ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

30/04/09

Sardinia Blues

Comentario de Susana Cumbraos

Sardinia Blues
Flavio Soriga
Galaxia

Este libro chegou ás miñas mans nun momento no cal o meu destino, ao igual ca o dos protagonistas, era incerto; recomendado por unha persoa que un día me dixo que lle gustaban os meus comentarios sobre as lecturas: grazas, Ernesto.
Despois dunha longa espera, rematei o libro e é agora cando lle podo agradecer o agasallo.
O por que? Moi sinxelo... había tempo que andaba na procura de algo así, e ata o de agora non o atopara. A verdade é que é un tanto estraño que torne de Miguel Anxo Murado, coas súas duras e crueis historias da guerra, a Flavio Loriga, quen escribe nunha liña realista, pero á vez é quen de facernos sentir aquilo que está no máis fondo dun mesmo. Porén, Flavio Loriga conseguiu extraer de min unha serie de sentimentos encadeados entre si, como a amizade e a traición, o amor e o desamor, o risco e a aventura...
A historia en si vai dun mozo cunha serie de problemas familiares aos que se unen os sentimentos e tamén unha dura enfermidade que o corroe por dentro dende pequeno.
Dito así, semella que o libro zumegue tristura, pero non. A min máis ben fíxome sorrir pola ideas tolas dos protagonistas e en moitas páxinas mesmo me identificaba con eles.
Atrévome a asegurar que se o libro ten tanto éxito, xa excluíndo o argumento, é por como está narrado. Cunha lingua cotiá e de fácil acceso.
Quero outro igual!

29/04/09

Conexión Tubinga


Comentario de Susana Cumbraos

Conexión Tubinga
Alberto Canal
Xerais


Forma parte dese tipo de libros que non só che permiten coñecer a vida doutras persoas, senón que che fan reflexionar sobre o lido.
Eu a min mesma non me tacharía como atea... pero tampouco como crente... máis ben encóntrome nun punto no cal preciso ver todo para darlle creto.
Todos os temas a tratar neste libro xiran ao redor da existencia de Deus, pero tamén cuestiona e profundiza noutros temas como a liberdade, o porqué da existencia, o nihilismo de Nietzsche, o porblema da castidade... e outros máis comúns nas novelas coma o amor, a amizade, a aventura...
É un libro diferente aos demais polo feito de que fai cavilar sobre as páxinas lidas dun xeito máis intenso ca calquera outro.
O que máis me gustou foi que presenta a realidade baseándose no pasado.


27/04/09

Mércores de cinza

Comentario de Silvia Villar García

Mércores de cinza
Miguel Anxo Murado
Galaxia


Polo título, pensei que ía ser un libro completamente diferente. Non cría que ía tratar de diferentes historias que captaran distintos aspectos da vida dos protagonistas, que reflicten os problemas da vida cotiá de cada persoa, situacións nas que non pensamos, pero que están aí.
Non todas as historias me transmitiron o mesmo pero tampouco as tiraría do libro.
Gustaríame que o libro non rematase xa que me atraeu de tal xeito que vía nas súas palabras moito máis que a simple aparencia.
Quedoume mágoa de non coñecer o escritor e poder preguntarlle con que historia se sentía máis unido.

26/04/09

Conexión Tubinga


Comentario de Antía Iglesias Otero


Conexión Tubinga
Alberto Canal
Xerais


É a historia dun mozo que se atopa nun seminario e que loita e pescuda sobre o prohibido ata tal punto que abandoa a súa ordenación.
Non foi un libro que me entusiasmara, fíxoseme moi denso e lieieme cos diálogos.


24/04/09

Mércores de cinza

Comentario de Patricia Taboada Espiño

Mércores de cinza
Miguel Anxo Murado
Galaxia


Cando comecei a ler o primeiro capítulo, gustoume moito a historia que contaba, por iso ao comezar o segundo leveime unha desilusión, xa que non tiñan nada que ver.

Por outra parte, non entendía, non me tiñan sentido nin relación os relatos entre eles. Parecíanme cousas totalmente independentes, pero logo da visita de Murado atopeille todo o sentido, xa que antes non me parara a pensar no que el nos explicou.

O capítulo que máis me gustou foi o primeiro, xa que me sentía como se estivese alí nese momento. Outro que tamén me encantou foi "Ninguén te vai axudar", xa que conta uha realidade que, por mala sorte, ocorre todos os días. Pero outros, en cambio, non m gustaron moito xa que non lle atopo graza ningunha, nin me chamaron a atención. Por exemplo o d´"A nada" non espertou en min sentimento de ningún tipo.

23/04/09

Mércores de cinza

Comentario de Enma Vázquez

Mércores de cinza
Miguel Anxo Murado
Galaxia



Dentro do libro uns relatos gustáronme moito máis que outros,como é o caso do relato titulado "Ninguén te vai axudar" ou "A nada".
Cando lía o libro pensaba que os relatos serían inventados, pero coa visita de Murado e as historias que nos contou sobre o libro entendo moito máis.

22/04/09

Encontro con Miguel Anxo Murado

Onte tivemos a sorte e a honra de compartirmos a xornada con Miguel Anxo Murado, un home cheo de sorpresas e conversas abraiantes que nos fixo pasar un día -a pesar de todo- agradable e instrutivo. Falounos non só dos seus libros e da súa experiencia vital, senón que tamén comentamos o horror das guerras, da necesidade de defender e falar a nosa lingua, do encontro dos galegos polo mundo, do oficio do xornalismo, da visión que se ten de nós por aí fóra, da presenza dos xornalistas nas guerras, de sentimentos, de impresións, de guións cinematográficos, das escolas palestinas, da dureza da vida, do deserto... O alumnado de 4º de ESO e 1º de Bacharelato fixeron moitas preguntas a un persoeiro que tanto nos puido ofrecer.
Anteriormente, acompañara ao alumnado de 3º de ESO de Relixión para lles falar do conflito árabe-israelí. E logo da agradable e aleccionadora comida que compartimos, reflexionamos no club de lectura sobre Israel, da súa situación, dos seus habitantes, dos seus odios e temores...
Aprendemos tanto que aínda non acabamos de asimilalo!




Grazas de todo corazón por vires.
E grazas a Fernando e á editorial Galaxia por agasallárnolo.

Ruído


Comentario de Antía Iglesias Otero

Ruído
Miguel Anxo Murado
Galaxia



É a mostra dos relatos do día a día dunha guerra.

Os que máis me gustaron foron "Ruído" e "Insomnio". O primeiro é un relato contado por xornalistas no que se fala da morte de xente inocente, que non ten nada que ver cos enfrontamentos. O segundo transmite a dor que tamén senten os que están loitando fronte á morte de xente inofensiva.

Ruído


Comentario de Eva García Bibián


Ruído
Miguel Anxo Murado
Galaxia

Este libro relata unha serie de sucesos sobre a guerra e cada unha das historias amosa os sentimentos que nelas afloran por parte das persoas que a viven.
O relato que máis me gustou foi "Nas mans de Deus" pola presenza dun Deus superior antes os desastres da guerra e a visión que teñen as persoas ante a salvación dese Deus.
Non foi dos libros que máis me gustou. Despois de ler Mércores de cinza penseis que os sentimentos que en min provocarían serían diferentes pero non chegou a afondar como eu eu agardaba.
Espero ler máis libros do tipo Mércores de cinza para que poidan chegar a espertar eses vellos sentimentos.

Mércores de cinza

Comentario de José Antonio Rey García

Mércores de cinza
Miguel Anxo Murado
Galaxia


Gustoume o libro de Murado, gustoume que tivese diferentes historias no seu interior e gustoume non saber o final de ningunha delas.
Debo recoñecer que non todos me gustaron, pero o feito de pasarme o traballo de maxinar o remate de cada historia fai que, nunha persoa preguiceira coma min, connote intención e interese pola miña parte.
É curioso, pero deime conta de que me gustaba o libro cando ao remate dun relato me poñía a pensar sobre este e os seus posibeis finais.