ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

30/05/09

Poesía última de amor e enfermidade


Comentario de Marta Nercellas Rey


Poesía última de amor e enfermidade
Lois Pereiro
Edicións Positivas


Este poemario gustoume moito, xa que aínda non sentindo o mesmo có autor, transmite a sensación de querer que a súa enfermidade acabase con el, por non ter polo que loitar, nótase certa confusión entre esa morte xa desexada e as ganas de vivir para poder sentir de novo razóns polas que enfrontarse á enfermidade e seguir adiante.
Os poemas tratan todos os mesmos temas pero de xeito diferente, facendo que a lectura sexa amena e con moitas sensacións.


29/05/09

Cartas de inverno


Comentario de Lorena Ares Troitiño


Cartas de inverno
Agustín Fernández Paz
Xerais


É un libro moi entretido. Gustoume moito pola súa trama de misterio dende o comezo ata a fin e por isto consegue engaiolar ao lector dende a primeira páxina.
Animádevos a lelo porque é un libro que paga a pena!

28/05/09

Comedia Bífida


Comentario de Flavia Fondevila Pena


Comedia bífida
Manuel Núñez Singala
Galaxia


O libro pareceume de bo ler e gustoume, xa que unha vez que o comezas, apetéche seguir lendo, porque, a verdade, resulta moi entretido. Ademais, aínda qeu non queiras, o escritor consegue que sorrías. Tamén quero dicir que tivo unha boa idea, a de amosarnos a realidade da lingua galega a través do humor.

26/05/09

As confesións de Carlota Doyle


Comentario de Alismar Hernández

As confesión de Carlota Doyle
Avi
Galaxia

Pareceume un libro moi interesante porque nos explica a dura vida dos mariñeiros, de como os explotaban os capitáns, etc...
Por outra parte, o comprensiva que é Carlota cos mariñeiros ao descubrir todo o que ocorre no barco sorprende, ao ser unha nena rica de mente tan pechada. O final sorprende, polo camiño que escolle a nena para o seu futuro, podendo ter unha boa vida ao lado de seus pais, escolle irse cos mariñeiros, dos que tanto aprendeu, e que tanto a queren, sendo a capitá do barco, pois ese é o camiño que a fai feliz.

25/05/09

Poesía última de amor e enfermidade



Comentario de Erea Rey Presas

Poesía última de amor e enfermidade
Lois Pereiro
Edicións Positivas

Este é un libro no cal os poemas aparte de seren fermosos fan sentir emocións, e é ademais un libro fácil de ler e de comprender no que se mesturan temas como o amor e a morte; antes de cada poema hai uns versos doutros autores cos que máis ou menos nos facemos unha idea de cal vai ser o tema do poema que imos ler a continuación, e mesmo hai nalgúns deses versos unha anotación do autor para indicarnos cal é a súa actitude ante o que le.
É un libro que me gustou moito e que recomendaría a calquera persoa que queira ler poesía. Mesmo se non gusta, é un bo xeito de "entrar" nela.

24/05/09

A cabeza de Medusa


Comentario de Silvia Villar García


A cabeza de Medusa
Marilar Aleixandre
Xerais


Este libro cóntanos a historia de dúas rapazas que son violadas a noite de disfraces por dous rapaces que non coñecen. Cando estes as deixan abandoadas no medio dun lugar do que non saben como volver, Sofía chama á súa nai para lle explicar o sucedido. Logo, ela e Lupe poñen unha denuncia e pasan unha inspección médica.
Este libro continúa dicíndonos o mal que o pasan no instituto ; púxenme por momentos na pel delas, porque algúns compañeiros non as aceptan, e iso enfúreceme, por ler que "a culpa era delas por non levar unha saia máis longa", ou cando o pai de Lupe retira a denuncia por vergoña de que falen deles.
Persoalmente recomendaría este libro para o alumnado da ESO porque demostra o apoio dalgúns compañeiros e poderían recapacitar sobre a súas ideas, e que non se pode xulgar ás persoas polo xeito de vestir.
Pero non me gustou demasiado, a verdade.


18/05/09

O crepúsculo e as formigas

Comentario de Carla Gómez Ferradás


O crepúsculo e as formigas
Xosé Luis Méndez Ferrín
Xerais



É un libro un pouco complicado de ler pero que é moi fermoso.
É distinto aos que adoito ler. Está dividido en relatos que se caracterizan polo mesmo ambiente de terror nos que se desenvolven. Son relatos curtos e tenebrosos que me deixan cunha sensación estraña.
O relato que máis me gustou foi o do Suso, no que este vai buscar un amigo para que vexa un cadáver no río e resulta que o cadáver é o do Suso que está afogado. É terrorífico.
Recomendo o libro, aínda que o galego que emprega resulta difícil, anticuado, diferente.


30/04/09

Sardinia Blues

Comentario de Susana Cumbraos

Sardinia Blues
Flavio Soriga
Galaxia

Este libro chegou ás miñas mans nun momento no cal o meu destino, ao igual ca o dos protagonistas, era incerto; recomendado por unha persoa que un día me dixo que lle gustaban os meus comentarios sobre as lecturas: grazas, Ernesto.
Despois dunha longa espera, rematei o libro e é agora cando lle podo agradecer o agasallo.
O por que? Moi sinxelo... había tempo que andaba na procura de algo así, e ata o de agora non o atopara. A verdade é que é un tanto estraño que torne de Miguel Anxo Murado, coas súas duras e crueis historias da guerra, a Flavio Loriga, quen escribe nunha liña realista, pero á vez é quen de facernos sentir aquilo que está no máis fondo dun mesmo. Porén, Flavio Loriga conseguiu extraer de min unha serie de sentimentos encadeados entre si, como a amizade e a traición, o amor e o desamor, o risco e a aventura...
A historia en si vai dun mozo cunha serie de problemas familiares aos que se unen os sentimentos e tamén unha dura enfermidade que o corroe por dentro dende pequeno.
Dito así, semella que o libro zumegue tristura, pero non. A min máis ben fíxome sorrir pola ideas tolas dos protagonistas e en moitas páxinas mesmo me identificaba con eles.
Atrévome a asegurar que se o libro ten tanto éxito, xa excluíndo o argumento, é por como está narrado. Cunha lingua cotiá e de fácil acceso.
Quero outro igual!

29/04/09

Conexión Tubinga


Comentario de Susana Cumbraos

Conexión Tubinga
Alberto Canal
Xerais


Forma parte dese tipo de libros que non só che permiten coñecer a vida doutras persoas, senón que che fan reflexionar sobre o lido.
Eu a min mesma non me tacharía como atea... pero tampouco como crente... máis ben encóntrome nun punto no cal preciso ver todo para darlle creto.
Todos os temas a tratar neste libro xiran ao redor da existencia de Deus, pero tamén cuestiona e profundiza noutros temas como a liberdade, o porqué da existencia, o nihilismo de Nietzsche, o porblema da castidade... e outros máis comúns nas novelas coma o amor, a amizade, a aventura...
É un libro diferente aos demais polo feito de que fai cavilar sobre as páxinas lidas dun xeito máis intenso ca calquera outro.
O que máis me gustou foi que presenta a realidade baseándose no pasado.


27/04/09

Mércores de cinza

Comentario de Silvia Villar García

Mércores de cinza
Miguel Anxo Murado
Galaxia


Polo título, pensei que ía ser un libro completamente diferente. Non cría que ía tratar de diferentes historias que captaran distintos aspectos da vida dos protagonistas, que reflicten os problemas da vida cotiá de cada persoa, situacións nas que non pensamos, pero que están aí.
Non todas as historias me transmitiron o mesmo pero tampouco as tiraría do libro.
Gustaríame que o libro non rematase xa que me atraeu de tal xeito que vía nas súas palabras moito máis que a simple aparencia.
Quedoume mágoa de non coñecer o escritor e poder preguntarlle con que historia se sentía máis unido.