno


Resistencia
Rosa Aneiros
Xerais

Gustoume o libro porque conta unhas historias de amor moi bonitas cunha paisaxe de fondo: a situación política e social de Portugal durante as ditaduras de Salazar e Marcelo Caetano, en especial a de Dinís, un obreiro dunha fábrica de vidro, e Filipa, filla dun rico comerciante, que namoran perdidamente.
O que máis me gustou foi cando a Dinís o meten no cárcere e durante todos eses anos en prisións escribe cartas que nunca chegan ao seu destino. Anos despois, Filipa descobre estas cartas.
Algo que me pareceu moi cruel, ademais da vida no cárcere, é que aos familiares dos presos lles dician que estes morreran.
A historia de amor de Filipa e Dinís é preciosa porque a pesar da separación seguíanse querendo. Tamén a de Isaura e Antonio. Pero non me gustou a historia de Remedios. Si a de Leonor.
O libro é bonito: a historia de amor ambientada na ditadura salazarista de Portugal é todo un acerto.

28/02/10

Resistencia


Comentario de Ainara García Doval


Resistencia
Rosa Aneiros
Xerais

Pareceume unha historia interesante, sobre todo polo feito de contar a situación política e social de Portugal durante case un século a través da vida de distintos personaxes pertencentes á mesma familia pero de diferentes xeracións, así como a influencia que esta pode chegar a ter na vida das persoas, sobre todo nun sistema fascista como foi o que se deu en Portugal, no que as ditaduras de Salazar e Marcelo caetano non permitían ningún tipo de liberdades.
En relación coa situación política, tamén se trata o tema das colonias en África, outro dos motivos qeu levan á separación de Dinís e Filipa, e na que a autora parece expresar por medio das oopinións de Dinís o absurdo desas guerras coloniais xa ben entrado o século XX, cando Europa está en proceso de cambio e Portugal semella quedar estancado polo seu réxime político.
Tamén me pareceu interesante a descrición da vida dos presos políticos nos cárceres, onde estaban illados e nunhas condicións de vida infrahumanas. A pesar disto, apréciase a solidariedade dos uns cos outros por moitas diferenzas que puidese haber entre eles, e a loita interna que levan a cabo, sempre buscando unha esperanza e resistindo clandestinamente ao réxime. Unha das cousas que máis me chamou a atención relacionada con isto é o feito de que deixasen de comunicarse con eles, porque me parece unha forma de crueldade case peor que as torturas ás que os sometían, xa que a pesar de que a comunicación que mantiñan co exterior era sempre revisada e sometida á censura, polo menos tiñan unha vía de escape que non estivese relacionada coa prisión.
Por outra parte gustáronme as distintas historias que se suceden ao longo da novela, xa sexan de amizade, coma a de Aaial, Miguel da Silva e Dinís; de amor secreto entre Isaura e Antonio Gonçalves; a historia de amor non correspondido de Ana Barbosa; e por suposto a de Filipa e Dinís, a de un amor que perdura nas súas mentes sen sequera saber se o outro seguirá vivo ou se o seguirá querendo como antes de que todo acontecese.
Tamén me chamou a atención a historia de Leonor polo feito de ser unha especie de personaxe espectador ao redor do cal técense todas as historias, e cuxa vida semella estar marcada polas palabra contidas nas cartas.
Porén, o que máis me gustou do libro é o ben documentada que está a historia: os lugares, as revolucións, a guerra colonial...

27/02/10

Resistencia

Comentario de Ana Cristina Des Pérez


Resistencia
Rosa Aneiros
Xerais


En xeral, pareceume un libro sumamente aburrido. Eu cando leo libros é coma se estivese dentro da historia que conta, vendo todo o que ocorre: como son os personaxes, como é o lugar, as actitudes dos personaxes, a época... e con este libro non me dei metido na historia.
Deume a sensación de qeu todo era negativo e a morte estaba presente na maior parte do libro, cousa que non me agradou nada porque a min gústame ler libros alegres e vitais.
Non podo negar que a historia de amor que existe entre Filipa e Dinís é moi bonita a pesar dos obstáculos e do paso dos anos. Gustoume o final, cando Filipa sabe por fin que os últimos 20 anos da súa vida foron unha mentira e decide ir en busca de Dinís, ou iso dá a entender a historia.
Non me gustou nada a parte na que se fala de Remédios, a nai de Isaura, porque tivo unha vida moi dura e cruel, cun final tráxico e triste.
En conclusión, digo que é unha novela que non recomendo a ninguén.

26/02/10

Resistencia


C
omentario de Carmen González Varela

Resistencia
Rosa Aneiros
Xerais




O libro gustoume moito. Pareceume unha historia realmente interesante. Impresionoume moito a forza coa que os personaxes loitaban para conseguir a súa liberdade, ata tal punto que chegaron a sacrificar a súa vida persoal pola política.
Dinís paréceme un personaxe moi forte, por como foi capaz de aturar as pésimas condicións nas que vivía en Peniche, e a maneira como o trataban.
Filipa é unha muller que tivo que superar moitas decepcións na súa vida, empezando pola morte da súa nai, a do seu pai, a da súa avoa Leonor, e sobre todo, o encarceramento e a suposta morte de Dinís. Esta moza tivo unha vida realmente dura e inxusta, e a pesar diso tivo que seguir adiante, aínda que despois destas moitas desgrazas, a súa vida quedou totalmente baleira e carente de sentido. Aínda que cando visita Peniche, case por casualidade, descobre a mentira na que viviu durante parte da súa vida. É incrible que aquelas persoas que ela nin sequera coñecía lle fixeran tanto dano e disfrutaran facéndoo, tanto a ela como a moitas outras persoas.

25/02/10

Resistencia

Comentario de Jennifer Mosquera


Resistencia
Rosa Aneiros
Xerais



Para min este libro é un dos mellores que lin ata agora.

A pesar de que nun primeiro momento me custou moito comezar a lelo, a medida que ía avanzando na lectura íame metendo máis na historia.
Considero que é un libro moi realista no que se abrangue un amplo repertorio de temas como as relacións extramatrimoniais, as guerras, as ditaduras, as violacións... A crueldade das guerras, o que nelas é capaz de facer o ser humano, é algo que pon os pelos de punta.
Impresionante é o amo dos protagonistas por riba de dificultades e distancias. Gustaríame unha segunda parte con final feliz, porque teñen dereito a estar xuntos, non si?

24/02/10

Resistencia

Comentario de Jéssica Álvarez Álvarez


Resistencia
Rosa Aneiros
Xerais

Unha das cousas que máis me gustou desta novela é o realismoo que transmite a historia, sobre todo polos numerosos datos que aporta sobre a vida política en Portugal dende os anos vinte ata os noventa do século XX.
Pareceume interesente o feito de que Dinís ás veces deba tomar algunhas decisións, como a súa militancia no partido comunista, ou a revolución da fábrica dos Irmaos Stepha, que o vaian afastando de Filipa. Parece así escoller a liberdade fronte ao amor.
Paréceme tamén que a historia política de Portugal está perfectamente encaixada coas historias individuais que se van contando ao longo da historia: a chamada a filas para participar nas guerras coloniais, os comezos de revoltas fronte ás ditaduras de Salazar e Marcelo Caetano, etc.
Pero o que máis me gustou foi que as historias principais sexan de amor. Unha das que máis me gustou, a que semella máis interesante, foi a de Isaura e Antonio Gonçalves, xa que é un amor que ocultann durante moito máis de dúas décadas, e que non se rompe en ningún momento.
Aínda que a historia de deamor de Ana Barbosa non me disgustou, porque a pesar de saber durante todo este tempo que o seu marido é infiel, bástalle a súa presenza para ser feliz e confórmase con iso.
O libro en si gustoume, pero hai unha cousa que non: o principio paréceme algo lento e aburrido, debería ser máis interesante.
Algo que me chamou moito a atención e que me gustou foi cando conta as vidas dos presos no cárceres, nunhas condicións nas que semella é difícil sobrevivir.

23/02/10

Comentario de Raquel Rodríguez Vázquez


Resistencia
Rosa Aneiros
Xerais


Foi un libro que en xeral gustoume bastante pois percorre diversos temas como a historia política e social de Portugal a través de diversos personaxes, o maor, a loita na clandestinidade contra as ditaduras, as malleiras que os PIDES fan contra os presos políticos, a paixón, a resistencia...
O relato céntrase na historia de amor de le Dinís e Filipa, un amor truncado durante as ditaduras de Salazar e Marcelo Caetano. Nste libro non só se fala deste amor, senón doutros amores: os pais de Dinís, os de Filipa...
Un libro interesante polo loita contra os fascitas; creo que deberiamos ler máis libros deste estilo para darnos conta do que se pasou nas ditaduras, pois seguramente todos temos preto persoas que tiveron familiares que viviron situacións semellantes: xente que debe romper a felicidade por ideoloxía política.
A única parte que non me gustou foi o final, pois é un final aberto non que non se conta como se reencontran Dinís e Filipa.
Todo o que podo dicir é que o libro está resumido no seu título: RESISTENCIA!!!

21/02/10

Resistencia

Comentario de Dolly González Álvarez


Resistencia
Rosa Aneiros
Xerais

Gustoume o libro porque a historia que conta paréceme moi interesante, ao tratarse dunha mestura de amor e odio, e a situación política na que se topaba Portugal neste período histórico.
É unha novela escrita en terceira persoa, dividida en 36 capítulos polo que se fai máis amena e fácil de ler.
A época histórica na que nos relata os acontecementos van do ano 1960 ata a revolución dos caraveis, coa que Portugal recuperou a democracia. Tamén reflicte as guerras portuguesas de independecia coas súas colonias.
É unha obra apaixoante aínda que tremendamente triste, por mor da imposibilidade de conseguir o amor e a felicidade da parella protagonista. Tamén saen a relucir as diferenzas sociais tan esaxeradas neste país, e o distinto tipo de vida, da aldea á cidade.
A miña opinión é que que non debeu existir este período político fascista no que Portugal sufriu a falla de liberdades, de diferenciacións sociais e de estragos nas colonias, que supuxeron un retraso social, económico e cultural deste país.