ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

24/06/09

Capitol, última sesión


Comentario de Adrián Furelos Sampayo


Capitol, última sesión
Miguel Anxo Fernández
Galaxia



A min este libro, non me parecía malo pero a verdade é que non me ilusionou, porque toda a historia xira en torno a un cine vello. O que máis me chamou a atención foi o personaxe de "O Fucas" que me encantou a súa maneira de ser. Logo a historia en si non é mala pero a forma de expresarse, de contar as escenas, para o meu entender é deprimente pero eu non son quen para opinar xa que eu non son un gran entendido en literatura.


23/06/09

A cabeza de Medusa


Comentario de Agustina González

A cabeza de Medusa
Marilar Aleixandre
Xerais


Foi un libro moi raro, había algunhas partes que me gustaban, outras nas que me poñía de mal humor, e outras... era unha sensación rara e asquerosa, como describe a violación... non o quero nin pensar.
Creo que é o primeiro libro que leo cunha violación, pero non quero volver ler nada polo estilo, sentir o que sentín nese momento mentres lía, porque era tal o rexeitamento que ás veces dábanme ganas de tirar o libro, e tiña que me tranquilizar para seguir lendo, xa que me metía de cheo na historia deste. E chorei, sufrín, rin...
Gustoume porque pasei por todas estas emocións. E se un libro consegue transmitilas todas, significa que é un bo libro!

O crepúsculo e as formigas


Comentario de Agustina González

O crepúsculo e as formigas
Méndez Ferrín
Xerais


Creo que foi o libro que máis me custou ler na miña vida, aínda que non teña un gran número de páxinas.
Cando mo recomendaron, comentáronme que eran relatos curtos de medo, entón eu aceptei sen pensalo, xa que me encantan ler cousas de medo. Pareceume que a miña amiga ríase de min. E ao comezar, entendín por que: estaba en galego antigo!!!
Así que me puxen a ler, a ler, a ler... e a reler todo porque non entendía nada.
Aínda así, e despois de todo isto, gustoume. Para min supuxo un reto, e creo que o superei. Aínda que me levase tanto tempo e tanto esforzo. E non só iso: podo proclamar que a pesar de todo, é un bo libro e podo recomendalo.

22/06/09

O diario vermello de Carlota


Comentario de Lorena Bibián Caramés


O diario vermello de Carlota
Gemma Lienas
Galaxia



Este libro dános a ver a parte da sociedade que é machista, que non cre na igualdade da muller. Tamén unha sociedade que critica polas aparencias, e que non se pon do outro lado para saber o porqué desas aparencias.
E de forma máis literaria amósanos as experiencias sexuais de Carlota. Unha rapaza que indaga nos ámbitos da vida adulta que quere coñecer.
En xeral este libro gustoume moito, paréceme bastante interesante. Por iso, recoméndoo.


Festina lente


Comentario de José Fontao

Festina lente
Marcos Calveiro
Xerais


Do 1 ao 10 poñeríalle un 4. Ten un léxico difícil e está ambientada noutra época, e iso gústame pois resulta interesante o que aprendín.
Gustoume moito a trama porque ten un leve parecido con Conexión Tubinga.

21/06/09

Tras do solpor


Comentario de Thalía Troitiño


Tras do solpor
Haruki Murakami
Galaxia


O que máis me gustou deste libro foi a maneira de escribir deste autor. Creo que o feito de que o autor desenvolva a historia nun intervalo de tempo tan pequeno fai que sexa aínda máis interesante. É moi sorprendente que en tan pouco tempo ocorran tantas cousas.
A protagonista, desde o meu punto de vista ten unha gran vitalidade, a pesar de que nun principio e durante gran parte do libro mostra o seu desacougo por sentir un certo descontento coa súa vida. Finalmente, grazas aos distintos personaxes que van aparecendo, dáse conta de que a súa vida está chea de grandes cousas e que a persoa que cría ela que levaba unha gran vida, en realidade non disfruta moito.
Recomendo este libro porque é moi fácil de levar e de disfrutar con el.



20/06/09

O bosque de levas

Comentario de Susana Cumbraos


O bosque de levas
Alfonso Álvarez Cáccamo
Galaxia


A narración deste libro faise interesante por diversos motivos.
Entre eles sobresae o misterio, a aventura, os sorrisos que che extrae, etc.
Pero a min o que máis me gustou foi o xeito no cal nos inculca a historia dada no século XVIII ata os nosos días. Esta novela ábrenos as portas dun mundo no esquecemento. Un mundo no cal as traizóns e as inxustizas estaban vixentes e as vidas humanas carecían, segundo a clase social, de valor.

O tema principal do libro ronda ao redor dunha familia galega que se verá envolta nunha "aventura" na cal un espírito será o encargado de lle poñer unha forte pegada nas súas vidas sen posibilidade de tornar os papeis.

O libro comeza narrándonos como é o día a día desta familia e fainos ver que seguen un estilo de vida común. Sen altercados. Todo comeza cando acontecen sucesos estraños na casa, facendo xurdir disputas entre os membros da familia.
Estes acontecementos débense á aparición dun espírito que non é máis que unha persoa voltada do pasado que intenta seguir coa súa "vida". O porqué do regreso deste do pasado non é outro que a morte fallida que lle inculcaron. Así, solicítalle á familia que lle axude.

Pese a que moitas persoas tacharían de "aburrida" aquelas partes da historia nas cales o tema a tratar é a historia propiamente dita e non tanto a aventura da acción, a min persoalmente encantoume o feito polo que nos transmite a esa época de recesións.
Sen dúbida, un libro que paga a pena ler.


16/06/09

O porco de pé


Comentario de Marcos González Fernández


O porco de pé
Vicente Risco
Galaxia


Gustoume moito o xeito que ten de describir aos personaxes comparándoos con animais e asignándolles características propias deles. Tamén o xeito de criticar e rirse dos defectos da xente.
Paréceme orixinal a comparación que fai o escritor do diñeiro con Deus nas páxinas 97 e 98.
Unha das cousas que máis me gustou do libro foi ese punto de ironía, simpatía e crítica a través do humor, que se pode atopar nalgunhas partes do libro.
En xeral gustoume, aínda que o final non moito porque non o entendín.

15/06/09

O crepúsculo e as formigas


Comentario de Mateo Cornado

O crepúsculo e as formigas
Xosé Luis Méndez Ferrín
Xerais



A pesar de ser un libro pequeno é moi entretido, sobre todo algunhas historias, aínda que algunhas son tristes. Gustoume moito o xeito de escribir do autor. Preferiría que os temas fosen máis felices e non como a historia do rapaz que morreu afogado no río.

13/06/09

O neno do pixama a raias


Comentario de Mateo Cornado


O neno do pixama a raias
John Boyne
Faktoría K



O libro pareceume moi interesante xa que conta unha parte da nosa historia pero vista cos ollos dun rapaz.
Os dous nenos que se fan amigos non entenden nada da guerra, tan só queren ter un compañeiro para compartir e pasar o tempo.
O final é moi angustioso, aínda que sexa aberto sabemos o que pasa.