ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

10/12/08

A metamorfose

Comentario de Thalía Troitiño


A metamorfose
Franz Kafka
Sotelo Blanco


Recomendo este libro porque é moi diferente, entretido e particular. Fantástico, o que o fai máis atraente. A simple idea de espertar un día transformado nun animal é algo totalmente ilóxico, pero que che fai pensar "e se iso pasara?" Todo o que temos veríase reducido a algo insignificante e sen sentido. Nun mundo dominado polos humanos, transformaríamonos nunha simple peza dun xogo, moitas veces irracional, nun detalle pequeno e sen sentido dentro do conxunto -o mundo-.
Este libro fíxome reflexionar en como somos e como actuamos os humanos. Xa que primeiro amosamos desagrado, polo impacto, que nos causa ese cambio. Logo chega a fase de aceptación e dependendo da persoa, a axuda ou solución axeitable. E por último chega a parte de esquecemento do que realmente importa.
Tamén pensei en como as persoas chegamos a tratar aos animais, mesmo sen piedade. E eles tamén son quen de sufrir.
Neste libro, a propia familia, en determinadas circunstancias, chega a tratar mal a quen é o seu propio fillo, polo simple feito da súa transformación. Algo que non é xusto.


08/12/08

Madame Bovary

Comentario de Iciar Rodríguez


Madame Bovary
Gustave Flaubert
Galaxia



O tema principal penso que é o difícil que é para unha muller coma Enma Bovary ser feliz.
Na miña opinión as novelas románticas que lía Enma influenciábana moito, por iso se refuxiaba nos seus amantes, os cales sempre a abandonaban. Isto destrozábaa e facíaa buscar novos homes, pois pensaba que un médico mediocre (que aínda que fose mediocre iso non quere dicir que non a quixera, porque a quería moito) non era o que ela quería para o seu futuro, e podía aspirar a cousas mellores na vida. As débedas e os fracasos cos seus amantes van levar á protagonista a acabar coa súa vida con arsénico.
Gustoume moito o libro, aínda que é algo extenso.
Ás veces sentinme identificada con Enma, non porque practicara o adulterio, senón porque ela, ao igual ca min, era moi soñadora e buscaba atopar a felicidade. Loxicamente, eu non a quero buscar polos camiños por onde ela buscou, pois non me parecen os máis acertados, pero aínda así, pareceume unha historia moi entretida.

06/12/08

O porco de pé


Comentario de Enma Vázquez


O porco de pé
Vicente Risco
Galaxia



O porco de pé é unha obra burlesca de Risco situado nunha vila de Ourense.

Nela narra a subida ao poder de Don Celidonio ( "ascendeu de porco a marrán e chegou a ser alcalde"), e os enfrontamentos co Doutor Alveiros quen foi perdendo as rendas de fidalgo, e ao final do libro vese humillado diante de D. Celidonio, o alcalde.

04/12/08

O señor Ibrahim e as flores do Corán

Comentario de Lorena Bibián Caramés



O señor Ibrahim e as flores do Corán
Éric-Emmanuel Schmitt
Faktoría K



Penso que este libro nos dá unha lección. Unha infancia dura non é difícil superala no futuro, todo se saca adiante, e sobre todo co apoio de grandes amigos. Só te tes que empeñar en sacar as cousas ben. E tampouco lle hai que dicir un NON á convivencia con razas diferentes.

03/12/08

Mércores de cinza

Comentario de Susana Cumbraos


Mércores de cinza
Miguel Anxo Murado
Galaxia


Mércores de cinza non é unha historia, senón un conxunto de historias totalmente distintas e á vez parecidas entre si. Cada historia exponnos o punto de vista diferente de varias persoas en lugares do mundo distintos, pero sempre cun punto en común: a angustia da existencia humana.
Non podería resumilo pero si dicir que cada leve historia narrada presenta un conxunto de emocións xurdidas no máis profundo de cada ser humano de tal xeito que nunha poucas páxinas dámonos mergullado na vida destas persoas dun xeito que en moitos outros libros non se consegue en moitas.
Non todas as historias me gustaron igual, posto que son moi diferentes pero en todas agroman as penurias ás que a xente pode chegar a estar sometida.
Está moi ben: un pasiño máis no camiño da boa literatura.

02/12/08

Unha noite con Carla


Comentario de Thalía Troitiño González


Unha noite con Carla
Aníbal Malvar
Xerais


Este libro gustoume moito, xa só por ser de Aníbal Malvar; gústame moito a súa forma de escribir e sen dúbida considéroo un gran escritor. A historia que se desenvolve é moi atraente.
Xira en torno a unha serei de asasinatos, pero tamén nos amosa outras características como por exemplo como é a vida dun xornalista, a dun presidiario...
Hai unha parte moi simpática na que fala dun xornal "EL Correo Gallego", que publicou un artigo sobre a aparición do kiwi nas froiterías de Galicia, e como non atopaban unha foto puxeron a dunha pataca, citando "en poucos anos, o kiwi será tan común como a pataca"; un xeito rápido de arranxar o asunto.
En fin, un libro máis que recomendábel que me gustou moito.


01/12/08

O perfume


Comentario de Eva García Bibián


O perfume
Patrick Süskind
Sotelo Blanco


Foi un libro que me gustou moito aínda que o único que me transmiteu foi curiosidade, aínda que as descricións fixéronseme monótonas.
Tampouco podo dicir que me dese pena amorte do rapaz, posto que o libro non podía ter outro final.
Simplemente, é un libro moi curioso e especial.

29/11/08

Un casoiro ben mal amañado

Comentario de Andrea Díaz


Un casoiro ben mal amañado
Bali Rai
Sotelo Blanco



Comecei a lectura deste libro sen moito entusiasmo; pensaba polo título que sería unha historia sinxela, pero sorprendeume, sobre todo logo de charlar co autor. Paréceme que o trasfondo é moito máis amplo do que maxinamos, vai máis aló dunha historia curiosa sobre un adolescente con aires de rebeldía que se rebela contra os seus costumes familiares e decide afrontar a vida seguindo as súas propias leis.
A historia é de culturalismo, sobre a liberdade de elixir quen e como queremos vivir e quen e como queremos ser.

Con Bali Rai

O xoves o alumnado de4º da ESO e 1º de Bacharelato puido coñecer ao escritor inglés de orixe indú BALI RAI, grazas á editorial Sotelo Blanco. Temos moito que lle agradecer a Narciso, representante desta editorial, por sermos nós os escollidos: só seis centros de Galicia tiveron esta sorte.
Bali Rai, autor de Un casoiro ben mal amañado achegouse ao centro cun intérprete pois el non sabe castelán nin galego. Pero foi ameno e contou ao alumnado como é vivir nun lugar multicultural e como é vivir en situacións de pobreza que levan ao vandalismo; contou tamén por que se fixo escritor e como nos seus libros reflicte a súa sociedade, o xeito de falaren e as palabras que utilizan. Algúns alumnos e alumnas atrevéronse a preguntar en inglés directamente e outros fixérono en galego, e tod@s eles saíron moi contentos desta experiencia nova. Ademais, o libro gustoulles, que é importante!

28/11/08

Un casoiro ben mal amañado

Comentario de José Antonio Rey García

Un casoiro ben mal amañado
Bali Rai
Sotelo Blanco


Sorprendinme ao coñecer a historia do mozo protagonista, tiña unha pequena idea de qeu se facían estes casoiros pero o relato desta historia conmoveume.
Penso que a súa elección foi moi arriscada, que renunciou a moitas cousas pola liberdade e paréceme unha persoa moi valente, pois no seu lugar serían moitas as persoas as que se someterían á súa relixión sen facer nada.
Por outra parte, alporízome ao pensar que unha relixión obriga a facer esas cousas, creo que se deberían limitar á crenza e ao culto, pero sen privar da liberdade a ninguén.
Deume pena que non continuase a relación dos protagonistas. Ás veces axuda máis o silencio que as palabras para consolar á persoa amada, e a moza do protagonista sabía que facer en cada momento.
Os abusos do pai eran continuos, e non só os do pais senón os de toda a familia, un tema que se trataba con total normalidade, sendo unha auténtica brutalidade.